A coruñesa Ana Gil Rey gradouse en Dereito, pero, “pese a vir de Letras puras”, actualmente traballa nunha consultora tecnolóxica, e estase formando de xeito intensivo en programación para centrarse na rama profesional que máis lle interesa: a persecución dos ciberdelitos, pois, explica, aínda que a tecnoloxía trae “innumerables vantaxes”, tamén implica moitos perigos e oportunidades para os delincuentes, e é un ámbito no que as persoas “están aínda máis desprotexidas que ante os delitos normais”. Gil será unha das mentoras da terceira edición da National Cyberleague, unha competición organizada pola Guardia Civil para facer agromar o talento na persecución dos crimes mediados por la informática.

Esta edición do concurso ten dúas modalidades, unha orientado aos profesionais en activo das forzas e corpos de seguridade e outras axencias de ciberseguridade; e outra para mozos de entre 18 e 26 anos que estean estudando un grao universitario ou un ciclo de Formación Profesional. Segundo explica Gil, as probas estruturaranse en “tres grandes áreas: a legal, a técnica e a de comunicación”, con varios bloques de preguntas aos participantes, como ciberseguridade ou protección de datos. O papel dos mentores é crear os materiais do certame e as preguntas que rexen as fases, e tamén para “guiar e orientar” aos participantes canto teñan que resolver desafíos nas fases semifinais e finais. A información para participar pode atoparse en nationalcyberleague.es.

En especial co relativo á modalidade para estudantes, esta ciberliga buscar “ser o punto de encontro do talento” na materia e formar ás novas xeracións en materia de ciberseguridade. “Todos os días saen no xornal temas de ciberestafas e outro tipo de ciberdelincuencia” explica Gil e “as novas xeracións teñen que estar formadas”.

Ela tamén é parte destas novas xeracións, pois rematou a Universidade hai apenas dous anos, pero non cre que os máis mozos estean máis protexidos que os maiores ante os perigos da tecnoloxía. “Tanto uns como outros son vulnerables” opina, os maiores “por ser alleo e descoñecemento”, os máis novos “por exceso de confianza”.

Gil cre que “unha das mellores formas de protexerse é previndo e formando ás persoas” na importancia de protexerse. “Moitas veces” sinala “usamos aplicacións porque as empregan achegados, e xa está, pero é importante prever e realizar formacións de cara á xente de a pé”. E sobre que facer en casos prácticos, exemplifica Gil con casuísticas como que facer se un se conecta a unha rede de Wifi pública e lle rouban os datos, ou se chega un falso correo do banco pedindo información delicada que nunca reclamaría unha institución bancaria.

Este perigo, ademais de novo, está en constante mutación. “Os ciberdelitos cada vez son máis sofisticados, e os ciberdelincuentes tamén se están perfeccionando” indica, polo que “é importante que cada pouco tempo nos actualicemos, e vexamos os perigos das aplicacións”. Tamén “concienciar aos pais, porque os nenos poden instalar cousas no teléfono ou na tablet” que poñan en risco a seguridade do aparello e dos trámites informáticos que se realicen desde el.

Nestes delitos, explica Gil, é “moitas veces moi difícil atopar o rastro do autor”. Xeran “frustración e desprotección moi grande no cidadán de a pé”. que sofren ataques anónimos nos que non poden identificar a quen lles está suplantando a identidade, ou sacando cartos da súa conta desde outro país. “Quería axudar a aclarar estas circunstancias” explica Gil, para explicar por que se enfocou a este ámbito.

E tamén polas oportunidades laborais. Os perfís de ciberseguridade, indica “son moi importantes para asesorar ás empresas, previndo que se produzan os ciberataques e axudando a saber quen se atopa detrás”. Sendo Galicia “unha das comunidades que máis empresas tecnolóxicas ten”, reflexiona Gil, a ciberseguridade é unha disciplina “emerxente”. A comunidade tamén ofrece posibilidades de formación, e, sinala, non é un sector exclusivo para persoas con perfil técnico: “os doutras áreas, se realmente queremos, podemos meternos nese mundo” e formarse en competencias informáticas. No caso de Gil, ademáis de ter cursado a Cátedra Inditex-UDC en Sostenibilidad e Innovación Social e recibir premios de excelencia académica, busca ter tamén un perfil técnico facendo un curso de programación e participando nun programa do Instituto Nacional de Ciberseguridad de España.