O pasado martes recibimos en María Pita o comité de empresa de Alu Ibérica, unha industria situada na nosa cidade que está en serio risco de desaparecer.

Non o podemos permitir. Non estamos ante un problema que afecte só a un colectivo de traballadores. Estamos ante un problema que afecta a toda Coruña e á súa comarca.

A Coruña non pode vivir exclusivamente do sector servizos. Necesitamos industria. Innovación. Investigación. Necesitamos unha economía que cree valor engadido e empregos de calidade.

E como podemos salvar Alu Ibérica?

Primeiro, actuando sobre o prezo da electricidade.

Hai que mudar a regulacion e asegurar un prezo estábel e competitivo para industrias altamente dependentes da electricidade como é caso de Alu Ibérica.

En definitiva, hai que rematar coa vergoña de que vivamos nun país, Galiza, que é un grande produtor eléctrico e haxa xente que pasa frío e empresas que poden pechar polo prezo abusivo da electricidade.

Segundo, é necesaria a intervención pública da empresa. Como fixeron Alemaña, Franza e Italia con compañías de sectores que consideraban estratéxicos.

Estamos a falar dunha planta que era propiedade de Inespal, unha empresa pública que daba beneficios, e que foi vendida a Alcoa nunhas condicións moi ventaxosas acompañadas de axudas públicas.

Non é de recibo que unha multinacional se beneficie de axudas públicas para facerse cunha posición dominante e, unha vez asegurado o mercado, traslade a produción a outros países.

Pero, ademais, a planta coruñesa foi revendida por Alcoa a outros propietarios, co aval da Xunta e o Goberno central, nunha operación que se revelou totalmente fraudulenta, como denunciaron os traballadores dende o principio.

Por iso, nin o Goberno galego nin o Goberno central poden eludir a súa responsabilidade.

Mais, sobre todo, para salvar Alu Ibérica hai que asumir que estamos ante unha demanda de cidade e unha demanda de país.

En definitiva, temos que salvar Alu Ibérica porque a industria é un sector estratéxico. Sen ela non hai futuro.