O jazz como cura da alma

Xan Campos prepara un concerto, hoxe en Afundación e en formato trío, “moi divertido e para todo tipo de público”

Xan Campos, rodeado de vinilos.   | // IVANA PARDAL

Xan Campos, rodeado de vinilos. | // IVANA PARDAL / A. Carro

A Coruña

A música pode curalo todo. Foi antídoto de moitos durante os meses de encerro. O jazz do pianista Xan Campos é o exemplo diso. De entrar nunha sala e esquecer o que pasa fóra. Unha experiencia que se pode gozar hoxe en Afundación (20.30 horas), nun concerto que forma parte do ciclo Butaca de jazz, ao que se pode acceder a cambio de alimentos non perecedoiros. As invitacións voaron.

Unha actuación na que presenta o seu último disco Realismo xunto a Horacio García, contrabaixo, e Iago Fernández, batería. “Levamos máis de 15 anos tocando xuntos. O álbum é a culminación da linguaxe que fomos desenvolvendo neste tempo”, conta o músico, que revela que o máis especial deste disco é “o traballo acústico”.

Hoxe chega o seu directo. Un concerto de jazz no que os outros xéneros musicais tamén teñen espazo. “A sonoridade da música que facemos non é propia dun proxecto de jazz. É máis próxima a outras músicas modernas”, comenta. Haberá tempo para escoitar os temas do novo disco, pero tamén para facer un repaso polo pasado. “Será algo moi divertido e para todo tipo de públicos. É fácil atopar nesta música cousas recoñecibles”, conta Xan Campos, quen se formou como pianista e compositor en conservatorios de Galiza, País Vasco, Berlín, Amsterdam e Copenhague. Agora é, ademais, sideman de destacados artistas da escena do jazz de España e Portugal.

O músico reflexiona sobre os novos tempos e, aínda que ve que o panorama musical está “marcado pola pandemia”, é “optimista” e mira cara o futuro cun sorriso na boca. “No meu caso persoal, hai unha grande diferencia entre o inverno pasado e este. Parece que isto remonta”, analiza.

A Xan Campos preocúpalle o que pasa coa música en directo nos bares e nas salas pequenas. “Viuse moi danada a escea de bares e clubes, onde nace a música como o jazz”, expón, e engade: “Penso nos meus alumnos, que tiñan que estar tocando varias veces por semanas en bares e non o poder facer”. “É difícil sacar adiante estas iniciativas”, di. Como profesional, opina que as salas xogan un papel “importantísimo” no desenvolvemento da música e tamén dos músicos. “Todos pasamos por garitos pequenos, é que falta por recuperar”, reflexiona.

Bota de menos, tamén, pisar Latinoamérica, a súa outra casa. O ano pasado tiña programada unha xira no Brasil. “Pero iso volverá”, avisa, cunha actitude positiva. Para Xan Campos, que tamén está a recuperar os seus concertos en Portugal, a pandemia serviu para “facer outras cousas”.

Tracking Pixel Contents