“Non quero cometer a estupidez de dicir que o barrio dos Mallos é mellor ca ningún outro, pero tampouco é peor e ten moitas cousas polas que sacar peito e unha delas é o comercio local”, di Dani Rocha, que forma parte do colectivo Guerrilla dos Mallos e que ten desde hai tres anos unha tenda de produtos ecolóxicos no barrio. A entidade publicou a semana pasada un vídeo en redes sociais no que convidaba a todas as persoas a que visitasen o barrio e a que xulgasen por eles mesmos. “Que non cho conten”, resumen os membros de Guerrilla dos Mallos, porque son eles quen levantan a persiana dos seus negocios a diario e fan vida nun barrio que, desde hai uns meses, está a ser centro de atención polas protestas veciñais.

Luisa Ferrant ten unha imprenta no barrio desde hai oito anos, asegura que, igual que Dani Rocha, que abriu hai tres. La revolución de los graneles, mirou moito antes de se instalar nos Mallos, pero que a estación de tren como referencia pareceulle un bo motivo para inclinar a balanza cara a esta decisión. Sonia Gándara ten a tenda de roupa de muller Farpos, que herdou da súa nai e leva co negocio no barrio 38 anos, asegura que comercios como o dela xa quedan poucos na cidade e que é precisamente Os Mallos quen máis oferta ten.

Alba Balsa é tamén veciña do barrio ademais de comerciante, xa que ten a tenda Luces de Bohemia. Ela considérase “unha supervivente” por ter afrontado xa dúas crises económicas co seu negocio, que ten xa case vinte anos. Cando decidiron instalarse no barrio buscaban, sobre todo, que houbese vida e iso foi o que atoparon, con todo o que iso significa. Consideran que o barrio cambiou tanto como a cidade e que poñer o foco só en que hai roubos ou okupación de vivendas non axuda. Eles, que forman parte de Guerrilla dos Mallos, non negan que existan problemas, pero desmenten esa imaxe do Bronx do século pasado que se pretende transmitir. “Se de verdade isto fose un barrio no que os atracos son constantes, que sentido tería que nós dixeramos que non?”, pregúntase Rocha e as súas compañeiras respóndelle que ningún, que poderían mover o negocio, pero non o fan porque queren seguir nos Mallos.

“É a pescada que morde a cola”, di Sonia Gándara, que defende que, se a xente non anda pola rúa porque lle din que é perigoso, os negocios deixan de ter clientes e se iso pasa, teñen que pechar e se non hai comercio as rúas están escuras e, se non hai luz, ninguén quererá pasar por elas e si que poden ser perigosas.

“O medo contáxiase moi rápido. Se eu chego aquí e digo que tedes que ter medo, seguramente, a primeira reacción sexa un pouco de medo. É algo que non pasa, por exemplo, coa fame. E co medo pasa que, moitas veces, non nos preguntamos nin por que nin a que. Nós dicimos que cadaquén se faga caso a si mesmo, que veña e que goce do barrio e por iso dicimos tamén que Os Mallos é mellor se estás ti”, relata Dani Rocha, que, como as súas compañeiras, asegura que a imaxe que se está a trasladar no barrio non é real.

Guerrilla dos Mallos defende que hai unha rede de comercio local no barrio que non hai en ningunha outra zona da cidade, con tendas especializadas e con propostas interesantes. “Somos unha resistencia”, relata Sonia Gándara.

Luisa Ferrant foi a introdutora da idea do marketing de “guerrilla” no barrio, do que se fai con moi poucos cartos, aínda que con moito traballo, e que consigue ter un impacto no público ao que se dirixe e, así, empezaron a facer actividades e a comunicarse para axudarse entre eles. “A min, que fun o último en chegar, chamoume moito a atención esta especie de nacionalismo dos Mallos. Cando estaba facendo a reforma, entraban os veciños e preguntábanme que ía montar no baixo e dábanme as grazas e dicíanme que ían vir e así foi. Iso non o teñen outros barrios”, comparte Rocha, que considera que o comercio local é tanto ou máis importante que o seu equipo de fútbol ou as súas praias.

“Onde hai vida é máis difícil que determinadas cousas ou comportamentos prendan. Se hai xente, protexémonos uns aos outros”, recoñece Alba Balsa. Para todos os membros de Guerrilla dos Mallos, o foro de debate e de axuda que conseguiron crear cos seus teléfonos móbiles é algo máis ca un grupo de WhatsApp, é un lugar onde poden compartir as súas dúbidas sobre axudas e onde desenvolven as promocións. “O problema son os comercios que van quedando illados nas súas rúas”, relata Sonia Gándara, que defende que debería haber instrumentos nas administracións para potenciar o alugueiro dos baixos, para o seu arranxo e para a dinamización do comercio, por exemplo, cunha bolsa municipal de locais baleiros ou un imposto a quen teña os baixos en mal estado e sen intención de preparalos para alugar, é dicir, pedindo un prezo máis alto do que rexe o mercado.

“Interesa que moita xente deixe os seus pisos baleiros e vendan, porque xa se está falando de construír na contorna da intermodal e iso vai supoñer un cambio, xa que se hai xente que se cansa e marcha, porque os edificios, por exemplo, non teñen ascensor, e se poden derribar todo para facer vivendas de luxo, pois mira... Pero temos que pensar no choque que iso pode producir no barrio entre o que hai e o que vai vir, e temos que pensar cara a onde queremos que vaia, se queremos uns pisos moi ben comunicados para uns poucos ou un barrio no que todos poidamos vivir con dignidade”, comenta Rocha, que considera tamén que os problemas actuais do barrio non se solucionan coa presenza policial, como defenden algúns veciños, senón regulando o prezo do alugueiro dos baixos, fomentando a súa ocupación e poñendo atención a cousas como que as rúas estean limpas e que sexan accesibles. “Por que temos que chamar ao 010 para que limpen a beirarrúa se pagamos impostos?”, pregúntase, aínda que este non sexa un problema exclusivo do barrio.

Guerrilla dos Mallos ten presenza nas redes sociais para que tanto veciños como entidades poidan contar con eles para a realización de iniciativas que dinamicen o barrio. Do Concello din que saben que a porta non está pechada e que hai boas ideas, aínda que falta que cheguen máis a Os Mallos para que “pasen cousas” no barrio.