Unha plataforma encabezada pola PAH e os sindicatos de inquilinxs vén de rexistrar no Congreso dos Deputados a súa propia proposta para unha Lei polo Dereito á Vivenda. Na mesma dirección voga a campaña que estes días lanza a Rede Europea contra a Pobreza e a Exclusión Social. Máis de 200 entidades respaldan un manifesto que denuncia a emerxencia habitacional na que malviven 11 millóns de persoas, as nosas veciñas e veciños. A sociedade civil móvese perante a pasividade do Goberno de Pedro Sánchez, incapaz de abordar dunha vez por todas a prometida regulación dos prezos do aluguer.

Aquí tamén sobran as razóns. A Coruña lidera o encarecemento da vivenda en Galicia e supera á inmensa maioría das capitais de provincia. Os alugueres baten marcas. Os aloxamentos turísticos medran a un ritmo do 26% anual. Entre 10.000 e 20.000 pisos seguen baleiros nos nosos barrios. Pero en María Pita ninguén parece alarmarse. Como revelaba LA OPINIÓN hai poucos días, o Concello leva dous anos, dende a chegada de Inés Rey á alcaldía, sen pedir axudas ao Estado para a rehabilitación de vivenda. Non se me ocorre maior proba de indiferenza e desleixo.

No vinte aniversario da derruba do asilo de Adelaida Muro deberiamos ter claro que unha cousa é o negocio inmobiliario e outra moi distinta a política de vivenda. Nin a operación de Percebeiras nin a da Maestranza, por citar as dúas máis polémicas, van resolver o problema. Esta cidade precisa outra cousa: un plan que aborde a garantía dun dereito básico de maneira integral, con políticas ambiciosas para o curto, o medio e o longo prazo. Se a alcaldesa quere recuperar o pulso dun mandato que esmorece e centrarse no que de verdade importa, sabe que pode contar coa Marea Atlántica.