Para min é unha honra comparecer nun acto tan excepcional como o aniversario dun xornal que proxecta a Coruña e Galicia desde a proximidade.

Digo excepcional no máis estrito sentido da palabra, porque teño entendido que se algo vai contra os dogmas desta profesión é que os xornalistas sexades os protagonistas da actualidade, aínda que sexa por un día.

Sei —porque algún xornalista coñezo— que estades máis cómodos no papel de “xente que lle di á xente o que lle ocorre á xente”, se preferides lembrar a definición do director de La Republicca, Eugenio Scalfari. Pero 20 anos retratando o que nos pasa ben merecen polo menos un titular. A cantas columnas ou en que páxina xa non me atrevo a dicir, iso é decisión da directora Carmen Merelas.

O exercicio do xornalismo está escrito en presente continuo. Cun pé na actualidade, os xornais interpretan nas súas páxinas e pantallas o pulso da comunidade, ofrécelle un foro para dialogar consigo mesma e achega unha visión ordenada e fidedigna do seu tempo e do seu lugar.

Un xornal é un organismo vivo, unha praza, a rede social máis solvente. Os coruñeses, os veciños da área e os galegos acoden a diario ás páxinas de LA OPINIÓN ávidos de información e debate. Dunha mirada plural que lles conte o mundo desde a súa cidade. Dunha referencia cotiá que narre, esixa e divulgue. Dunha crónica veraz que desentrañe todos os porqués.

No griterío actual é común pensar que o que non se conta non existe. Por iso precisamos, máis que nunca, do xornalismo local. No Ventorrillo, nos Mallos, nos Cantóns ou en Catro Camiños sucédense feitos concretos que precisan ser relatados, ou canto menos, elevadas á ágora pública. Velaí unha demostración do axioma de ir, ver e contar.

Nunca un diario de Nova York ou Londres, un xornal de papel salmón, ou un periódico de tirada nacional reparará como facedes vós —nin coa frecuencia, a profundidade e o interese coa que o facedes vós— no que importa ao cabo destas rúas. Sexa nas da Coruña ou nas da “Gran Coruña” metropolitana.

Galicia ten unha fonda tradición de xornais que, desde o máis próximo, contribúen a forxar relatos e verdades compartidas que nos dotan de sentido colectivo. Lonxe de estremar a diferenza na tradición dos peores “ismos”, evidencian que estamos unidos polas mesmas arelas, obstáculos e inquedanzas.

Son medios concibidos para proxectar cara fóra o mellor de cada lugar ou para advertir das súas necesidades, non para pecharse a si mesmos e sementar trincheiras ficticias cos do lado.

Con razón os xornais están considerados como o “primeiro borrador da Historia”. Vosa é a primeira narración desta pandemia, aínda máis meritoria se temos en conta a incerteza dos primeiros compases.

Só a información contrastada e a vocación de servicio público que amosastes nestes meses inmunizou aos coruñeses e galegos fronte o virus da desinformación. O dato e as novas veraces bateron contra os bulos e as fake news; e silenciaron o ruído interesado nunha batalla, aínda non finalizada, nas que estaba e está en xogo a saúde e as vidas.

Os que configurades a opinión pública e impulsades a opinión publicada achegades aos políticos un punto de apoio na realidade. Existe, claro, a natural diverxencia de puntos de vista. Pero agora que afloran os programas utópicos, o catastrofismo ou as receitas irreais asentadas sobre crenzas, o xornal define o verdadeiro contexto ao que nos diriximos.

Señoras e señores. O efecto 2000 non deixou os temidos efectos que se agardaban nos sistemas informáticos. Mais si trouxo efectos no sistema informativo galego e coruñés.

"Os coruñeses, os veciños da área e os galegos acoden a diario ás páxinas de LA OPINIÓN ávidos de información e debate. Dunha mirada plural que lles conte o mundo desde a súa cidade."

LA OPINIÓN chegou a tempo para narrar unha Torre de Hércules convertida en Patrimonio da Humanidade, observar o tranvía, explicar burbullas e crises económicas, avances sociais e un Centenariazo do Dépor (que nos pon difícil evitar aquelo de calquera tempo pasado foi mellor).

Se os máis novos percorren esta exposición pode resultar seductora a idea da “nostalxia do non vivido”, como escribiría Francisco Umbral nalgunha das súas columnas. Pero eles teñen reservado un papel central nos seguintes 20 anos, que se están construíndo desde os nosos días .

"LA OPINIÓN proxecta A Coruña e Galicia desde a proximidade"

LA OPINIÓN —e os medios de comunicación en xeral— están convocados a informar dunha Galicia que reconstrúe a súa economía e os seus servizos públicos para chegar ben situada a un 2040 inequívocamente verde, dixital e resiliente. Unha Galicia resolta a saír fortalecida da pandemia, con máis capacidade para aproveitar as súas fortalezas.

"Agora que afloran os programas utópicos, o catastrofismo ou as recetas irreais asentadas sobre crenzas, o xornal define o verdadeiro contexto ao que nos diriximos"

A Xunta está a facer un esforzo para servir noticias do mañá en forma de transformacións na vida dos vosos lectores. Queremos que os vindeiros vinte anos sexan os dunha Coruña...

—cun novo Chuac para as vindeiras xeracións de coruñeses;

—cun Porto Exterior dotado de conexión ferroviaria, integrado no Corredor Atlántico de Mercadorías;

—con dotacións consolidadas como a Cidade das TIC;

—e sempre líder e referente en Galicia das tendencias económicas, culturais e sociais que imperarán nos novos tempos.

—E unha cidade máis fermosa e máis planificada grazas á fachada marítima.

Como saber se alcanzamos éxito nos nosos propósitos? Fácil. Haberá en LA OPINIÓN “xente que lle diga á xente o que lle ocorre” a esta cidade e a Galicia.

Parabéns por estes 20 anos de crónica do noso presente.