Carmen Armada | Arquitecta que participa na charla ‘Nomear a cidade e a vivenda en feminino’
“As leis non lastran unha casa de 500.000 euros, pero dignifican unha de 60.000”
“No confinamento decatámonos de que tiñamos vivendas pero non fogares”

A arquitecta Carmen Armada. | // CARLOS PARDELLAS / Gemma malvido
A arquitecta Carmen Armada participa este venres, 19 de novembro, na terceira edición do ciclo Mulleres e realidades comúns, na Asociación Cultural Alexandre Bóveda, ás 19.00 horas. Compartirá mesa coa profesora de urbanismo e paisaxe na Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña Cristina García Fontán. Falarán de urbanismo e arquitectura na conferencia Nomear a cidade e a vivenda en feminino.
A arquitectura ten ou pode ter unha perspectiva de xénero?
O urbanismo con perspectiva de xénero é necesario. As cidades foron feitas por e para homes brancos, heterosexuais, traballadores, válidos, que se moven en coche... Ese modelo deixa fóra non só ás mulleres senón a todas esas persoas que non cumpren con esa normatividade, como os nenos, maiores, con discapacidade ou mobilidade reducida.
Na Coruña, onde se pode ver un lugar para todas as persoas?
Para min un espazo con perspectiva de xénero é o Campo de Marte. Son pequenas vivendas unifamiliares construídas arredor dun parque, ten o colexio moi preto. É un espazo no que se vive doutro xeito porque, para empezar, o coche non entra. Está sempre cheo de nenos e nenas, de pais e nais e é un espazo de socialización.
Que cambios se poden facer para que sexan cidades máis amables?
Que non sexan cidades pensadas para o coche. Fálase moito agora das cidades dos quince minutos, nas que poidas ter todos os servizos a quince minutos da túa casa, a escola, o supermercado... Que sexan cidades pensadas para vivir nelas e non só para durmir o home branco traballador que se move en coche.
A perspectiva de xénero na vivenda é máis complexa, non? Porque cadaquén se organiza dun xeito ou tira os tabiques que lle sobran...
Se buscamos en internet, ao final, sempre se fala de urbanismo con perspectiva de xénero, por exemplo, para evitar as rúas escuras, para evitar os recunchos nos que nos poidan atacar ou para facelas máis accesibles, de feito, hai unha frase de Lefevbre, que di que hai unha política do espazo porque o espazo é política, pero cando falamos do espazo doméstico, a xente xa perde a perspectiva de xénero e fala como propietaria do espazo, non é algo construído por e para todos,senón que é meu e xa podo facer o que queira, cando realmente, non é así. As vivendas que temos hoxe en día melloraron na súa salubridade, nas condicións, no deseño... pero seguen a repetir os espazos que tiñan as vivendas burguesas do século XIX. Unha vivenda cunha cociña para cociñar, o dormitorio grande para o matrimonio, os pequenos, para os nenos e as nenas e un salón con todo organizado arredor da televisión.
Até que chegou a pandemia e o confinamento e moitas persoas se tiveron que enfrontar á realidade das súas vivendas, non?
Si, porque a xente tivo que vivir nas súas casas e decatouse de que as súas vivendas non cumprían co que se esperaba delas. As vivendas nas que vivimos non permiten conciliar nin teletraballar, nin repartir as tarefas do fogar, xa que a cociña sempre está separada do salón, iso implica que vai estar cociñando unha persoa, normalmente, unha muller, entón están a reproducir os roles de xénero e impiden socializar dentro da familia. Decatámonos de que tiñamos vivendas pero non fogares.
Pero pódense construír.
Si, pero non podes facer o que queiras porque hai que cumprir unha normativa. Hai persoas que botan as mans á cabeza dicindo que como vai a Administración a meterse en como elas queren facer a súa casa. A Constitución, no artigo 47, di que todos os españois teñen dereito a unha vivenda digna e son os poderes públicos os que teñen a obriga de promover as condicións necesarias para que esas vivendas sexan dignas, porque unha cousa é ter vivenda e outra que sexa digna. Igual que hai normas para abrir un negocio. As normativas marcan uns mínimos e non cumprilas significaría case facer cuartos escuros. Estas normas non van lastrar en ningún caso un proxecto de 500.000 euros, pero si que vai dignificar unha vivenda de 60.000, para que non poida chegar un especulador e construír vivendas sen luz e sen ventilación e facer tres cuartos onde só pode haber un. Aínda que a normativa autonómica está ben en canto a metros cadrados segue a repetir o modelo da vivenda burguesa do século XIX.
A pesar da normativa, en webs de alugueiro de vivendas podemos ver rochos convertidos en pisos.
As normativas son para vivenda nova ou reformada. Se non se reforma ou se fai sen permiso, pasa o que pasa e o que vemos en El Zulista, por exemplo. Hai profesionais que van contra a normativa porque consideran que lastra os seus grandes proxectos, eu penso que a arquitectura é unha arte, pero é un servizo para proporcionar dignidade ao que facemos.
Como sería unha vivenda ideal desde a perspectiva de xénero?
A vivenda ideal non ten que ser máis cara que as demais, senón que ten que estar feita atendendo a todas as persoas que a habitan. Que o portal non sexa un tubo, que sexa amplo, porque iso evita que poidamos ser atacadas, que a luz se acenda con sensores para que non teñamos que buscar os interruptores. Dentro da casa, os baños teñen que ser accesibles, o dormitorio dos pais, por exemplo, non ten que ser o máis grande, porque os adultos só van durmir, os nenos e as nenas están máis tempo no seu cuartos. Que todos os dormitorios sexan iguais, de entre dez ou doce metros cadrados, permitiría unha flexibilidade total, adaptaríanse ao crecemento ou decrecemento da familia. Unha cousa importante é que a cociña estea vinculada co salón e co comedor, que estean xuntos ou ao lado, porque ao final, canto máis grande sexa a cociña implicará que entrará máis xente, e que os traballos se poidan facer de xeito conxunto. A casa ideal tería que ter tamén espazos para traballar e de xogos para os nenos e as nenas diferenciados do dormitorio.
- El restaurante de A Coruña en el que puedes comer hasta reventar por 13 euros: 2 platos, postre y bebida incluída
- Esta es la línea de bus que más emplean los jóvenes de A Coruña, y no es la de Marineda
- Cooperativistas de Xuxán: «Este es un modelo fallido, somos prestamistas de la Xunta»
- Marta Ortega visita la primera tienda de Zara tras su reforma
- Xunta y Concello de A Coruña postergan la negociación sobre la terminal de bus a abrir la intermodal
- Y Moncho volvió al Lautrec
- Un piso de tres habitaciones luminoso y con vistas al mar, a la venta en Os Castros por 140.000 euros
- El 'testamento vital' se abre camino en A Coruña: más de 1.200 tramitados en 2024