O xornalista e escritor Lois Oreiro presenta mañá ás 20.00 horas na Fundación Barrié de la Maza o seu último libro, Os mundos de agora, un ensaio no que reflexiona sobre a tecnoloxía presente e futura e as súas implicacións na sociedade e a liberdade individual. Estará acompañado polo autor Xavier Alcalá e o webmaster de código aberto Marcus Fernández.

Como nace o seu interese por estas cuestións?

O libro é unha mirada crítica sobre a actualidade, social, política, económica e tecnolóxica. Teño un volume de lecturas que a xente non se imaxina nun reporteiro, pero esta labor de xornalista tamén me permite observar a enorme diferenza que existe entre retransmitir e vivir, nun tempo no que a xente se dedica a retransmitir a súa vida constantemente en redes. O móbil converteuse nun intermediario social e a transmisión nun modo de vivir. O COVID non acelera a dixitalización, o que máis se revalorizou durante ela foi a presenza física. A dixitalización xa viña, a toda velocidade, antes do coronavirus.

O noso cerebro está deseñado para buscar atención e relacións sociais. Agora isto está mediado, nas redes, por algoritmos deseñados para que esteamos pendentes deles.

Ese é o cerne do libro. Neste momento vivimos na economía da atención, que ten nos nosos datos o principal factor de produción. Hai exércitos de tecnólogos e enxeñeiros, patrocinados polas grandes tecnolóxicas, que dedican moitas horas cada día para estirar un segundo máis a nosa atención, para que sigamos enganchados á pantalla. Xa non é que deixemos o que queriamos facer, é que comezan a nacer trucos técnicos e psicolóxicos que, polo noso historial de navegación e os gustos que deixamos na rede, xa nos din o que realmente queremos. Vaise consolidar un hábito segundo o que, cando me ofrezan algo, antes de que teña o tempo, o período de latencia, para decidir que quero, xa me ofrecerán o que me gusta. E co tempo afareime a confiar nese algoritmo que me di o que quero e quen son.

Cal é o risco do que máis fala?

Que o próximo paso da dixitalización son os implantes corporais. Tanto por necesidades laborais como por necesidades sanitarias. No momento no que estes elementos anden postos no corpo, xunto con estas técnicas da economía da atención, sen de momento límite legal ningún... A Unesco anuncia para final de ano unha declaración base para unha normativa mundial sobre intelixencia artificial. Veremos a ver se se fai, pois tamén anunciaron unha taxa Google que non existe. Isto require a atención, non só dos teóricos expertos, dos que non nos podemos fiar porque a metade das veces están pagados por alguén que nos escribe o futuro como el quere que sexa porque é bo para a súa liña de negocio. Expertos en nós mesmos ninguén mellor ca nós. A tecnoloxía ten que adaptarse a nós, e non nós a ela. Na práctica somos un novo proletariado tecnolóxico.

Por que o di?

Porque pasámonos días e noites, festivos, a hora de xantar, clicando sen parar patróns, interactuando con aplicacións, mellorando algoritmos. Que teñen dono, donos que gañan cartos así e non nos pagan nada. Somos un novo proletariado sen dereito laboral ningún.

Que pasaría coa democracia?

Algúns profesores da Universidade de Oxford denuncian que hai unha burbulla nos anuncios personalizados de internet. Venden a empresas particulares esa teórica publicidade personalizada na que se agocha por forza fraude. O 40% do 100.000 millóns de euros que se gastaron en 2017 niso perdéronse en usuarios que tiñan bloqueada a aplicación, o que o cliente non pode comprobar. É relativamente ineficaz a publicidade, pero onde si funciona é en política. De feito, utilizouse con Cambridge Analytica [unha consultora que adquiriu datos de Facebook e os empregou na campaña de Trump de 2016] para influír en indecisos. Era máis rendible politicamente que comercialmente. Modifica a democracia esto? Evidentemente, se toda a información que recibo para por un único filtro. Se son vítima das técnicas de atención que buscan a emocións, os haters [xente que expresa o seu odio en Internet], as shitstorms [aluvións de críticas e mensaxes negativos pola Rede ou redes sociais], os insultos, a polarización radical, burbullas de opinión que impiden que nos escoitemos entre nós... O camiño que vén require atención individual e colectiva.

Hai xente que xa conceptualiza os ordenadores e os móbiles como ferramentas para pensar, como as gafas o son para ver. Como afecta iso ao noso cerebro?

Ese é un dos temas centrais do ensaio. O modelo de móbil que máis imos aplaudir é o que veña en pezas para levalas postas por dentro e fóra da pel. Cando parece que isto é unha cousa de friquis, de cyberpunk, de tribos urbanas, iso non da medo, son excesos. O perigo vén de implantes que entrarán por dúas áreas que non teñen discusión no mundo no que vivimos, que pasaron a ser fines en si mesmos: a saúde e o traballo. Cando o implante sexa necesario para controlarche o ácido úrico, o colesterol, ou que che digan que se queres seguir traballando tes que aceptar lazos de grafeno no cerebro para conectarte a unha intelixencia artificial... Pola tecnoloxía sanitaria e laboral é por onde accede a maioría. E ollo, porque nos implantes tocamos moitos campos. Non só se fala en Silicon Valley, Stanford ou Princeton de intelixencia artificial, fálase de consciencia artificial, de se as intelixencias artificiais máis evolucionadas desenvolven consciencia de si mesmas.

As persoas máis novas críanse cos dispositivos como un eixe central das súas vidas.

Non se crían na sociedade do coñecemento, como di a xente, senón na sociedade do entretemento. E ollo, porque os primeiros móbiles era impensable que fosen para todo o mundo, era carísimos, estratosfericamente caros. E hoxe hai máis móbiles no mundo que seres humanos. E cos implantes, o camiño é o mesmo. Non é unha tecnoloxía tan rara. Vai ser moi común, moi frecuente e en casos obrigatoria. Estamos educando en este contexto tecnolóxico, e sobre todo nesta trivialización e emocionalidade sobrecargada que lle interesa ás redes. Porque o emocional dá máis atención. Imos facer rapaces e rapazas novos críticos, con capacidade de pensar por si mesmos? Complicado, a non ser que se colla o toro polos cornos. Ben é certo que de todo o planeta Terra é na Unión Europea onde temos algunha posibilidade. Os Estados Unidos e China, que están en guerra pola hexemonía da intelixencia artificial, non van sacrificar nada a risco de perdela. É Bruxelas quen limita mercados, quen limita servizos dixitais e quen regula o das fake news, o da intelixencia artificial e moitas cousas. Estamos no lado bo do mundo; non sei se é suficiente. Pero o que non vexo é que na actualidade, nas nosas vidas, se fale destas cousas, que son tan importantes como a crise económica ou como o COVID. Vainos a vida nisto. Diso falo en Os mundos de agora.