Cincuenta formacións musicais participaron a pasada fin de semana no Festival de Orquestras de Verbena, primeira iniciativa deste tipo que se desenvolveu dende o comezo da pandemia e que na Coruña se realizou no peirao da Batería. O presidente da Asociación Galega de Orquestras, Manuel Ángel Fariña, considera que os concellos deben contribuír a facer posible que as verbenas regresen ás festas da comunidade.

Que balance fai do festival da pasada fin de semana?

A organización foi moi correcta, con moitas medidas de seguridade porque correspondían ao anterior protocolo. Pero ao facer reserva de entradas, tería que haber unha confirmación delas, porque faltou moita xente que as reservara. O tempo tampouco acompañaba moito porque daban nubes e claros, o que provocou que faltara público, cando en Santiago e Narón as entradas esgotáronse con moita antelación. Temos que cambiar este modelo porque moita xente quedou fóra cando os recintos non estaban cheos.

Como foi a resposta do público? Supoño que habería moitas ganas de difrutar das verbenas.

Por suposto. Aquí en Galicia somos verbeneiros e fans das orquestras. É un ocio que lle gusta a todo o mundo e aquí témolo arraigado. Por iso esgotáronse as entradas, xa que a xente tiña moitas ganas de vir e ao mellor non se deu de conta que non podía.

Para os profesionais supuxo ver que se está a saír do túnel?

Si, ábrenos unha portiña e danos unha mostra de que as orquestras están aí aínda e que vai depender moito do mercado para que se vexa o seu funcionamento e como serán as festas, porque cando desaparece o mercado durante dous anos é lóxico que haxa cambios. Esperemos que non sexan moi drásticos nin fagan que os orzamentos das festas baixen.

Cando pensa que poderá producirse a volta á actividade das orquestras?

Cando volva o ocio por completo. Está claro que ata que non volva a normalidade a case todo vai ser difícil que se produza por moito que queiran, xa que as festas son unha iniciativa privada e non pública e temos que ser prudentes.

Teñen alguna noticia por parte das autoridades autonómicas sobre esta cuestión?

Non, temos programada unha nova entrevista con elas, pero non hai novidades. O protocolo vai ser sempre o que marque como se fai unha festa. Ata que non quiten as limitacións de aforo e a obriga de colocar valados non vai ser posible que se desenvolvan dunha maneira normal.

Hai orquestras galegas que tiveron que disolverse por estar dous anos sen traballar?

Non se disolven porque non hai a quen venderlle o material porque a actividade está paralizada. Os traballadores emigraron cara a outros sectores, pero queren volver á súa actividade. Pero voltar é complicado e dependerá un pouco de que a Xunta aposte por recuperar as festas e subvencionar a contratación das orquestras, pero cun mercado aberto.

Teñen medo de que ás comisión de festas se lles impoñan unhas condicións tan estritas para as verbenas que sexa moi difícil cumplilas?

Ese o noso temor más grande, que determinadas medidas de seguridade queden fixadas para sempre. Se temos as festas como o noso patrimonio, temos que defendelas entre todos e chegar a acordos entre todas as partes para que sexa fácil facer unha festa. Aí teñen moito que facer os concellos porque teñen que axudar aos veciños e afrontar esta situación.

Pero como poden axudar a que se celebren as verbenas?

Teñen que axudar a que as normas se cumpran aportando persoal e medios dos concellos, xa que teñen Protección Civil, valados... Sigo sen entender por que en Marineda City se pode entrar e saír sen ningún tipo de problema e nunha festa non, cando unha festa celébrase ao aire libre. Pódense adecuar un pouco os horarios para que non se desfasen e poida acudir xente de mediana idade que non puido ir a case ningún sitio nestes dous anos, de xeito que sexan máis populares e non tan asociadas a macrobotellóns, sobre todo na zona da Coruña.

Será o vindeiro verán o momento definitivo do regreso das verbenas?

Se non é así habería un problema serio porque tres anos non serían soportables por parte de ninguén. As orquestras, sobre todo as grandes, estarían condenadas ao fracaso. Pero non cremos que sexa así e de feito esperamos que non inverno se reactiven un pouquiño. Imos ir cara a unha normalidade porque a sociedade tamén o necesita e agora, que agás o uso das máscaras, estamos facendo cousas moi normais, deberiamos dar o paso definitivo.