Logo da verba Ecocidio, na segunda entrega do Ecodicionario galego trátase a Disneyficación.

2. Disneyficación

Definición: s. f. Dise da transformación de obxectos, seres ou ambientes noutros de similares características pero simplificados, controlados e “seguros”, e que chegan a evocar o mundo fantasioso de Walt Disney. Esta verba non figura (aínda) no dicionario da Real Academia Galega (RAG).

Palabras e expresións relacionadas: Disneyzación, sinónima. Analfabetismo ambiental, relacionada pero cunha connotación máis reivindicativa e ás veces agresiva, coa que se pon de relevo o descoñecemento dos elementos e dos procesos naturais que rodean a unha persoa ou a unha sociedade. Antropomorfización, relacionada, coa que se outorgan aos animais características, valores e incluso aspectos similares aos humanos. Estas verbas non figuran (aínda) no dicionario da RAG.

Cal é a súa importancia no ámbito do naturalismo?: Disneyficación é empregada ocasionalmente nas análises sociolóxicas de corte ambiental, nas que se valora se a sociedade ten un concepto da natureza obxectivo ou ben nesgado, simplista e “brando”. Recurrentemente, vense concluíndo que hai un descoñecemento xeral de elementos e procesos naturais, e unha tendencia a interpretar de xeito frívolo, histérico ou incluso agresivo episodios naturais cotiás como, por exemplo, a depredación dun herbívoro por parte dun carnívoro. Relaciónase isto coa mensaxe transmitida polas producións de Disney, nas que predadores e presas son amigos e interpretan roles na natureza que pouco teñen que ver cos que realmente posúen.

Por que está en auxe esta palabra?: O descoñecemento dos elementos e procesos naturais leva a que en redes sociais se creen fíos de discusión e foros pseudocientíficos que son considerados como fiables por parte do público. Como puxo de manifesto David Álvarez no blogue Naturaleza Cantábrica, houbo reaccións airadas e histéricas de espectadores e espectadoras de cámaras de seguimento de niños de aves de rapina ante episodios de cainismo (absolutamente natural e habitual) entre dous poliños. A desconexión da sociedade co medio natural é cada vez maior, e, no caso de existir, este vínculo está nesgado ou non é axeitado. Estudos recentes no ámbito escolar revelan como o alumnado coñece moito mellor os animais das grandes sabanas africanas que os que teñen no seu propio centro escolar.