Laura Cruz é profesora de Educación Social e antes da pandemia, cos alumnos e alumnas de terceiro, fixo un traballo sobre as persoas que non teñen fogar na cidade, primeiro, cunha cartografía social identificando escenas na Coruña sobre o senfogarismo amplo, por exemplo, identificando persoas que están na rúa, que dormen na rúa ou en vivendas que non reúnen as condicións pero que están ocupadas. “Identificando unha serie de factores que explican como está a exclusión residencial na cidade, o que captaron foi unha instantánea do que pasaba cando foron por alí seguindo uns percorridos. Con esta información fixemos unha exposición pública, pero non servía para mudar o estigma que a xente tiña sobre as persoas sen fogar. Só se visibiliza unha realidade, que é a máis visible, a de quen dorme na rúa, pero ocúltase toda a dimensión estrutural do senfogarismo, que está máis relacionado coas políticas de vivenda, de rehabilitación de zonas degradadas. A raíz diso fixemos uha cartografía emocional, cambiando o chip”, relata a profesora Laura Cruz, que amosou os seus resultados nunha charla na Asociación Cultural Alexandre Bóveda.

“Sabendo que hai ese estigma fixemos unha cartografía emocional, á que lle chamamos Historias de vida, territorio e vulnerabilidade, para a que o alumnado entrevistou a persoas en situación de senfogarismo, de prostitución e persoas privadas de liberdade, preguntándolles por aqueles lugares da cidade que eran significativos para eles e para elas. E que relatasen unha historia que vinculase ese espazo concreto da cidade cunha emoción”, comenta Laura Cruz, O resultado foi sorprendente, xa que, independentemente da traxectoria vital de cadaquén, a cidade é unha e adoita agochar historias comúns.

“O que recollemos foron estas vivencias colectivas que nos trasladan que, ao final, non nos separan tantas cousas, porque a maior parte das historias son lugares comúns, porque falan moito do mar, da Torre, do parque de Santa Margarida, do parque de San Pedro... Destacan aquilo que nos une, que sentimos emocións e que vivimos no mesmo espazo, aínda que de xeito diferente. Hai historias que non están situadas en lugares que nós escolleriamos, pero que axudan a humanizar os barrios que teñen unha consideración negativa no imaxinario social pero as historias son comúns. Por exemplo, eu víame representada en historias de nenos e nenas que xogan na rúa ou das persoas maiores, que falaban de cando había máis espazo público e se xuntaban na rúa e non había móbiles”, relata Cruz, porque nesta cartografía participaron 76 persoas achegando as súas vivencias.

“Pretendiamos visibilizar o que nos une, e sermos quen de conectar emocionalmente con persoas que non coñecemos e que están en situación de vulnerabilidade e ver que temos moitas cuestións en común”, resume Cruz.

A exposición está dispoñible para a súa consulta a través do repositorio da Universidade da Coruña, nun documento de Google Maps, no que os alumnos e alumnas, ademais recollen non só o pasado e o presente dos seus protagonistas senón tamén que é o que eles queren ou buscan para o seu futuro.

É un mapa subxectivo dos afectos, nos que se presentan 234 relatos de 76 persoas, 42 homes e 34 mulleres en situación de vulnerabilidade, sen docificar e sen ofrecer unha imaxe da cidade diferente da que eles e elas viviron.

Nas historias das persoas migrantes cobran especial relevancia tanto o mar como a praia, xa que algunhas persoas, coma Ariel (nome inventado), sentían un vínculo moi especial co mar, pero non tanto con esa auga tan fría e tan diferente da de Colombia.

A chegada de Aurora á cidade non foi doada. Tiña un traballo en Arteixo coidando a uns nenos que nunca chegou a ser dela pero, como xa tiña comprado o billete do tren para vir á cidade decidiu deixar atrás Madrid e viaxar á Coruña en busca dunha nova vida. Na estación viu como unha muller esquecía unha carteira no bar, ela levoulla aos gardas e, en agradecemento, a muller que estraviara a carteira acompañouna a ACCEM, nesta entidade xestionáronlle a estancia en Padre Rubinos e, co tempo, puido alugar unha vivenda compartida.

Para Delmar, a cidade está ligada á Cruz Vermella, porque foi esta entidade a que lle deu a posibilidade de saír adiante nunha cidade que non coñecía. El é de Costa de Marfil e Cruz Vermella foino buscar á estación da Coruña, cando se trasladou aquí desde Valencia. Iniciou a súa vida na Coruña coa dificultade de que os seus coñecementos de perruquería africana non son homologables, polo que ten que aprender tamén o oficio para cabelos europeos.

Eufasio naceu en Santiago, estivo en varios centros de menores e o seu primeiro contacto como veciño da cidade chegou coa Torre de Hércules, logo de pasar uns días na antiga prisión provincial e saír en liberdade aos 16 anos. Pasados máis de cincuenta anos, aínda que devece pola Torre tamén lle gusta o paseo do Portiño. Asegura que el tivo que “xogar a ser maior” e a “saír adiante”, así que, non hai carreiras en bicicleta nin indios e vaqueiros nas súas lembranzas.

No mapa hai historias de fútbol e xogos, de persoas que deixan as súas raíces atrás e que se ven vivindo na Coruña no futuro, coma a do matromonio formado polos turcos Paula e Xulio, a quen lle gustaría vivir preto do mar na cidade que os acolleu e seguir sentindo que non hai medo posible neste lugar.

Para a profesora Laura Cruz, este mapa mostra unha maneira de entender a cidade na que moitos dos alumnos non pensaran antes e que axuda a quebrar estereotipos, máis aínda logo da pandemia, cando moitos veciños e veciñas se decataron de que a súa situación podería derivar en senfogarismo ou que o que pensaban que era unha boa opción habitacional non o era tanto cando hai que pasar os días sen saír da casa, cando hai que teletraballar e non hai espazo para unha mesa grande ou non hai luz solar que facilite o día a día.