O BNG foi claro en xullo: non apoiará un orzamento con partidas para os peiraos. Mantén a postura?

Mantémonos. É unha liña vermella. Non se poden mobilizar recursos do Concello para adquirir uns peiraos que xa son públicos.

A alcaldesa dixo que a proposta non supón unha renuncia á condonación da débeda portuaria. ¿Enténdese esa desvinculación?

Esa operación proposta ven demostrar que se nos quere instalar a lóxica de que é necesario vender activos para amortizar a débeda, polo que non ten sentido dicir que ambas cousas non están ligadas. Se da por imposible a condonación, cando desde o noso punto de vista cremos que si cabe esa condonación se se exerce presión política.

Mais semella que pedir o perdón da débeda non atopa resposta.

O Goberno valenciano, no marco do consello de política fiscal e financeira, condicionou pactar os obxectivos de déficit e o seu reparto entre administracións a que o Goberno central asumise a condonación da débeda do Porto de Valencia. É dicir, Valencia exerceu a súa capacidade de presión política para que o Estado asumise ese compromiso. Que fixo ao respecto a Xunta en Galicia? Que fai o Concello? Non abonda con invocar á condonación, hai que acompañalo dunha presión política para que o berro sexa escoitado.

Prevé que haxa harmonía entre Xunta e Concello tras o acordo?

Os feitos semellan apuntar nesa dirección. Botamos en falta que non se esixa a condonación ao Estado e que non se den pasos para crear o ente instrumental para a transformación de todos os terreos.