Quedaramos en Perillo, nas inmediacións da ría do Burgo, unha contorna natural ben estimulante. Pasada a ponte da Pasaxe, Antonio Sandoval Rey, Toñete, baixou do autobús que o traía da Coruña nunha mañá luminosa do mes de xaneiro do ano pasado. Eu tiña previsto que a conversa dese día me permitiría rematar a redacción dun episodio sobre o seu labor. Ignoraba o que nos viña enriba, a COVID-19, o confinamento, unhas circunstancias que alteraron moitas cousas e que atrasaron esa publicación ata agora.

Conversa na ría

Falar con Antonio constitúe un exercicio ben agradábel. Persoa curiosa, con numerosos intereses, comunica un entusiasmo intelixente e unha intensa sensibilidade cara a natureza. E faino favorecendo o diálogo, escoitando con atención e ofrecendo datos e argumentos. Conversamos no lugar da cita, a ría do Burgo, un espazo natural que el describe, con vehemencia, como singular. Onde, explica, se pode observar unha notable diversidade de aves, ata 50 especies distintas, uns 2000-3000 exemplares en inverno; un territorio, ademais, de doado acceso e con facilidade para a observación para un público amplo. Non ignora certos condicionantes negativos da contorna, como no seu momento o impacto da fábrica da Cros ou o das urbanizacións, porén coida que a ría resiste como espazo privilexiado para as aves, ofrece sedimentos diversos de utilidade para elas e mesmo zonas refuxio onde atopan lugar para durmir tranquilas. Tamén comenta, con ilusión e bastante prevención, o proxecto de rexeneración, “a ver como se fai”. Ollando cara a ría diriximos a nosa mirada á outra beira, alí onde o Concello de Culleredo construíu o Xardín Botánico que leva o nome de Juan Lembeye, un personaxe polo que ambos temos interese, autor dun valioso libro: Aves de la isla de Cuba (1850).

Décadas dedicadas á natureza

A historia dos estudos das aves (da Ornitoloxía) galegas está inzada de persoas que como Lembeye e Sandoval non seguiron o camiño académico convencional, como pasou, por exemplo, con outros destacados especialistas, como Antonio Rios Naceyro ou Víctor López Seoane. En sentido estrito podíamos dicir que se trata de afeccionados, amadores, cunha formación cun forte compoñente autodidacta, porén esa circunstancia non resta ningún mérito ás súas importantes contribucións científicas, pola contra, serve para subliñar o esforzo realizado por eles sen os medios e respaldo das institucións científicas. Antonio, como pasou con López Seoane, atesoura moitos datos sobre as nosas aves, resultado de case catro décadas de observacións.

Sandoval presentase na súa conta de twitter como escritor, comunicador e interesado polos paxaros (gústalle que o denominen “paxareiro-ornitólogo”). Engadindo ao seu perfil un elemento clave: axuda á conservación da natureza. Este salientable comunicador ambiental colabora con diferentes medios de difusión. Participou en diversas obras colectivas sobre aves e natureza, así como no deseño e posta en marcha de infinidade de proxectos de educación e interpretación ambiental e de turismo ornitolóxico e de natureza. No seu labor destaca a redacción de varios libros de elevada difusión entre os interesados polo medio natural. Entre eles salienta ¿Para qué sirven las aves? (que leva catro edicións desde 2012 e foi traducido ao inglés). Nese texto, arredor do tema central das aves, Antonio reúne toda unha serie de cuestións e preocupacións que lle motivan e interesan e con elas constrúe un conxunto harmónico e atractivo. Tamén publicou Las aves marinas de Estaca de Bares. Un diario personal (2015), BirdFlyway. Un viaje en familia por “La Ruta de las Aves” (2016), o álbum A árbore da escola (2016, traducido a varios idiomas; con ilustracións de Emilio Urberuaga) e é coautor de Cuándo ver Aves en Galicia (2014). E nesa lista non debe faltar o libro que elaborou sobre a contorna natural e lendas da Torre de Hércules, A Torre (2018; en galego e castelán). Desde 2018 dirixe a colección Vitamina N-Lecturas al natural da editorial Kalandraka e é membro do Observatorio Galego de Educación Ambiental. Foi vicepresidente da Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO), presidente del Grupo Naturalista Hábitat de A Coruña e Coordinador del Grupo Ibérico de Aves Marinas (GIAM) Sociedad Española de Ornitología-SEO/BirdLife. Ademais, publicou numerosos artigos sobre ornitoloxía e participou na edición de revistas e boletíns ornitolóxicos. É un colaborador habitual do CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia), dinámica e valiosa entidade localizada en Santa Cruz (Oleiros), que dirixe o noso común e prezado amigo Carlos Vales.

