O café Universal é, para os seus asiduos, moito máis que un bar. Especialmente estes días, no que se transforma, todas as mañás de 10.00 a 12.00 horas, nun auténtico centro de creación artística. Alí se sitúa, silenciosa pero perceptible, María Rodríguez, A Flaira. A rutina é similar, cada día, na franxa horaria na que convirte o local da rúa San Andrés no seu obradoiro creativo: entra, busca o lugar idóneo, senta, pide un café e debuxa sobre o mármore redondo das mesas. Ao día seguinte, a ilustración desaparece, e a artista esboza un novo deseño.

A imaxe varía, pero a temática de fondo é sempre a mesma: mulleres redeiras. Nin o fío condutor nin o establecemento escollido responden ao azar. “Quero dignificar o oficio artesanal como é o das redeiras, que queda invisibilizado en pro da épica que se lles dá sempre aos oficios do mar. Escollín as redeiras pola importancia simbólica que ten hoxe o tecer redes entre nós, ese proceso de construción das relacións”, xustifica A Flaira.

A hora escollida para a acción tampouco é aleatoria: a xornada matinal busca romper o tópico de nocturnidade que acompaña á creación artística. “É unha hora moi limpa para facelo, non fai falla que sexa de noite. Eu fuxo dese estereotipo dos bohemios”, defende.

O café Universal, que reabriu as súas portas o mes pasado cun lavado de cara que auguraba aventuras futuras, presentouse, para esta artista, como o mellor lenzo para esta proposta. Literalmente, no caso do seu mobiliario. “O Universal, como un espazo acolledor e para tecer redes, reúne as condicións óptimas: tanto o espazo, como a xente que traballa alí, como os que o frecuentamos e habitamos”, explica a artista, que admite que, alén do ambiente, para desenvolver a súa acción precisaba unha liberdade que os propietarios do local lle proporcionaron.

Ademais diso, a exposición temporal que decora as paredes do local estes días tamén é súa, pero co carácter permanente que esquiva o efémero dos debuxos das mesas. “É unha proposta arriscada, porque tes que ter a unha persoa alí ocupando as mesas todos os días. Xérase un debate artístico, sobre a arte efémera e a permanente. A interacción da xente que está alí é sempre positiva”, asegura.

Neste punto, explica, reside o sentido de fondo da intervención artística, e que a propia autora considera o elemento máis importante: as redes sociais que se van tecendo arredor desas mesas, que actúan como ferramenta para facer comunidade. “A xente achégase, pregunta, interrompe, fala contigo... nunha interacción teñen que pasar cousas. Esta está sendo un éxito, porque están sucedendo. Agora saúdo, falo e tomo café con xente coa que antes non o facía”, sinala.