Iago Pardo, alias I. Endv, é membro do grupo de black metal coruñés Lóstregos, en activo desde 2014. Con letras en galego moi influídas polo paganismo e a mitoloxía patria, veñen de sacar o seu terceiro traballo, Onde calan os corazóns ruxen as pedras, e o presentarán ás 22.00 horas deste venres na sala Filomatic, acompañados polo grupo portugués de black e death metal Vøidwomb.

Cal é o leitmotiv do disco?

Falar do folclore galego, na onda dos anteriores traballos. Buscamos lendas e contos que enxalcen o carácter galego. O tema Deidades da noite trata dos cultos precristiáns dos poboados celtas. Lamento do Medulio fala da mítica batalla, moi enxalzada no imaxinario popular e onde naceu o lema “denantes mortos que escravos”. Outra canción trata do alemán de Camelle, que nos conmoveu. Foi unha persoa que entrou en contacto coa maxia e misticismo desta terra.

E o cuarto tema, Bisbar que emana do ventre da terra?

Trata da lenda da creación da Cova do Rei Cintolo, en Mondoñedo. Un dos nosos membros pasou alí parte da súa infancia, e tratábase de render tributo a esa comarca.

Teñen moita inspiración do pasado pre-cristián, e aínda algunha canción da que se podería dicir que é anticristiá. Que é para vostedes o paganismo?

Para nós é unha forma de ser. O que nos gusta é perdernos en medio da natureza, entrar en contacto cos espíritos máis ancestrais da nosa terra e facer tributo a iso. E sobre todo, que non se perda a memoria. Iso vai desde lembrar os antigos contos a indagar sobre a simboloxía e mitoloxía antiga. Forma parte de todos nós.

Cal é a influencia da paisaxe na música de Lóstregos?

Para nós é unha parte moi importante. Pode parecer que non ten importancia, pero perdernos en rutas de senderismo cáusanos certas sensacións que quedan gardadas. Cando collemos os instrumentos buscamos que estean na música. Non é o mesmo un riff sacado en inverno no medio do Courel, con néboa, que no verán, na praia. Se estamos atascados, buscamos un sitio de ruta o máis perdido posible para inspirarnos.

En discos anteriores homenaxean a Tolkien. Cales son as súas inspiracións literarias?

A literatura de Tolkien influenciou a todos os membros da banda, xa desde pequenos, e inspirou a grupos que nos gustan de corte pagán, ou Led Zeppelin. Fixémoslle tributo, mesturándoo con algún elemento galego-celta. En canto a outras fontes, temos poetas como Ramón Cabanillas ou Pondal. Castelao é sempre unha fonte de inspiración, e Rosalía de Castro. Tamén libros de mitoloxía. Para as cancións buscamos unha historia que nos conmova.

Tamén participaron nun disco recopilatorio de homenaxe a Bathory.

A experiencia foi xenial. Foi idea do selo estadounidense Fólkvangr, e cando nolo comentaron aceptamos inmediatamente. Adaptamos A fine day to die ao galego, como Un bo día pra morrer. No disco había grandes bandas, algunhas que son unha influencia para nós, e foi bonito compartir traballo con eles. Foi un completo acerto.

O black metal está moi asociado con temas escuros, á violencia e á épica. Vostedes por que escolleron este xénero? Que lles aporta?

Nós eliximos o estilo porque o black metal sempre nos gustou, sempre foi o que máis nos tirou dentro do metal. Os integrantes de Lóstregos temos tocado noutras bandas, con estilos como death metal, e algún tocou rock. Pero o black metal transporta moito: é un estilo moi romántico, que transmite máis sensacións. Non é música dun momento, senón que case acompaña durante a vida cotiá. Nós quixemos facer un estilo de corte pagán e non tan escuro como outras vertentes.

E como evolucionaron musicalmente durante estes anos?

Cando comezamos se cadra o estilo era un pouco máis directo, con riffs máis simples e sen complicarnos tanto, pero a raíz de ir ensaiando e encaixando todos, comezamos a meter máis influencias. Ao black metal pódenselle engadir sen que quede estraño.