Xosé Monteagudo (Pontevedra, 1965) vén de gañar o Premio Narrativa Breve Repsol en Lingua Galega pola súa novela Eternity, na que crea un cemiterio dixital no que poder acadar a eternidade tan ansiada por moitos.

Como naceu Eternity e que quixo contar nesta novela?

A historia naceu dun xeito indirecto. O relato, en principio, estaba pensando doutra maneira. Era un personaxe que vai descubrindo a vida doutro por unha referencia en internet. Pero, nestes tempos, pensei que esa referencia debería ser unha especie de cemiterio virtual, iso é Eternity. Esa foi a idea inicial, pero a novela está centrada no desenvolvemento desa aplicación e na vida do personaxe principal, unha muller de trinta e poucos anos, que ten unha situación de precariedade laboral e, de súpeto, se lle presenta a oportunidade de traballar nunha pequena empresa que está creando unha aplicación informática chamada Eternity. Xunto a iso, está tamén a historia da súa nai, que vai vivir con ela e lle vai revelar determinados feitos da súa vida que a filla non coñece.

O xurado destaca a mestura entre esa precariedade laboral, o mundo dixital e a construción da memoria. Como se chega a iso?

Xustamente da confluencia desas tres cousas é de onde nace o tema da novela. A obra funde dúas cousas: unha é tan antiga coma o ser humano, que é o desexo de transcendencia, de deixar unha pegada na realidade. E, por outro lado, unha aplicación informática. Algo moi novidoso, se me refiro á historia da humanidade. A fusión desas dúas ideas é Eternity, unha especie de cemiterio virtual onde as persoas depositan a historia da vida dos seus seres queridos, como unha homenaxe, do mesmo modo que nun cemiterio físico hai flores ou velas. Historias que quedan para a eternidade.

Un espazo para as memorias de todos, sen ter que escribir un libro.

Si. Todos facemos un relato mental da nosa vida. Sobre todo a medida que cumprimos anos. Esa é a imaxe que queremos deixar de nós mesmos. Unha historia que vamos facendo, refacendo e corrixindo ao longo dos anos. Non é o mesmo facelo aos 30, 50 ou 70 anos. Dalgunha forma, eu fixen diso unha realidade cunha aplicación informática.

O mundo avanza, sobre todo coas novas tecnoloxías, pero hai preocupacións que permanecen?

Si. A tecnoloxía crea necesidades e, ao mesmo tempo, crea a forma de satisfacela. Pero moitas necesidades humanas son eternas, tan antigas coma o ser humano, persisten e o que fan é adoptar formas diferentes co tempo. Por exemplo, o desexo humano de divertirse. Vai cambiando ao longo do tempo a forma de satisfacelo, pero o desexo é o mesmo hoxe que hai dous mil anos. E como iso, moitas outras cousas.

A morte e o que vén despois tamén é unha preocupación que nunca mudou. Na súa novela, Eternity axuda a seguir vivos dalgunha forma?

Eternity é ese desexo humano de transcender. Temos unha vida limitada, pero o noso desexo de permanencia é moi superior ao límite temporal das nosas vidas. Maniféstase de formas diferentes, como deixar unha pegada en feitos ou en obras.

Entende así os seus libros, como unha forma de estar sempre presente?

(Ri) Unha cousa é o desexo teórico de eternidade, pero evidentemente nada é eterno.

Cal é a súa reflexión sobre a sociedade do futuro?

Creo que toda a tecnoloxía é unha revolución impresionante, pero como todas, tamén hai cento e pico de anos a revolución industrial foi outro momento mítico do avance da humanidade. Ao final, todo o que crea o ser humano é en beneficio propio, para facer a vida mellor, máis sinxela. Que o tempo de vida sexa máis produtivo, non só fisicamente, tamén de cara a felicidade. Esa é a procura continua, a felicidade. A tecnoloxía é outro estadio nesa evolución, non sei se o definitivo.