O ferrolán Pedro Castro, coñecido por moitos pola súa sinatura artística Perico Castro, chegou á Coruña para estudar Náutica, pero acabouse asentando na cidade como artesán, artista, pintor e propietario da tenda Atlantis (logo cafetería). Ten unha obra moi vencellada ao folclore e tradición galegas, que explora, entre outros temas, o legado dos tempos medievais e célticos. Esta “filosofía”, como a denomina el, de achegarse á alma do pobo, é a que inspira a súa última exposición, As Lendas Galegas, que se estreará este venres ás 20.00 horas no Circo de Artesáns (San Andrés, 36) e na que recolle once cadros inspirados polos mitos da comunidade.

O seu cadro adicado á Pedra da Serpe de Gondomil.

A recompilación, sinala Castro, só recolle algúns contos dos “centos que ten Galicia”. Entre eles atópase o da Pedra da Serpe de Gondomil, en Corme, un dos petroglifos máis destacados da Costa da Morte. Aló está gravada unha culebra alada, dominada por un cruceiro de pedra. Segundo reza o conto, cando San Hadrián estaba predicando pola rexión, fixo fuxir unha grande cantidade de serpes que infestaban a zona, e unha ficou para sempre no penedo. Outro dos cadros, dunha temática máis próxima á Coruña, está inspirado pola historia da galiña e os pitos de ouro, “que escoitei preto de Culleredo, falando cun veciño”, conta Castro. Estes seres míticos baixaban do castro de San Cosme, segundo a tradición popular.

Algunhas lendas non son dun sitio en particular, explica Castro, senón que se atopan, en diversas versións, por toda a xeografía galega. É o caso do da Casa da Moura, vencellada a un dolmen no concello ourensano de Calvos de Randín pero “moi repetida en todos os sitios de Galicia”. Un labrego vai á feira e aparéceselle un mouro que lle pide que lle compre un cocho. O home faille o favor e chega a un novo trato mercantil con este espírito subterráneo: levarlle “todas as mañanciñas un cuartillo de leite” a cambio de moedas de ouro. Mais, seguindo o que é habitual nestes casos, ponlle unha norma arbitraria, que ninguén saiba do trato. Como tiña que pasar, o home acáballe contando á muller a orixe do diñeiro que aflúe á casa, e perdendo o proveitoso negocio.

Para Castro, esta exploración do folclore é parte da súa mirada a unha tradición que “é un mesmo vieiro desde os nosos antergos ata hoxe”. Para referenciar outras partes da historia e da cultura galega, na presentación do xoves o vai acompañar Andrés Pena Graña, arquiveiro do Concello de Narón e “para min un dos mellores arqueólogos que temos en Galicia”, louva Castro. Tamén estará o músico Eloy Vázquez, que fará unha interpretación de música medieval. Os asistentes recibirán tamén unha xerografía asinada e numerada do cadro A Casa da Moura. A asistencia é gratuíta, pero, debido a que as prazas están limitadas, é necesario facer unha reserva previa no teléfono 981 222 976.

A colección, cuxas obras están á venda, permanecerá un mes na sede do Circo de Artesáns. É froito do traballo que fixo Castro durante a corentena polo coronavirus, un período no que aproveitou para facer tamén ilustracións relacionadas coa obra de Valle Inclán que exporá en outubro na Pobra do Caramiñal. O autor, que ten outras propostas de exposicións tras o parón polo COVID, traballa tamén para estrear un cantar de cego ilustrado inspirado na obra do autor vilanovés.