“Non aceptamos ningunha solución que non libere a cidade das cargas do porto exterior”, dixo Marea o sábado. Isto supón o rexeitamento a partidas orzamentarias para a compra dos peiraos?

Non entendemos esta solución porque o que fai o Goberno local é aceptar o marco da débeda e que a responsabilidade de pagala é da cidade. Cuestionamos que a carga de construir unha infraestrutura de Estado corresponda a A Coruña. Dicimos isto porque a proposta de pagar polos peiraos non elimina a carga de pagar polo porto exterior. Hai un investimento grande de millóns de euros pero non desaparece o problema para a cidade.

Xa empezaron a falar co PSOE polo orzamento. Este rexeitamento á operación portuaria deixa en situación delicada o apoio de Marea ás contas socialistas?

Seguimos en conversas e negociacións con PSOE. Cremos que hai marxe para mover posturas. Eles saben que para nós a cuestión portuaria é trascendental porque negociamos un modelo de cidade. Podemos dialogar e negociar sobre a cuestión portuaria e o noso deber é esgotar todas as posibilidades.

Pódese condonar a débeda se xa se están acordando desembolsos nos peiraos? O Goberno local di que si.

Inés Rey fala da condonación da débeda en declaracións públicas, pero a verdade é que da bandazos: un día o Goberno local defende a liberación da débeda e outro di que trae mala reputación para a cidade. Os pasos reais que van dando son os de aceptar o marco da débeda. A operación dos peiraos supón que se asume que hai que pagar por solo público. Persoalmente pensó que a aposta da alcaldesa pola condonación tería que ser moitísimo máis forte. Para iso o Goberno local pode contar con Marea Atlántica.

Qué tipo de reordenación defende Marea para os peiraos de Batería e Calvo Sotelo?

A que ten que ver cos usos públicos e co disfrute dos cidadáns. Ten que primar un interese xeral sobre o de facer caixa. A cidade necesita que o porto siga a ser un motor productivo, e iso debería estar garantido.

Caben os usos residenciais en San Diego e Petroleiro combinados con usos produtivos?

Hai outros lugares da Coruña onde se poden desenvolver usos residenciais, mesmo o ofimático. Por que non falamos primeiro sobre como se solucionará o problema económico do Porto e despois falamos de usos? Vivenda si ou vivenda non, vivenda pública o vivenda privada é para nós empezar a casa polo tellado.