A actriz Sonsoles Cordón comparte escenario con Cecilia Vázquez na obra Doce uvas, dúas mulleres e unha oliva, na que mesturan danza, música, teatro, espectáculo e reflexión existencialista, todo en torno ás badaladas de fin de ano. Actúan este venres ás 20.30 horas no Fórum Metropolitano.

O espectáculo está composto por moitas escenas diferentes, combinando o humor con danza, claqué ou elementos carnavalescos. Como se organiza?

A estrutura é fragmentaria, e o fin de ano, e, sobre todo, as doce badaladas, son un tema recorrente. Unhas con uvas, outras con olivas ou caladas de cigarro. Empregamos o momento das badaladas para pedir desexos, e expresar inquedanzas que temos na vida nós ou calquera persoa do público: ter fillos, ter netos, velos medrar...

Dirixe e escribe Marián Bañobre. Como foi o proceso de crear o espectáculo?

Tivemos un proceso creativo dun mes, no que a través de improvisacións e xogos que dirixía Marián saíron moitos textos. Logo ela puliunos, limpounos e creou a dramaturxia.

Como é a perspectiva feminina que lle dan á obra?

Vén do proceso que tivemos. Cando nos puxemos en contacto con Marián non sabiamos que espectáculo queriamos facer, pero tiñamos claro que tiña que ser entretido, para que a xente o pasase ben, pero que non sería só de contemplación, senón que tería un trasfondo. Os puntos de partida somos nós mesmas: dúas mulleres, nais, que nos levamos dez anos e que somos amigas. Con estes ingredientes o que xurdiu é un espectáculo no que dúas mulleres falan a través dos seus corpos do seu pasado, presente e futuro. Moitas mulleres poden empatizar coas inquedanzas que poida ter como muller, nai ou artista, aínda que son temas que afectan tamén aos homes.

Cales son os principais temas sobre os que reflexiona a obra?

Fala da celebración, do existencialismo, o amor, o paso do temo... Tamén de aceptarse a un mesmo como é e querernos tal e como somos.

Cal é o papel do movemento?

Cecilia está especializada no mundo do burlesque e o cabaret, e eu tamén traballei nese ámbito pero estou especializada no teatro físico. Queriamos un espectáculo no que a xente o pasase ben e no que fose case unha festa ir ao teatro. Que sexa fragmentario xa fai que o ritmo sexa máis rápido, e a música, a danza e todos os cambios fan que o público estea todo o tempo máis atento e que se sinta como nunha festa, pola invitación que facemos á celebración.

Como foi a estrea, co COVID?

A estrea estaba prevista en abril do 2020 pero non se fixo ata finais do ano, en novembro. Pillounos a pandemia, e é agora cando empezamos a facer funcións.