“As musas existen e son grecolatinas”. Son palabras de Susana de Lorenzo, que, ademais de ser unha cantante que explora desde o folk e o rock ata a música clásica, é profesora de latín e grego e namorada dos tempos de Cicerón e Pericles. Hoxe imparte unha conferencia ás 18.00 horas no Circo de Artesáns (San Andrés, 36) xuntando a arte, a historia e a mitoloxía en A música dos deuses: o mundo clásico como fonte de creación artística. Mais será unha intervención “un pouquiño inusual”, pois, ademais da charla, cantará dúas pezas en directo e incorporará videocreacións do cineasta e pintor Jesús Sú, coautor do acto.

A charla “non pretende ser exhaustiva” , sinala Lorenzo, senón unha ocasión “para desfrutar” e axudar a descubrir un mundo que “máis que nunca está vivo e é unha constante referencia”. Nas súas clases de idiomas clásicos, explica a cantante e lingüista, intenta transmitirlle aos seus alumnos que “non é unha cousa alonxada de nós” e que este legado do pasado afecta a practicamente todos os ámbitos da vida e da sociedade, empezando pola vida intelectual, no que “tanto lle debemos aos romanos e os gregos”.

“O canon de beleza é grego, o pensamento é grego, as ideas da democracia son gregas, o dereito, tan importante, é un monumento romano” enumera Lorenzo. As nosas linguas derivan das que falaban Aristóteles e Catulo, e irse ás linguaxes clásicas, explica Lorenzo permite entender “o que significa realmente” a nosa. A autora explorará tamén na conferencia que imparte hoxe as lendas desa época, describindo algúns dos mitos máis relevantes da ecúmene, como os de Edipo, Medea e Eurídice.

A idea da charla é explicar como todo ese legado de ideas e historias supón unha fonte de inspiración artística, algo que é visible en multitude de disciplinas, como a arte. Pero a conferenciante centrarase na música, o mundo que coñece mellor.

Eclecticismo musical

Susana de Lorenzo, soprano, é solista da Compañía Lírica de Galicia e actuou con grande cantidade de orquestras, como a Sinfónica de Galicia ou a Real Filharmonía, pero ten explorado moitos estilos musicais modernos. “Empecei cantando soa cunha guitarra” explica, e logo formou parte de grupos de rock da movida coruñesa, como Área Cero e Por favor no disparen al pianista. Logo pasou a cantar música clásica, pero ao tempo fundou Deusa Tola con Xoán Piñón para interpretar músicas do mundo, toca repertorio galego con Alejo Amoedo no dúo Galia, participa na formación de folk DOA (coñecida polo seu disco A fronda dos cervos) e conta con repertorio de jazz.

“Gústanme moitos estilos” explica Lorenzo “empecei cun estilo máis popular, pero descubrín o mundo lírico e quedei seducida, aínda que tamén me gusten moito os grupos rockeros, non o podo negar. Traballo bastante a voz e estou cómoda nos dous mundos”. Admite que non é moi frecuente ese eclecticismo, ou que, polo menos, non o era antes: “Hai anos ninguén saltaba dun mundo a outro, agora parece que se fai máis”. “Eu teño sorte: chámanme e fago proxectos”, explica a polifacética artista.

Entre os seus intereses está tamén a música experimental e electroacústica, na que fixo proxectos con Jesús Sú. Este, profesor de Deseño, ten estudos de Belas Artes, Dereito e Filosofía, e é o realizador habitual dos vídeos de Susana de Lorenzo. Estreou catro filmes: Krista Cristal, Bajo las piedras, La sociedad del espectáculo e Azul, que se puideron ver no Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI). Tamén realizou múltiples exposicións, alguna na Coruña pero tamén en Rusia ou nos Estados Unidos.

As obras de Sú pódense atopar, ademais de no CGAI, na facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo, no Museo Profmuseum de San Petersburgo e en coleccións particulares de varios países, tanto de Europa como do continente americano.