O coruñés Miguel Ángel Cajigal é en redes sociais El Barroquista, divulgador cultural, que reivindica o casco histórico da súa cidade e que considera “obvio” que se ten que recuperar a antiga prisión provincial para darlle á Torre de Hércules “o museo que merece”, pero tamén para contar a súa propia historia como edificio. Ante o reto da transformación dos peiraos interiores, alerta de que non se debe cometer o erro de perder a conexión da cidade co mar.

En redes sociais fai un labor de divulgación da arte, empezou sendo un proxecto máis pequeno, pero está a dar o salto a grandes medios.

A divulgación clásica, que son conferencias ou artigos en publicacións especializadas, é moi limitada. Desde que fago estas cousas tamén en redes sociais a proxección multiplicouse moito, e está moi ben, aínda que é unha responsabilidade maior.

Hai cada vez máis interese por saber que é o que temos arredor?

Creo que a xente quere estar cada vez máis informada e descubriu que, a través das redes, pode ir directamente ás fontes. No mundo anglosaxón si que teñen máis tradición e, se es especialista nalgunha materia, o normal é que teñas algún tipo de retorno á sociedade do que fas, pero na nosa contorna esta tarefa de divulgación víase e séguese a ver coma algo pouco importante, pero creo que xa máis xente se está a decatar de que é fundamental.

Tivo oportunidade de neno de estar en contacto coa arte na cidade?

Unha cousa que eu facía de pequeno coa miña nai e coa miña avoa era visitar en Semana Santa as igrexas da cidade. Encantábame, tamén porque era un momento para estar en familia. Tiven a oportunidade de ver igrexas que son un patrimonio excepcional, sobre todo, San Xurxo, Santo Domingo, a Orde Terceira e San Nicolás, que son moi potentes. Despois, eu que son músico, cos anos fun pasando por practicamente todas esas igrexas, tocando en concertos ou en vodas. Na Colexiata cantei ben 50 ou 60 veces. Isto fíxeno antes de ir á Universidade, entón, tiña como máis apego a todo ese patrimonio que unha persoa que igual non entrou nunca.

Como foi a decisión de estudar Historia da Arte, tíñao xa claro desde pequeno?

Na miña familia había interese pola arte pero non de xeito profesional. Eu si que tiña moito interese, desde pequeno, pero pola información. Son adicto aos libros desde neno. O que sente un rapaz ao entrar nunha xoguetería ou nunha tenda de lambetadas, eu sentíao nas librarías. De pequeno xuntaba cartos para comprar libros. Primeiro eran cómics pero despois fun mudando cara a outras temáticas. Tiven unha época na que tiven que decidir se facía Historia da Arte ou Arquitectura, ao final fixen historia da arte porque canalizaba máis outros intereses que tiña.

E cales eran esas librarías que tanto o fascinaban?

Ía moito a Arenas e as de Couceiro da rolda de Outeiro. De neno tiraba moito das librarías de barrio, pedíalles cousas e conseguíanmas. De feito, os libros de primeiro de carreira, aínda que estudei en Compostela, compreinos en Couceiro.

Cal é o cambio máis salientable que ve na cidade actual a nivel patrimonial comparada coa cidade na que se criou?

Unha maior valoración do que chamamos a zona histórica, tanto a Cidade Vella como Pescaría. Teño a sensación de que se valoran máis eses escenarios urbanos, a zona da Mariña, as galerías... Hai uns anos incluso as terrazas das galerías estaban moi desvalorizadas. Desde a Mariña até a praza de Ourense é a zona máis importante patrimonialmente que ten a cidade. Sempre foi a zona de paseo pero creo que non se valoraba tanto o contedor.

Queda moito por facer para potenciar a Cidade Vella?

A miña sensación é que a Cidade Vella da Coruña é unha das máis interesantes de Galicia pero non o sabe. Non é Pontevedra nin Santiago, pero é importante. É certo que foi moi degradada durante décadas, pero esa degradación, que agora está máis detida, non ten que ser un inconveniente porque, ao final, grandes barbaridades, en todas as cidades vellas se fixeron. Ten unha vantaxe fronte a outras, que é que inclúe bastantes espazos naturais, a praza de Azcárraga que é un dos meus lugares favoritos, a zona das Bárbaras...

E ten os xardíns de San Carlos...

Precisamente estaba pensando neles, son unha auténtica xoia. É un sitio moi tranquilo. A min gústame entrar nos xardíns desde a zona vella, pasando polo Arquivo do Reino de Galicia.

E ten a casa Cornide.

Nunca falei moito dela porque a descoñezo bastante. É un pouco incógnita ese edificio. Desde fóra ten ese aspecto como de casa de película de que algo debe pasar no interior. Teño a sensación de que un espazo tan simbólico e de tanto valor cultural e histórico para a cidade, a súa recuperación sería moi importante, pero sabemos xa por Meirás que estes procesos son moi longos.

