Os incurábeis, de Antonio Tizón, pode lerse ou, para os menos aficionados, pode camiñarse. Un roteiro literario percorrerá hoxe os escenarios máis representativos da obra do escritor dos Castros, emprazados, todos eles, no barrio no que reside e sobre o que escribe. A novela, que toma como marco histórico o atentado do 11 de setembro, aproveita a data para camiñar as rúas, prazas, locais de hostalaría e mesmo hospitais que toman parte da súa trama. “Os roteiros fanse sempre no centro. Penso que é máis orixinal facer algún que percorra o barrio”, sinala o autor de Os incurábeis, Antonio Tizón.

A comitiva, guiada por Henrique Sanfiz, de Son Radiofusión, e que encheu en poucos días todas as prazas dispoñibles, partirá do Hospital Marítimo de Oza, onde dá comezo a camiñada que mesturará a realidade dos feitos históricos coa ficción proposta na novela. Alí, a actriz Eugenia San Martín meterase na pel da directora do psiquiátrico. Despois, o grupo percorrerá a praia de Oza, onde se narrará a historia da antiga praia do Lazareto, antecesora dos actuais varadoiros.

“A seguinte parada é praza Claudio San Martín. O que fai de inspector de policía, Sánchez Pereiro, falará dos ambientes do barrio, do prostíbulo que había; malia que chegou a haber tres. Na novela, inventei que Cañita Brava cantaba aí. É curioso, porque na vida real, fixo de recadeiro para as prostitutas”, comenta Antonio Tizón. As tabernas históricas do barrio non marchan, tampouco, de baleiro no percorrido. Malia que a máis antiga da cidade, A Toquera, sita no barrio das Xubias dende hai máis de 100 anos, terá que agardar a ocasións futuras para ser obxecto de ollos de curiosos, outros locais senlleiros, como O Corzo, o máis antigo do barrio; ou Os peores vinos, célebre pola confusión que orixinou o seu nome, entran no roteiro como protagonistas de seu. “Enriba dos peores vinos vivía Mercedes Peón, que pasou aquí a adolescencia e a xuventude”, lembra Tizón.

A librería Carballido, outro dos puntos do itinerario, propón unha promoción para os afortunados asistentes: por cada libro en galego mercado, vai outro de regalo. A deputada autonómica Mercedes Queixas, antiga secretaria da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, ilustrará despois aos presentes sobre a importancia e a significación dos roteiros. Farao nun enclave significativo: a rúa peonil emprazada entre outros dous bares representativos do barrio, O Cenlle e o Mesón dos Castros. “O Cenlle só vende o viño que fai el. A colleita dálle para todo o ano. O Mesón dos Castros está sempre cheo. Os mecánicos do barrio, os irmáns Otero, levan 20 anos indo a comer alí o menú. E non cansan”, sinala o escritor.

O Minín, famoso por albergar xantares dos grandes xerifaltes coruñeses, será o seguinte punto do roteiro, que culminará, para o xantar, en Casa Saqués, onde o propio Antonio Tizón pronunciará a última das intervencións. A novela comezará a emitirse, para o desfrute dos que non chegaron o tempo de anotarse ao roteiro, tamén en formato podcast, e constará de 86 capítulos que poderán escoitarse a partir do día 20.