Víctor Neira, Vituco, é guitarrista, cantante e un dos fundadores do grupo de rock en galego Ruxe Ruxe, creado en 1996 e que no seu cuarto de século de historia sacou máis de duascentas cancións. Mañá estarán ás 21.00 horas no Centro Ágora celebrando o seu 25 aniversario, nun concerto organizado polo Servizo de Normalización Lingüística municipal. A actuación é de balde, mais hai que reservar previamente a través de reservas.gal/producion/agorason/.

Como será a escaleta do concerto? Tirarán de temas do seu último disco, O estraño falar dun monstruo de aldea?

Esa foi a grande batalla do local de ensaio, como sempre o é: construír un repertorio a gusto de todo o grupo, e que defina os 25 anos. Ao final optamos porque a parte principal do concerto sexan temas inéditos, cancións que estamos facendo para o próximo disco que fagamos. Decidimos facer un repertorio no que gran parte serán composicións que a xente escoitará por primeira vez. Esperamos que lles preste, son cancións nas que aínda estamos traballando e que están medrando. É parte do que facemos de ir sempre un pouquiño á contra: todo o mundo espera que toquemos as cancións históricas, ou máis coñecidas do grupo, e nós tiramos por outro lado.

Haberá tamén repaso dos temas máis clásicos?

Si que hai cancións que non van faltar, e tamén repasaremos un pouquiño o último disco, que é case quilómetro cero; presentámolo o 14 de febreiro de 2020 e ao mes estabamos todos confinados. Eu creo que é un repertorio moi divertido, e con gran parte de punch emocional, que é tamén o que buscamos.

Leva co proxecto desde o primeiro. Como foi este camiño?

Da formación orixinal continuamos tres, outros tres foron entrando polo camiño. Comezamos como todos os grupos: uns amigos do instituto que se xuntan para facer versións de cancións que lles molan. Démonos conta de que nos saian fatal as versións e decidimos facer as nosas propias cancións, así non había con que comparar. Un día, case a modo de traizón, un amigo chegounos ao local de ensaio e díxonos: “tedes cerrado un concerto”. Fomos ese día, e desde aquelas non parou de soar o teléfono ata hoxe.

Vostede tamén fai análises da música galega. Como viu cambiar o panorama este cuarto de século?

Para min, o cambio máis grande foi que aumentou de xeito exponencial a cantidade e calidade das bandas. Cando nós empezamos había moi pouquiños grupos en xeral, e sobre todo de música en galego. E os grupos cada vez tocan mellor, melloran aos que estabamos antes. Se cadra porque tamén agora é máis doado formarse e ter referentes; igual Internet fixo que a formación cada vez sexa maior. Outra cousa que me parece incrible é a diversidade de estilos. Cando comezamos case todos os grupos faciamos músicas achegadas ao punk máis contestatario. Hoxe hai trap, rap, pop, indie... É unha marabilla.

Antes o idioma estaba máis ligado á música reivindicativa ou folclórica, e agora xa está normalizado facer música en galego?

Eu creo que agora está moito máis normalizado, para ben. É unha cuestión de militancia cultural, social, que ten que ver con ser estar no mundo en consonancia con quen es e o lugar no que estás. No noso caso, o galego era o idioma que empregábamos a todas horas; o extraordinario sería facelo noutro idioma. Facer un disco en castelán sería incómodo, porque non nos nace. Tivemos algunha proposta de facer cousas en castelán, e declinamos porque sería como facer en inglés, nos sentiriamos ridículos dicindo o que dicimos noutro idioma.

Este ano fixéronlles un disco de homenaxe, 25 anos ruxindo no que máis de 30 bandas lles fixeron tributos. Cre que Ruxe Ruxe se converteu nun fito da música en galego, pola xente á que inspirou?

Nós non sabemos iso, nin o pensamos; non creo que sexamos referentes de nada, nin o queremos ser. Mal imos se fósemos referentes de alguén! O referente que podemos ser é de que calquera pode facer unha banda de rock e facer cancións como as nosas: se nos o fixemos pódeo facer calquera. Si que é certo que non nos casamos con ninguén, que fixemos o que pensabamos e quixemos a nivel estilístico e de discurso... Nese sentido é un exemplo de liberdade, pero tamén moitas máis bandas. Que un montón de grupos e músicos nos fixeran este regalo foi unha cuestión de amizade, que de outra cousa. Véñennos amosando cariño desde hai moitos anos.

Publicaron, nos tempos duros do coronavirus, Afouteza, na que din “renderse non é unha opción, teremos sempre a forza necesaria para vencer”. Comezaron a aparecer versións na rede de equipos deportivos, asociacións....

Foi moi emocionante. Cadrou co tempo no que estabamos todos metidos na casa, pechados. A canción levaba feita un tempo, non a fixemos para a ocasión, nin moito menos. Moita xente a colleu como un pequeno himno do seu confinamento. Cando a escoitabamos en mans de xente nova, xente moi diversa, de colexios... Tampouco estamos afeitos a ese tipo de cousas, así que foi moi bonito.