Uns empéñanse en poñelas e, o Concello, en quitalas. Xerión pode ser calquera, calquera que saiba unir teselas de cores e formar unha caveira, seguindo o esquema que a conta @xerionxerion colgou no seu perfil de Twitter, e que se anime a instalar o resultado final nun lugar público. Fontes do Goberno local indican que, polo de agora, non se sancionou a ninguén por esta intervención aínda que si que se están a retirar estas caveiras de edificios protexidos e de titularidade municipal, e tamén o están a facer, en cumprimento da ordenanza de limpeza, doutras paredes da cidade.

Caveira de Xerión.   | // ANDRÉ GUIEIRO

Caveira de Xerión. | // ANDRÉ GUIEIRO Gemma Malvido

Con todo, non todo o mundo está de acordo con que se persiga esta iniciativa artística colectiva para borrar a súa pegada. En redes sociais pódense ver aínda as imaxes que os internautas compartiron das súas rúas decoradas, mostrando a súa aceptación, como un aceno máis da identidade da cidade.

Montaxe de Xerión, preto das Escravas. | // CARLOS PARDELLAS Gemma Malvido

Nesa mesma liña sitúanse tamén expertos en deseño gráfico, como Antón Lezcano e Artur Galocha, que consideran que as caveiras de Xerión son unha intervención artística e que o Concello está a perder unha oportunidade de “darlle a volta” á situación e de aproveitar a creatividade dos seus veciños para publicitar a cidade.

“Este tipo de street-art que se manifesta desde hai varios anos e que está en auxe, paréceme que está moi pouco valorada por aquí. Non só as queren borrar senón multar ao autor no canto de darlle unha volta e velo como algo novo, unha intervención cultural e artística. Non estou a comparar isto con Banksy, pero imaxinemos que o fixese Banksy. Agora mesmo non estariamos a falar de nada de isto”, comenta Lezcano, que diferencia estas caveiras que poboaron durante varios días as rúas da cidade, das sinaturas ou das pintadas que se poden ver en portas ou paredes e que non destacan polo seu valor artístico. “Esta é unha cousa que está coidada, que está pensada e que, mesmo ten un gasto. Non é unha pintada sen máis nun garaxe, que pode facer calquera cun spray. Creo que habería que apoialo,”comenta Lezcano e felicita a quen tivese esta idea e a executara, xa que considera que hai un bo traballo detrás dela.

Para Galocha, que lembra que estivo vinculado ao grafiti desde pequeno, estas caveiras son “unha expresión da cidade e da xente que vive en ela”.

“Hoxe en día nas nosas cidades todo é publicidade, comercio e coches, e ninguén pon o grito no ceo ante esa invasión, pero en canto é unha acción sen o control do Concello, unha acción espontánea da xente que vive na cidade, este xa corre a sancionar”, di Galocha, que defende que é “unha acción coidada, pensada, cun estilo artístico determinado e que, ademais, xoga coa propia identidade da cidade”, na figura de Xerión, que está presente en toda a iconografía da Coruña, aínda que moita xente descoñece que, segundo conta a lenda, a cabeza do xigante está enterrada baixo a Torre de Hércules. Para Galocha, é importante potenciar este tipo de intervencións porque “poñen á Coruña no mapa artístico da arte urbana” e porque, a raíz delas, créanse moitos contidos tanto en medios de comunicación como en redes sociais.

Ademais, a retirada das caveiras na Coruña non se acompasa co que se está a facer noutras vilas galegas. “Galicia é un dos países punteiros no grafiti. A xente de Desordes Creativas promoveu o tema do muralismo e agora Ordes é unha capital mundial da arte urbana Pasa o mesmo co Rexenera Fest de Carballo. Ou o Vigo Cidade de Cor. Xente como Leandro Barea ou O Primo de Banksy, en Lugo... hai todo un movemento que mellora as nosas cidades, moitas veces sendo o propio Concello o que potencia outras iniciativas persoais ou de colectivos, espontáneas, libres e vivas”, describe Galocha.

Fontes do Goberno local indican tamén que hai espazos na cidade nos que os artistas poden amosar a súa arte e que poden facer uso deles, sen intervir na vía pública. Esta solución, porén, como explica Lezcano, réstalle o compoñente de “adrenalina” que acompaña a estas manifestacións artísticas, que se adoitan facer sen permiso. “Nun mundo que vive da imaxe, todo o día co móbil na man, este tipo de iniciativas ten moi boa acollida, sobre todo entre a xente nova e é tamén unha cousa normal noutros países. Non digo con isto que todo o mundo se poña a facer street-art, pero si que, cando hai unha proposta así, e que está ben feita, pódeselle dar a volta”, comenta.

“Na rutina e monotonía que temos, penso que é boa esta iniciativa. Vas de camiño ao traballo, como todos os días, e de súpeto, ves algo que cambiou, algo que che chama a atención, que fai que a cidade sexa un organismo vivo. É coma unha exposición ao aire libre. É que ademais son ben bonitas. Non sería mala idea que o Concello, en lugar de buscar aos autores para sancionalos, fixese un mapa dos lugares onde están as caveiras e o puxese na web e nas redes sociais para que a xente dese un paseo pola Coruña, como fan cos Banksys en Bristol. E facer incluso camisetas, ou autocolantes, ou tote bags… Potenciar esa identidade da cidade cun estilo novo, fresco, espontáneo e molón. Se A Coruña quixese renovar a súa imaxe e acudise a unha axencia non lle podía saír mellor que isto, sen dúbida. E aquí estanllo a dar de balde! Que o aproveite”, resume Galocha.