“Estudiaba na Academia Galicia e para ir ao colexio pasaba por diante desas casas todos os días”, explica o fotógrafo coruñés Manuel Sendón sobre a orixe do seu interese polo grupo de vivendas Juan Canalejo, no barrio dos Mallos, que son o eixe da exposición que onte inaugurou na Fundación Luís Seoane baixo o título de Parellas e que poderá ser contemplada ata o 8 de decembro. “Corenta anos despois a miña filla foi vivir ao Gurugú, ao lado delas, e fíxome reencontrarme cos territorios de cando era rapaz”, continúa o artista, que reflectiu a evolución sufrida por eses edificios co paso de tempo a través de oitenta fotografías dixitais, un formato co que ademais se estrea despois de toda unha vida de traballo analóxico.

As imaxes están distribuídas en cinco polípticos, aos que se engaden tres fotografías de gran tamaño cunha reprodución do plano orixinal do proxecto de urbanización. “Daquela aquelas casas, ás que chamabamos baratas, eran moi codiciadas”, lembra Sendón, quen di que, aínda que o réxime franquista predicaba con elas a igualdade, “era mentira porque nas da primeira liña vivía xente importante e de baratas nada tiñan, había diferentes clases e estaban feitas para xente vinculada ao franquismo”. Tamén comenta que na súa infancia aquelas vivendas estaban afastadas do centro e rodeadas por zonas non urbanizadas como a canteira de Santa Margarida, mentres que “hoxe vivir a quince minutos do Obelisco nunha casa con patio e sen veciños enriba é un luxo, e despois da pandemia moito máis”.

“O que máis me interesaba eran as transformacións que sufriran, porque foron construídas por parellas de forma simétrica e esa simetría desaparecera”, detalla Sendón, para quen “Parellas ten un significado metafórico porque os obxectos ou persoas que en determinado momento son iguais, co paso do tempo acaban sendo moi diferentes”. O labor de fotografar as vivendas Juan Canalejo esixiu un labor técnico complexo polo obxectivo que se fixou o artista: “O que me interesaba era que as casas tiveran a maior presenza posible, polo que o estilo é o non estilo, de forma que non aparecera para nada a presenza explícita do fotógrafo”.

Para conseguilo, Sendón tratou de empregar luz difusa para que nas imaxes non apareceran sombras e que ademais non houbera coches diante das casas, o que levou moito tempo para agardar a que se deran esas condicións. Isto fixo que tardara catro anos en obter as fotografías, xa que as rúas do barrio están habitualmente cheas de vehículos.

“É unha visión non dende a arquitectura, senón dende o mundo da arte”, explica Sendón, quen porén recoñece que ten moito interese sobre a visión que os arquitectos poidan ter sobre este traballo e de feito pediulle textos sobre o proxecto a Federico López Silvestre, profesor de Historia da Arte da Universidade de Santiago, e a Juan Creus, profesor da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña.

Aínda que os proxectos de Sendón sempre quedan “un poco abertos para que a xente pense o que queira e se pregunte por que están así”, non renuncia a aportar a súa visión sobre a evolución das Casas Baratas co paso do tempo. “Algunhas intervencións son máis afortunadas ca outras e mesmo algunhas poden resultar bonitas, pero o caso é se debían terse feito”, apunta sobre os cambios realizados nos edificios. Na súa opinión, “na arquitectura hai que respectar o que é esencial”, ao que engade que “a maioría das modificacións que se fixeron son contra natura dalgunha forma” porque “hai uns contrastes terribles”. A esas situacións contrapón a reforma realizada nunha vivenda da rúa Ézaro polo arquitecto Óscar Pedrós, na que se mantivo o arco que tiñan as demais casas aínda que se lle subiu un piso, cando no resto das reformas do barrio eses arcos desapareceron.

Sendón lembra que o seu traballo se desenvolve en moitas ocasións en series de fotografías polo efecto que produce a reiteración e que ademais as edificacións foron xa centro doutras exposicións súas, como Casas doentes no 2007 e Derradeira sesión, en 2009, sobre os cines históricos. O fotógrafo expresa tamén o seu lamento pola situación actual da arte porque “hoxe en día é difícil levar adiante proxectos, tanto como comisario como artista”. Segundo di, “Parellas podería estar rematado hai máis dun ano pero déronme cabazas”, polo que agradece á directora da Fundación Luís Seoane, Silvia Longueira que o aceptara.