Tucho Novo nnficha personal | Membro de Heredeiros da Crus
“Agora mesmo temos cancións para facer un disco e para facer un disco bo”
“Lamentablemente hai unha invasión de reguetón. Espero que esta praga acabe pronto, porque hai moitos máis estilos para escoitar”

Heredeiros da Crus nunha imaxe promocional. Tucho Novo é o primeiro pola esquerda | // S. BLANCO / Gemma Malvido
Heredeiros da Crus volve á Coruña esta semana, tocará en formato acústico no auditorio de Palexco, no marco do ciclo de concertos Porto Maresía. Será este xoves, 25 de novembro, ás 21.00 horas coa súa Xira Angústica.
Un concerto de Heredeiros da Crus sentados é, cando menos, unha experiencia rara, como levan esta volta aos escenarios cando aínda estamos en pandemia?
Levamos tocando todo o verán, así que, xa estamos afeitos. Estámonos volvendo vagos. É un formato moi cómodo, é acústico e adaptámonos á situación. Non mola facer rock and roll con xente sentada, porque pode haber problemas... Nós quentámonos e a xente tamén se quenta e pode empezar a romper butacas. Entón adaptamos o concerto á tranquilidade. O anterior que fixemos xa foi eléctrico e xa nos permitiron facelo de pé, pero este aínda vai polas normas antigas. A verdade é que xa non sabemos que normas hai. Este é o último que temos neste formato, creo. Non sei se seguiremos facendo máis, pero xa non polo coronavirus senón porque a nós tamén nos gustou este formato. Non ten nada que ver.
E o público como está a recibir este formato?
Ben porque é tranquilo, é só escoitar os temas doutra maneira e estar coa xente para que cante. Ademais, a min tenme pasado de ir a concertos de rock e estar cansado de estar de pé, así que, nun concerto de rock, sentado e cunha copa, xa o paso ben. Á xente que veña vaille gustar, iso seguro, porque facemos tamén unha sección na que adaptamos catro temas de Heredeiros dunha maneira totalmente quinqui, con rumba e cousas así que nunca fixemos.
Agora que van cumprir trinta anos, falta facer unha cousa ben grande na Coruña, na praia ou en María Pita, non?
Eu, a verdade, é que non me lembro moito do pasado, intento mirar cara ao futuro, pero creo que a última vez que estivemos na Coruña nunha cousa grande foi con Los Suaves, na praia. A todo o que sexa no verán e na praia, Heredeiros vaille dicir que si, se é tocar na auga, sen ir ao fondo e sen plataforma, tamén o facemos. Na praia sempre é máis divertido. Eu, que son de costa, prefiro a praia mil veces que calquera leira por aí.
Que o grupo agora non teña tanta presenza na TVG como tiveron cando comezaron e soaban no Xabarín Club, aféctalles para enganchar a novas xeracións á súa música e á música en galego?
Eu creo que Heredeiros conecta igual, pero se os nenos non coñecen non conectan con ninguén. Hoxe en día lamentablemente hai unha invasión de reguetón. Esperamos que esta praga acabe pronto. Eu non digo que todo o mundo teña que escoitar rock and roll, pero hai moitos estilos máis para escoitar. A min xa me aburre tanto reguetón. Eu vexo isto coma unha xeración paleta. Na miña época, chamaríalles paletos a todos, parécenme joselitos de la vida, de 1936. A España cañí... Non vexo nada modernos aos chavales que escoitan esa música, para min son despojos de la sociedad. Non se me ocorren máis descalificativos agora mesmo. Hai moitos estilos de música, hai rock, hai jazz, hai blues, hai pop, hai música clásica...
E tradicional tamén, que é moi importante...
Si, aos nenos hai que poñerlles música e despois que elixan. Igual tenden ao reguetón e está ben, pero o que non pode ser é esta invasión. Igual que non me parecería ben que todo fose rock and roll. Eu cando empecei a tocar, decanteime polo rock con doce ou trece anos, había outros estilos, pero en canto collín a primeira guitarra xa dixen: “o meu é isto” e fun por ese camiño, que é o que me mola. Neste último concerto había rapaces de 25 anos, atraemos tanto a mozos de vinte como a persoas de sesenta. Xa somos como os Rolling Stones. Agora mesmo somos para todos os públicos, en dez anos xa non sei.
Antes era máis doado que as cancións en galego fosen máis populares entre a xente nova que agora?
A nós no rock non nos gusta politizar. A min a lingua dáme igual, Eu, de feito, non escoito rock en galego, escoito Heredeiros cando me cadra. Sempre escoitei música americana ou inglesa. Eu escoito grupos alemáns, xaponeses... Tanto me ten o idioma. Se quero saber o que din xa buscarei as letras. Creo que o rock non ten idiomas, dá igual no que canten, para min é algo secundario. Penso que non es mellor que ninguén por cantar en galego nin es un vendido por facelo en español. A min gústanme grupos de todo tipo, por exemplo, os que si que me gustan son Familia Caamagno, que son de Sigüeiro, pero estou noutra liga, a min mólanme os Rolling, Led Zeppelin, The Who... Estou noutra movida e non na de cantar en galego ou en castelán.
E para o 2022, que plans teñen? Haberá novo disco?
O ano que vén celebramos os trinta anos. Que rápido pasan! Ímolo celebrar por todo o alto. En febreiro imos tocar a Suíza e despois temos que programar toda a xira do verán. Polo de agora está todo no aire.Novo disco haberá, claro que si. Mentres haxa cancións haberá discos e cancións hai, o que non sabemos é cando. Igual este ano non é e é para o outro. Ao mellor xa hai algún tema que sae no 2022, estas cousas van así. Algo vai haber porque se tes un grupo que está en activo non podes vivir só dos éxitos, hai que facer máis cancións. Eu, por min, gravaba disco todas as semanas, pero tamén é difícil, porque facer cancións que lle cheguen á xente non é tan fácil. Eu pódoche facer un disco cada día, pero non che vai dicir nada. Unha canción transmite cando lle emociona a quen a fai. Mentres non atopemos as cancións axeitadas non podemos facer un disco. Agora mesmo hai cancións para facer un disco e bo, o que pasa é que non sei cando. Lamentablemente, nós tampouco nos dedicamos exclusivamente á música, se puidésemos vivir só da música sería de puta madre, pero Galicia é moi pequena, e pola merda do puto idioma, que non debería importar, estamos limitados a Galicia e témonos que foder. Nós temos sorte porque imos tocar fóra e á xente molámoslle.
Pois as Tanxugueiras poden ir a Eurovisión cun tema en galego...
Pois a ver se para o ano nos podemos presentar nós tamén, pero ao final, todo iso é política e igual non saen. Oxalá me equivoque e gañen. A que se podería montar cos Heredeiros en Eurovisión, coa sulfatadora no escenario.
- El restaurante de A Coruña en el que puedes comer hasta reventar por 13 euros: 2 platos, postre y bebida incluída
- Marta Ortega visita la primera tienda de Zara tras su reforma
- Xunta y Concello de A Coruña postergan la negociación sobre la terminal de bus a abrir la intermodal
- Y Moncho volvió al Lautrec
- Un piso de tres habitaciones luminoso y con vistas al mar, a la venta en Os Castros por 140.000 euros
- El 'testamento vital' se abre camino en A Coruña: más de 1.200 tramitados en 2024
- El sorprendente vídeo de Bad Bunny anunciando su primer concierto en A Coruña
- Cooperativistas de Xuxán: «Este es un modelo fallido, somos prestamistas de la Xunta»
La adolescencia bajo la lupa: cómo el estigma y la discriminación multiplican la vulnerabilidad
