Cando comemos un alimento delicioso, o noso cerebro experimenta sensacións de pracer. Cando enxerimos unha comida que nos desagrada, pola contra, sentimos repulsión. Todo pasa, inevitablemente, polo filtro da percepción do cerebro, que experimenta unha ou outra sensación en función do estímulo exterior que reciba. A pel de galiña reaccionando á túa canción favorita nun concerto. A sensación do estómago retorcéndose ao sufrir ansiedade.

Pode a observación da arte producir, do mesmo xeito cunha comida exquisita, sensacións de pracer no cerebro? O investigador Fran Quiroga afonda nestas premisas no estudo Sensorialidades aplicadas, un estudo arte-ciencia, que explora a percepción sensorial do público ao ser exposto á contemplación de obras artísticas. Fíxoo en colaboración coa startup TasteLab, que monitoriza, a través de catas, a aceptabilidade que poden ter para os consumidores os novos produtos alimentarios antes de seren lanzados ao mercado. “Queríamos ver como podiamos replicar este estudo á obra de arte. A idea era mesturar a atención profunda coa análise sensorial, para ver que ocorre no noso cerebro cando vemos unha obra de arte”, explica Quiroga.

Un exercicio complicado, tendo en conta a sobreexposición da poboación as moitas distraccións do día a día. “É algo que se empeza a traballar moito, porque agora, con Internet, redes socias, vídeos e pop ups é moi difícil concentrarse. Hai exercicios de relaxación relacionados por exemplo co mindfulness, dirixidos ao sentir o aquí e agora e ter maior conciencia”, xulga Quiroga.

O escenario escollido para a investigación foi unha das últimas mostras que albergou a Fundación Luis Seoane, Modernidades diverxentes, unha escolma do investigador Pablo García Martínez que analiza a relación entre a obra de Luis Seoane e a prestixiosa revista arxentina Ver y Estimar. O obxectivo, ver como variaba a percepción das obras de arte en función de onde se sitúe quen as contempla, e tamén da propia experiencia previa do que mira. Para iso, os responsables do estudo empregaron ferramentas tecnolóxicas como diademas de electroencefalograma para medir estas reaccións cerebrais, enquisas a través dun software especializado e, tamén, a propia conversa e intercambio de pareceres entre os usuarios dos experimentos.

“Seleccionáronse dez situacións concretas no acto de visitar esa exposición, para ver de que maneira cambiaba a forma de ver as obras antes de entrar na mostra e despois, ao saír”, ilustra. As conclusións tras medir as sensacións que produce no cerebro visitar a Luis Seoane son reveladoras: “Do estudo pódese extraer, por exemplo, que visitar á Seoane mellora a concentración e diminúe o estrés”, asevera o investigador, que matiza que, porén, é cedo para afirmar que haxa unha tendencia xeral a ese efecto, e que, ademais, as persoas que visitaron esa mostra e participaron no estudo tiñan un interese e unha sensibilidade previas cara a arte.

“É un bo exercicio para traballar a chamada economía da atención, que están estudando moitos xornais, medios e publicistas para captar a atención mais alá dos dous minutos que pode levar agora ver un vídeo.Atendendo a idea dese Eros observacional, esa persoa que desfruta polo mero feito de observar, está facendo unha práctica de resiliencia”, asevera.

Os exercicios empregados para estimular a atención, extraídos do protocolo da Bienal de São Paulo, Afinidades Afectivas, eran diversos: dende dar as costas a unha obra e emular a súa acción, pechar os ollos ante os cadros e volvelos abrir para ver que sensacións se experimentan, ou mesmo tumbarse no chan para observar dende outra perspectiva. “Compartir a experiencia é importante, porque permite revivir o momento doutra maneira. Nas experiencias hai moita relación coa nenez: é curioso como nos condiciona tanto, e moitas cousas que consideramos pracenteiras as levamos á nenez”, reflexiona. A arte, deste xeito, queda acreditada como moito máis dun mero entretemento, e encaixa na categoría de experiencia sensitiva modelada pola forma que cada observador ten de ver o mundo. “A cotiandade fai que obviemos moitas cousas. O estudo buscaba tecer ese lugar de encontro entre arte e ciencia”.