Para Luis Alonso

A situación a bordo era ben apurada. A fragata Princesa levaba tres meses en alta mar, na busca dunha nova ruta que a levara desde Filipinas a Nova España (México). Os víveres e a auga escaseaban e os tripulantes sufrían escorbuto e ataques de insectos; a praga de cascudas afectábaos dobremente, atacando aos seus propios corpos e roendo os alimentos. Nesa desesperada situación tería lugar o descubrimento —para os europeos— do arquipélago Vava´u.

Un reto complicado

O oficial da Mariña Francisco Mourelle de la Rúa comandaba esa fragata naquel momento. Este excelente piloto, nado en Corme en 1750, era unha persoa decidida e soberbia, que xa participara na exploración das costas de Alaska. Partira o 21 de febreiro de 1780 do porto americano de San Blas cara Acapulco, onde embarcou para as Filipinas na mesma Princesa, daquela ao mando de Bruno Heceta. Seguían a ruta do “galeón de Manila”, que unía as costas de Nova España coas illas asiáticas. Falamos do traxecto comercial mariño de maior duración na historia, con actividade entre 1565 e 1821.

En Manila Mourelle pasaría, por vez primeira, a comandar un barco, a mesma fragata Princesa. Nela saíu o 24 de agosto da capital filipina a outro porto do arquipélago, Sisirán, onde recibiu as ordes de atravesar o Pacífico e levarlle —canto antes— una documentación reservada ao vicerrei de Nova España, Martín de Mayorga. A viaxe comezou o 21 de novembro.

Chegada a Vava´u

A decisión de dirixir a navegación cara o sur permitiulle ao mariño de Corme realizar un valioso descubrimento, o grupo insular de Vava´u (ou Vavao), no arquipélago de Tonga, ao que deu o nome de “islas de don Martín de Mayorga”. Situado a 18º 39´ Sur, 173º 59´Oeste, forma parte da Polinesia (Oceanía), unha zona entre o Pacífico central e meridional limitada por Hawai, Nova Zelandia e illa de Pascua.

Porén a descuberta non estivo exenta de dificultades. Perdidos e necesitados de alimentos, despois de tres meses no mar, o 26 de febreiro de 1871 a tripulación da Princesa avistou unha pequena illa do arquipélago. A emoción dominou a todos e Mourelle escribiu: “La complacencia general se apoderó de todos los corazones y los semblantes, que antes ofrecían el aspecto más melancólico, manifestaron entonces un particular extremo de alegría, que sepultaba en el olvido las miserias pasadas. Cada cual pensaba en las frutas deliciosas que su imaginación le hacía esperar de aquella isla, y se representaba como perfección de su felicidad los claros arroyos que bajarían de la montaña donde saciarían la sed que los abrasaba”. A decepción foi enorme cando comprobaron que a illa, desolada polas erupcións volcánicas, non ofrecía lugar axeitado para o desembarco nin ningún tipo de alimento. Por iso chamouna da Amargura (hoxe Fonualei). Ao día seguinte, 27 de febreiro, descubriron outra, Lape, semellante á anterior. Por fin, o 4 de marzo, deron coa illa principal de Vava´u (que tamén leva ese nome), onde fondearon nun excelente porto natural, ao que Mourelle denominou “Puerto Refugio”. A desolación dos navegantes deu paso á euforia, pois alí atoparon un paraíso tropical.

Recibimento e estadía

A felicidade da tripulación polo acceso a fornecementos nunha preciosa contorna estivo acompañada dunha fonda satisfacción pola favorable acollida que lle dispensou a poboación local. Máis de cen canoas acudiron a saudar á fragata, entregando os “eguis” (capitáns da comunidade indíxena) diversos agasallos. O propio “Tubou”, xefe dos habitantes de Vava´u, acudiu ao barco. O agradábel ambiente non distraeu a Mourelle das súas responsabilidades e axiña deu instrucións á tripulación para coller alimentos e auga fresca, enchendo doce “pipas”. Asemade, a estadía na illa permitiu recuperar a saúde dos tripulantes enfermos de escorbuto, “que ya estaban sin esperanzas de vida”. No clima de excelentes relacións, o “Tubou” ofrecería unha impresionante festa de despedida aos visitantes, á que asistiron uns 2.000 habitantes de Vava´u. O vento impediu a marcha o día 13, que tivo lugar o 19, acompañada, de novo, a fragata, por numerosas canoas tripuladas polos amistosos indíxenas.

