Entrevista | Antón Pombo Xornalista especializado en turismo

“Pódese facer turismo literario antes de ser lector”

“En Galicia estamos desaproveitando unha grande oportunidade, existe potencial e materia para este tipo de turismo”

Antón Pombo, durante un dos seus Camiños de Santiago.   | // LA OPINIÓN

Antón Pombo, durante un dos seus Camiños de Santiago. | // LA OPINIÓN / marta Otero Mayán

A Coruña

O xornalista Antón Pombo, especialista en Turismo, levou o mes pasado ao congreso El viaje a través de la palabra un feixe de posibles estratexias para deseñar un plan de divulgación turística das rutas literarias que se poderían artellar na provincia.

Pode ser a literatura un reclamo turístico?

Está en cernes aquí na provincia da Coruña. Hai experiencias en moitos lugares do mundo e de Europa moi consolidadas, algunhas xa levan décadas. Aquí en Galicia estamos un pouco en pañais con respecto ao que se fai noutros lugares do mundo ou mesmo noutras comunidades autónomas de España. En Galicia estamos desaproveitando unha grande oportunidade que temos, porque existe materia, existe potencial, pero polo de agora non hai grandes iniciativas que se consoliden e que perduren no tempo.

Que precedentes hai a nivel nacional ou internacional destas experiencias?

Fixemos un estudo bastante exhaustivo do que se fixo noutros países, con documentación tanto a nivel académico como na realidade práctica das cousas que están funcionando. Hai países que destacan como pode ser Irlanda, sobre todo o caso de Dublín, de Edimburgo en Escocia, cidades como Praga, París, rexións como Normandía ou Barcelona. Máis en proximidade, hai un bo exemplo en Portugal. Estiven viaxando en primavera e comezos do verán para coñecer o que se fai alí, porque o interese da literatura como experiencia turística é bastante recente en Portugal. Fixeron cousas moi novidosas, incluso sen ter unha base previa de escritores que escribiron dun lugar. Crearon cidades literarias coa vontade, dende a nada.

Os destinos turísticos relacionados co cine ou as series teñen moito tirón, aí está Game of Thrones. Pode pasar o mesmo cos libros, que teñen un potencial menos visual para os lectores?

Ese é o grande problema dun segmento do turismo cultural tan especializado. Sempre estamos falando de turismo experiencial, dunha experiencia turística moi subxectiva, porque hai moitos tipos de persoas que poden achegarse ao turismo literario: persoas que xa están moi concienciados, grandes lectores, que son seareiros de certos autores e queren coñecer a súa vida, onde crearon, onde viviron, as paisaxes literarias das súas obras... Porén, e aí é onde fixemos fincapé nas estratexias para a Deputación da Coruña para desenvolver este turismo, hai que atraer a un público máis amplo, desde os nenos. Este mundo debe ser visto como algo divertido, entretido, que pode presentarse como unha aventura chea de retos. Copiamos iniciativas e modelos doutros países, e plantexamos o achegarse á literatura como un reto ou un xogo ou unha aventura, para que os nenos tiren dos pais e queiran participar. Por suposto, ten que haber unha financiación, un compromiso da administración, unha campaña...

Hai un reto dobre: por unha banda, que os nenos queiran ler, e outro, que queiran participar desa experiencia da literatura.

Si. Aí hai un debate establecido entre os teóricos, que din que para facer turismo literario hai que ser lector. Nós cremos que se pode facer turismo literario antes de ser lector, e que este turismo pode axudar a aguilloar o interese pola cultura e a lectura. É unha maneira de chegar a un libro, pode ser un estímulo para que logo a xente lea.

Excluíndo a literatura vinculada ao Camiño de Santiago, cales poderían ser as rutas literarias da provincia da Coruña?

Nunha primeira andaina, sen desprezar a ningún autor menos coñecido, habería que centrarse nos grandes autores da literatura, que son recoñecidos tanto en Galicia como fóra de Galicia, en galego e castelán. Están o eixo Padrón-Arousa Norte, que é un dos núcleos máis fortes de turismo literario, non só en Galicia, senón a nivel España: temos a un premio Nobel, Cela; temos a todo o símbolo do Rexurdimento que é Rosalía de Castro, poetas medievais...na Arousa Norte temos a triloxía de Rianxo: Dieste, Castelao, Manuel Antonio. Por suposto, Valle Inclán. Hai outra área moi potente que é a cidade da Coruña coas Mariñas, coa contorna, e unha figura salientable como é Emilia Pardo Bazán. As Torres de Meirás deberían ser un centro cunha dimensión literaria importante. Pardo Bazán deseñou o edificio para a creación vinculada á literatura.

Como se poderían artellar estes roteiros ou experiencias?

A fase de comercialización é un tema moito máis técnico, e na primeira parte ten que ter unha aposta das administracións públicas para dar pulo, investir, crear campañas de promoción, sinalización. Nós propuxemos crear un mapa literario con xeolocalización de todos os recursos, no que se poidan ir introducindo recursos pouco a pouco, que se pode ver xa noutros lugares como Cataluña, e ademais, moi ben feitos. Podes pinchar no mapa e buscar na zona á que viaxas todas as referencias literarias que existen, as obras localizadas ou ambientadas aí, as referencias bibliográficas dos autores. Iso non ten fin, e se pode ampliar. No primeiro paso, hai que ir ao básico: crear unha ruta, sinalizala, ir ás oficinas de turismo, falar coas axencias de viaxe para comercializar paquetes turísticos. A Xunta debería poñer da súa parte porque, a día de hoxe, en Galicia o turismo literario non é unha das liñas de traballo.

Tracking Pixel Contents