A académica correspondente da Real Academia Galega e profesora da Universidade da Coruña Olivia Rodríguez coordina o Congreso Internacional Emilia Pardo Bazán, 100 anos despois, que trouxo esta semana á cidade a investigadoras do universo pardobazaniano de distintas partes do mundo.

Tras este ano pardobazaniano, queda algo por dicir da escritora?

Sempre queda algo por dicir, porque cando se analiza a literatura, as cousas que se din non son definitivas. Cada tempo é diferente, e a clave é a interpretación que damos en cada tempo os lectores. Todas estas polémicas que houbo este ano son polémicas nosas, de hoxe, que serían impensables hai 30, 50 ou 100 anos. O que asombra é o que queda por estudar, por analizar, por descubrir de Pardo Bazán. No congreso estamos oíndo moitas intervencións que nos falan do traballo dos investigadores tanto aquí como fóra. É un mundo enorme para facerse unha idea do lugar que ocupaba esta escritora na literatura de Occidente, e nin sequera: tamén houbo traducións en Xapón en vida dela. Que posto ocupaba no sistema literario e na cultura galega, europea, española, americana e universal? Como chegaba a tantos lugares? Pola prensa. Era una muller moi ben organizada profesionalmente, é o exemplo da primeira escritora profesional que houbo en España. Ela usaba a Axencia de noticias, foi das primeiras en preocuparse polos dereitos de autor e por darse a coñecer fóra. Ese era o seu traballo. Era o medio necesario para soster o nivel de vida que ela levaba, que se correspondía coa burguesía ilustrada, coa fidalguía galega; a aristocracia coa que se relacionaba tanto en Galicia como en Madrid, e as viaxes que facía. Ela tiña ese patrimonio de rendas e sistema foral en Galicia, e ese traballo profesional de muller que traballaba para ser independente. Esa é a marca que a distingue doutras escritoras.

Na súa intervención, falou da proxección de Emilia Pardo Bazán na narrativa galega do seu tempo. É un grande debate.

Foi una sesión moi interesante, porque interviron colegas moi interesantes, que están dentro destas polémicas que son sempre literarias, porque o clima é moi agradable. Houbo moita información importante sobre eses aspectos, sobre a situación da Galicia real entón e sobre como funcionaba a literatura galega, houbo unha comparación entre temas tratados por Rosalía e Emilia Pardo Bazán, e unha análise de Pilar García Negro que estaba destinado a mostrar como Pardo Bazán, nun momento decisivo, que era cando se estaban xogando os proxectos políticos da construción do Estado Español, optou polo modelo centralista, español. Ata entón, ela coñecía todo o que se facía en galego, traballou coas persoas que estaban sostendo o Rexurdimento, e gustáballe. Ela di que sabe ler o galego, pero non manexalo na escrita; admiraba a Pondal, pero tiña enfrontamentos persoais e ideolóxicos terribles con Murguía ou con Curros. Cando ela se une a este grande proxecto político en Madrid e coñece aos intelectuais de alá, non quere saber nada desta literatura que pode apoiar ao Rexionalismo, e, por tanto, o separatismo. Eu buscaba un equilibrio, unha nota que puxese de relevo que Emilia Pardo Bazán funcionou como modelo para a creación da narrativa galega. Isto está dito por Vicente Risco moito tempo despois.

É unha información que centra a polémica a día de hoxe.

Na miña intervención eu falaba dun exemplo de 1898-1900 e outro de 1919. Emilia Pardo Bazán está en plena actividade. O primeiro caso: novelas galegas que se publican en Cuba. Aquí en Galicia, a novela galega está empezando a facerse: está Maxina, que é bilingüe, A cruz do Salgueiro... En Cuba hai unha colonia galega importante, e na revista Follas Novas hai un escritor que publica unha novela extensa, que firma como Xan de Masma. Levei a este escritor porque non só fai unha novela de estilo zoliano, seguindo o libro de Pardo Bazán que a introducía no naturalismo, senón que, ademais, nun capítulo, fala de Pardo Bazán como a honra de Galicia. Di que é unha escritora admirable, e que só lle atopa unha tacha: ter nacido nun berce tan elevado, que se fose un pouco máis humilde, tería a capacidade de entender o sufrimento dos labregos, igual que o entendeu Rosalía. Para el, ela e Rosalía están no Parnaso galego. En 1919, Vicente Risco publica a súa primeira novela en galego. Esta noveliña, que xoga co ocultismo ,moi divertida, colle un motivo dunha novela de Pardo Bazán, La sirena negra, para facelo tema principal. Hai un momento no que aparece unha descrición da danza da morte nun tapiz que Pardo Bazán tiña na casa. Este motivo, que aparece nunha descrición fabulosa, é tomado como tema central por Risco en Do caso que lle aconteceu ao doutor Alveiros. Isto sábese porque en notas a pé de páxina, di que se alguén quere ler unha magnífica descrición da danza da morte, atoparaa en La sirena negra de Pardo Bazán. Esta é unha proba máis de que ela estaba no canon para os que no sistema galego estaban creando a modernización da literatura galega.