Cos prismáticos no instituto

O romance de Antonio coa natureza vén de lonxe. Comezou cando era un rapaz, un neno de cidade; todo un “urbanita” coruñés que estaba interesado por unha natureza un tanto virtual e era lector de libros de fauna. Naquel momento tivo lugar un acontecemento de certa transcendencia na súa biografía, o agasallo duns prismáticos por parte dunha tía resultou clave para que iniciara a observacións de aves desde a fiestra do piso familiar, na zona Riazor-Orzán. Aqueles anteollos pasaron, dalgún xeito, a formar parte do equipamento vital do futuro ornitólogo. Sempre persoa discreta, case tímida, nada amigo de chamar a atención, Antonio levaba os prismáticos agochados cada vez que saía da casa cara o Instituto e aproveitaba o tempo libre ao remate das clases, achegándose a algún lugar de observación, como o dique de abrigo herculino. Algúns nenos e mozos senten esa atracción inicial polo mundo natural pero son poucos os que teñen a disposición persoal e/ou algún estímulo próximo que lles permiten dar continuidade a ese interese. Sandoval foi un deles, e dese xeito, a observación e coñecemento da natureza pasaron a formar parte esencial da súa vida.

Baldaio e o Grupo Naturalista Hábitat

No seu proceso formativo xogou un importante papel o areal e complexo costeiro de Baldaio. Alí acudiu por vez primeira en setembro de 1983, con dezaseis anos, e, cos seus prismáticos, gozou do fermoso espectáculo da avifauna dese espazo. Volveu en 1984, xa con outros compañeiros do Grupo Naturalista Hábitat, colectivo de persoas interesadas polo coñecemento da natureza no que Antonio participou activamente e onde aprendeu e ensinou moito.

Naqueles tempos, na década dos anos oitenta e principios dos noventa, tivo lugar unha notable actividade de grupos naturalistas e ecoloxistas na Coruña. Programas divulgativos sobre a natureza e diferentes agresións ambientais, como foi a dos verquidos radioactivos na fosa atlántica, xeraron unha crecente conciencia e organización. Lembro a miña participación nas iniciativas da delegación local de ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia). Traballabamos desde un ecoloxismo reivindicativo (eran os tempos do Goberno de Paco Vázquez previos á desfeita de Bens), un labor de denuncia conectado co mundo educativo e sen deixar de prestar atención ao estudo do medio natural. Así, por exemplo, en 1987, organizamos unha acampada en Baldaio, na que unha serie de mozos de entre 14 e 18 anos coñeron esa singular contorna. Desa experiencia xurdiría un libro, Baldaio. Espazo Natural protexido, publicado en 1992, coordinado por Carlos Vales e eu mesmo. Outro grupo ben dinámico era o Colectivo Ecoloxista Natureza, nado no Nadal de 1979 e con intenso labor por máis dunha década, con Roxelio Pérez Moreira como principal impulsor. As importantes mobilizacións fronte os verquidos radioactivos (1981,1982) deron a coñecer a unha organización internacional creada en 1978, Greenpeace. Por Coruña veu un representante dese grupo, Rémi Parmentier, e en 1984 fundaríase Greenpeace España. E non debemos esquecer a outro colectivo, a Asociación Ecologista Arco Iris, creada en 1982 e presidida por Pachi Lueiro.

Estaca de Bares, o balcón especial de Antonio

En setembro de 1984 Sandoval acudiu con compañeiros de Hábitat a Estaca de Bares. Un lugar espectacular para a observación de aves que o seduciu e ao que xa non deixou de ir. De feito, acabaría alugando un apartamento, ao que se despraza coa familia todos os outonos para gozar daquel mundo. Nese espazo de singular valor recolle o protagonista deste episodio múltiples observacións ornitolóxicas, que son das que máis orgulloso está, pois ese traballo permitiu que se incrementara o seu grao de conservación, hoxe unha Zona de Especial Protección de Aves da Rede Natura 2000. Cómpre subliñar que Bares está en metade do corredor migratorio de aves oceánicas máis importante do Atlántico Norte, utilizado entre outras por varias especies ameazadas. Antonio non cesa de anotar o que alí observa, así, o 10 deste mes de setembro escribiu na súa conta de twitter estes datos de avistamentos de aves: “1 Pterodroma m/m/f; 1 charrán rosado; 43 págalos pomarinos; 80 pág parásitos; 52 pág grandes;357 charranes patinegros 104 pardelas sombrías Etc!”. Lamentablemente, e iso preocupalle ao ornitólogo, a costa fronte a Estaca e Ortegal está ameazada pola intención dunha corporación (Iberdrola; porén hai outras á espera de que se resolva o Plan de Organización del Espacio Marino do Goberno) de instalar nesa zona mariña dous macroparques flotantes de xeración de enerxía eólica, con 70 muíños de 250 m de altura cada un.

Preocupación ambiental crecente

Antonio mantén moi viva a vocación naturalista, cando fala a súa ollada delata a supervivencia da emoción que sentiu de ben novo ao observar aves, aquel abraio inicial que o conmoveu. Cada día se identifica máis co papel de escritor, de comunicador ambiental, primando a importancia de chegar á xente. Laiase de que nestes momentos non exista na Coruña un potente grupo ecoloxista, activo no terreo conservacionista porén tamén no das denuncias fronte ás continuas agresións ao medio natural. Porque as experiencias vividas, incluída o desastre do Prestige, fan que hoxe estea especialmente preocupado coas ameazas que debe afrontar a natureza. O seu xesto amable transformase cando fala dese tema, o optimismo innato nel pugna co reto dunha dura realidade.