Se seguimos camiñando chegamos á antiga prisión provincial...

Nunca entendín cal era o problema co antigo cárcere. A maior parte das cidades que teñen un edificio así no centro urbano recuperárono. Aí temos o cárcere de Lugo, un edificio alucinante. Estando o cárcere onde están en fronte do monumento máis importante da cidade e dun dos monumentos máis importantes de España, non entendo que estea así, supoño que hai trámites administrativos que se me escapan. Para min é moi especial porque xusto tanto meu pai coma miña nai son desa zona. Meu pai sempre se gababa de ser un dos coruñeses que máis preto nacera da Torre. A min, a recuperación do cárcere paréceme algo obvio, moi obvio, aínda que descoñezo as dificultades que hai para facelo.

Postos a imaxinar, que podería ser a antiga prisión provincial?

Ocórreseme que ese edificio, que non é pequeno, podería contar a súa propia historia, pero tamén sería un bo lugar para instalar o gran museo que a Torre merece. O certo é que temos un monumento con moitas limitacións na súa propia interpretación porque non ten espazo. É un monumento ao que non lle damos toda a importancia que ten. A diferencia de moitos outros monumentos, a Torre é moi querida, e iso está moi ben, está no ADN coruñés pero ten a contrapartida de que non se valora tecnicamente nin historicamente todo o que supón. Penso que unha boa museografía didáctica da Torre sería marabillosa porque a xente que vén doutras partes do mundo sabería por que é tan importante. É unha icona absoluta da cidade porque nunca existiu a cidade sen este símbolo.

Como divulgador da arte, que salientaría da súa cidade a aqueles que non a coñecen?

Deixando de lado a Torre, que é obrigada, penso que o paseo que mellor permite coñecer A Coruña, aínda que haxa que rastrealo entre edificios máis modernos, é o que vai desde O Parrote ao castelo de Santo Antón, hai que dar a volta polas antigas murallas que aínda se conservan para entender que foi A Coruña durante séculos: unha das prazas estratéxicas máis cobizadas de Europa precisamente porque é a vixía dun dos portos naturais máis importantes que hai na península ibérica. Todo isto explica tamén a conexión da Coruña coa súa contorna, co resto da ría, con Ferrol... É unha das paisaxes culturais máis alucinantes que temos en Europa e penso que aínda non nos decatamos. Penso que nos temos que fixar máis no que temos e hai unha cousa que facemos moi mal. Cando imos a outras cidades gústanos moito como teñen as cousas pero non o reproducimos. Aínda estiven a pasada fin de semana e eu pensaba: Algún día conseguiremos que a rúa Real brille como merece? Temos un dos conxuntos arquitectónicos máis incribles en toda a recta da rúa Real e Rego de Auga. Non se trata de inventar nada, trátase de que se poida ver o seu patrimonio. Nos últimos tempos rehabilitaron un par de edificios e son alucinantes e aí é onde me falta sensibilidade, que tampouco é cuestión de facer algo grandioso senón de mirar arredor.

E se ademais de pasear puidesen entrar nalgún museo, que recomendaría?

Os cadros de Luis Seoane no museo de Belas Artes. Ás veces imos a outras cidades ver obras doutros artistas e non coñecemos o que temos aquí ao lado.

A cidade enfróntase a unha transformación moi importante coa desafectación dos peiraos interiores, en que non se pode fallar?

Hai unha cousa sobre o porto que a min sempre me produce sentimentos encontrados, de pequeno, ía case todas as fins de semana pasear polos peiraos. A Coruña é unha cidade mariñeira e a perda dese enganche co mar pode ser unha perda de identidade. Eses peiraos son moi suculentos a moitos niveis, especialmente a nivel urbanístico, porque A Coruña é unha cidade moi pequena. Creo que non se debería de perder nunca a visión da importancia que ten o porto na historia da cidade porque significaría perder a súa esencia. Na marxe do porto, desde a praza de Ourense, creo que se debería respectar a natureza portuaria e a relación sempre presente coa pesca e co mar. Independentemente de que sexa lóxico sacar do corazón dunha cidade unha infraestrutura industrial, penso que habería que aproveitar algúns dos espazos para que nunca perdese ese aspecto portuario e para facer unha boa dotación cultural.

Manter silos e guindastres?

Hai edificios do porto que son históricos en si mesmos e que teñen unha tipoloxía específica e non sería difícil aproveitalos para un uso cultural, expositivo, aberto... Hai mil maneiras de aproveitalos e centos de exemplos en Europa de como facelo. Os antecedentes non invitan á esperanza. Despois de perder a estación marítima non podemos ser moi optimistas co que vaia pasar con moitos dos edificios do porto. Edificios como a Lonxa do Gran Sol merecerían ser salvados nesta transformación? Totalmente, sobre todo, para non esquecer, cando menos fisicamente, que este foi un dos portos máis importantes da península ibérica.