Alén das súas obrigas como comandante do buque, o mariño de Corme amosou unha especial curiosidade e sensibilidade para recoller unha variada e valiosa información sobre a visita a Vava´u no seu diario. Fíxoo nun estilo sinxelo, explicando os costumes dos hospitalarios habitantes da illa, aos que retratou con bastante respecto, algo que non adoitaba acontecer entre os exploradores europeos; destacou o seu grao de civilización, afastándose algo doutras olladas supremacistas. Insistiu na humanidade daquelas xentes; describiunos tanto física como psicoloxicamente e tamén os seus costumes, como tipo de vestidos, aseo persoal, alimentación (xantaban sempre alimentos asados e froitas moi maduras), salientando que “el rostro de estos hombres y mujeres era muy bien perfeccionados”. Explicou o xeito no que traballaban as terras: “La fertilidad de las tierras convida a un provechoso cultivo, pues en todas ellas hay innumerables cocales, plátanos, crecidos sembrados con el mejor orden que hasta entonces vi (...) salí conducido por dos o tres eguis a unos fértiles campos, en los cuales admiré la hermosura con que estaban estas siembras”. Non faltou un comentario sobre a lingua nativa: “Su idioma nos fue muy fácil de pronunciar como a ellos el nuestro, y al residir juntos algunos meses hablaríamos indistintamente los unos la lengua de los otros”. Loubou as edificacións onde habitaban os indíxenas e, quizás pola súa formación profesional, prestou atención á tecnoloxía mariña dos habitantes de Vava´u, en especial ás naves utilizadas, semellantes aos catamaráns actuais: “Yo hice que mi carpintero, por las mismas dimensiones, fabricase un pequeño modelo, que se aparejó del mismo modo que los originales”.

Malia non estar levando a cabo unha misión científica e non contar con ningún naturalista a bordo, realizou tamén unha descrición xeral da flora e da fauna desas illas coralinas, comentando “vimos alguna variedad de aves, particularmente palomas de monte, éstas eran unas verdes con manchas encarnadas, otras cenicientas, otras amarillas con manchas encarnadas, y admirables colores en sus alas, otras grandes cenicientas que comprábamos para comer; catalinitas o periquitos infinitamente pequeños de los más bellos colores, verdes y encarnados con algunas plumas azules...”.

Nas súas anotacións Mourelle reparou no notable protagonismo das mulleres na comunidade de Vava´u. Xa na chegada destacou a súa ampla presenza nas canoas que recibiron ao barco, “cuyo rostro no fue desagradable a nuestra vista, vestidas del propio modo que los hombres”. Despois tivo lugar un singular e significativo acontecemento, o “Tubou” enviou á súa filla á fragata e ofreceulla como xesto de cortesía. O mariño rexeitou a oferta, “asegurándole que nosotros no necesitábamos de tal socorro”, malia recoñecer que “este proceder (...) no fuera conforme a la pureza de mis pasiones”. A súa decisión estivo motivada por razóns disciplinarias, Mourelle entendía que negar o acceso da tripulación ás mulleres indíxenas “quitaba de sus corazones todos los motivos de celos que en los descubrimientos son regularmente el origen de discordias y odios interminables”. Por outra banda, observando o comportamento das mulleres de Vava´u escribiu que “no puedo olvidarme de su humanidad, dulzura e limpieza”. De feito, atendeu a petición dun grupo delas para que levantara o castigo a uns mariñeiros. Ademais, na festa de despedida puido contemplar —entre os diferentes xogos— como o “Tubou” “mandó que las mujeres combatiesen al puño como los hombres; y en efecto, tanto se enardecían, que a no separarlas de tiempo no se dejarían diente ni muela; mas como me compadeciese sensiblemente, le pedí que cesasen; cuya súplica fue inmediatamente concedida, celebrando entre ellos la compasión con que miraba a aquellas jóvenes combatientes”.

Volta a Nova España

A fragata Princesa deixou o arquipélago en dirección sur, para continuar na busca de ventos que lle axudaran a cruzar o Pacífico. Porén, fronte a ausencia destes, Mourelle deu a orde de cambiar o rumbo cara o norte, resignado a seguir a ruta tradicional, subindo pola costa asiática para dirixirse á norteamericana. Nese camiño descubriron Consolación (nos grupos de Horns ou Wallis), Gran Cocal (Nanumanga ou Niutao, do grupo Ellice) e San Agustín (atolón de Nanumea) e pasaron por Guam. O 8 de agosto de 1781 chegaron á costa norte de California e o 27 de setembro a San Blas, nunha travesía que en total durou trece meses.

Esta expedición, nunha época marcada pola presenza de grandes navegantes e exploradores (James Cook, Jean François La Pérouse, Louis Antoine de Bougainville, Alesandro Malaspina, etc.) foi a derradeira de descubrimento de navegantes ao servizo da Coroa española no Pacífico. Hoxe en día o nome do mariño galego consérvase no arquipélago Vava´u, na illa Kapa, como “Port Maurelle”.