Antes de aprender a escribir, antes de forxar metais ou descubrir como facer cerámica e antes incluso de domesticar animais e plantas, os humanos modernos, e outras especies emparentadas pero xa extintas como o neanderthal ou o denisovano, xa creaban arte. Xa que non conservamos a súa música (aínda que si instrumentos de hai deceneas de miles de anos), nin escribiron as súas historias, o xeito de expresión máis coñecido son as pinturas e gravados que deixaron sobre as pedras nas que vivían e as que ergueron como monumentos. O obradoiro A prehistoria: pinturas rupestres, que se celebrará mañá ás 12.00 horas no castelo de San Antón, achegará a rapaces de entre seis e doce anos o mundo pictórico dos primeiros humanos e permitiralles debuxar coas técnicas de hai miles de anos.

O responsable do obradoiro é Alberto Ameijeiras, historiador da arte e xestor cultural, que sinala que a actividade comezará cunha “viaxe ao pasado” na que se repasará a evolución da arte durante a Prehistoria, “remarcado que a Historia a temos que entender como algo gradual, os cambios non aparecen dun día para outro”. Falarán de dous fitos próximos da arte rupestre, a Cova Eirós de Triacastela (Lugo) e as famosas pinturas de Altamira. Tamén falarán dos petroglifos, “importantes” na nosa comunidade.

Tamén se aproveitará o fondo do museo. “Como non temos ningunha cova” bromea Ameijeiras “daremos un paseíño polas salas do castelo e ímonos achegar á vitrina do dolmen de Dombate, para falar das pinturas que contén no seu interior”. Este túmulo, aos que algúns denominan a “catedral do megalitismo” en Galicia, ten dentro pinturas de formas xeométricas das que non é doado saber o significado.

Da arte rupestre, explica Ameijeiras, quedan as propias pinturas, pero a barreira dos milenios dificulta saber por que os nosos devanceiros pintaban animais e momentos da súa caza, deixaban pegadas das súas mans ou gravaban deseños abstractos. “Nas pinturas de Altamira vemos bisontes, cervos e cabalos, e esceas de caza que nos dan unha idea dos animais que coñecían” sinala o historiador da arte, que tamén estivo este verán organizando visitas ao castro de Elviña “pero en moitos casos é complicado dicir o que significaban”: se mera representación “do que vían na vida diaria”, actos con significados máxicos ou relixiosos, entretemento, arte polo pracer estético... “Nos petroglifos vemos ondas e podemos dicir que se trata de representar o mar ou a choiva, pero non o sabemos con seguridade” explica Ameijeiras.

Dentro da actividade explícase de onde sacaban os artistas prehistóricos as cores para facer as súas pinturas: “O branco viña do caolín [rochas con alta concentración de caolinita, un mineral de arxila], o ocre-vermello do óxido de ferro, o negro do carbón vexetal”. Esta será a paleta que empreguen os rapaces na última parte da actividade, na que terán que levar á práctica algunhas das primeiras técnicas pictóricas do ser humano. Unha é a de deixar a pegada da propia man, tanto en positivo (tintándoa e oprimíndoa contra unha superficie) como en negativo (pousándoa na parte que serve de lenzo e soprando o pigmento por enriba para contornala).

Outra, o punteado, consiste en empapar a xema dun dedo coa pintura e ir deixando pegadas que formen figuras ou unha silueta. Finalmente, os rapaces recibirán un pincel (primitivamente facíanse cun pao e pelo de animal) e unha táboa rugosa que imita as paredes das rochas para debuxar, en principio, un bisonte, aínda que “o deixamos á súa imaxinación”. O castelo de San Antón organizará máis obradoiros de ilustración e collage os sábados 11, 16 e 25 de setembro.