Dende que abriu as súas portas hai xa 28 anos na esquina de San Andrés, o café Universal afrontou, durante as súas tres décadas de vida, multitude de etapas. A última comezou hai xa dez anos, da man do seu actual propietario, Xulio Vázquez, que exercerá de temoneiro tamén na nova vida que o establecemento estreará a partir de agora. As portas do Universal pecharon a principios de mes, e agora volven abrir coa cara lavada e un feixe de ideas que pór en práctica. “Despois destes dous anos, que foron terribles para a hostalería, entendimos que había que dar un pulo potente. Era o momento, a xente está moi afectada a nivel emocional. Queríamos darlle unha volta ao local”, explica.

No Universal non perderon o tempo nestes días de peche: no lugar que ocupaba o almacén agromou, desta volta, un escenario, arredor do cal se desenvolverá a nova actividade cultural e musical que ofertará o local. “A idea é reformular e actualizar a idea do café bohemio e cultural. Queremos fomentar a creación local e de base, que xa ía polo Universal antes. A cidade demandaba un espazo así, un lugar para a cultura sen estar vinculada aos megaeventos”, xustifica.

O Universal será escenario, a partir de agora, dun ocio nocturno alternativo que o local quere potenciar nesta nova etapa, con concertos, tertulias literarias e sesións DJ con vinilo. A primeira delas correrá hoxe a cargo de Isaac Peces. O próximo sábado, porase ante os pratos Dani Peligro. “Buscamos pinchadas de moita calidade, sempre en vinilo. Temos moi bo equipo de son e luces que acabamos de instalar. A esencia do local mantense, pero ampliamos local literal e figuradamente”.