Moncho Reboiras tiña 25 anos cando unha salva de disparos lle atravesou o peito, algo que poucos supoñen: as imaxes que chegaron del ata os nosos días, onde aparece ataviado con perruca e bigote, debuxan a un Reboiras máis vello e que lembra á figura dun guerrilleiro épico de cine. Os escritores Xurxo Martínez e Xosé Manuel Pereiro debullan en Reboiras, o camiño da rebeldía a personalidade do líder nacionalista, alén do carácter mitolóxico que foi gañando ao longo dos anos.

Moncho Reboiras é un mito dentro do nacionalismo, pero fóra del, continúa a ser unha figura pouco explorada. Era esta a intención á hora de afondar na súa biografía?

Nós o que pretendiamos era darlle tres dimensións a alguén que é unha icona nas paredes, un mural en dúas dimensións. Como persoa e tamén como político, porque un mártir pode selo porque lle tocou estar alí e apañou a bala, pero no caso del, era bastante máis. Independentemente de que el se fixera cargo do que se chamaba o destacamento armado, que non foi o primeiro escollido, si foi o que organizou os xermolos sindicais da UPG e convocou a primeira reunión da fronte cultural. Non foi ao que lle tocou estar alí porque nunha manifestación empezaron a tiros. O que descubrimos, ademais, foi unha xeración que ten moito mérito, porque tiñan todos vintepico anos. Nunhas circunstancias moi amoladas, conseguiu erguer un partido que, dos moitísimos que se crearon daquela, é o único que aguanta.

O feito de que chegase ata nós como mito e non como actor político fundamental do momento, é malo ou bo?

Eu penso que quen administrou a súa figura, que foi o partido, escolleuno como mito porque era, primeiro, unha débeda que tiña con el, e segundo, porque supoño que era máis rendible politicamente. Foi un tipo ao que con 25 anos matárono polo que facía, sería máis útil reivindicar a súa personalidade e a súa figura.

Tiña só 25 anos cando o mataron, pero a impresión que chegou ata os nosos días era a dun adulto formado e moito máis vello.

Esa foi a cabronada histórica, que a foto que colleron, a que tiñan daquela, tiña esa pinta entre Emiliano Zapata e Charles Bronson. Vendo as fotos familiares e as de grupo, é o tipo máis riseiro de todos, non tiña ese aspecto de bandido mexicano que ten.

Esta percepción errada opacou o feito de que os artífices de todo aquel movemento eran unha xeración de mozos de 20 anos?

Si. Nós cando estabamos escribindo, e particularmente eu, tiñamos que facer dúas reflexións, cascar dous freos. Un: eran xente de vinte e poucos, o maior, Ramón Muñiz de las Cuevas, debía ter 30, que confrontaban a influencia sindical de Comisións Obreirase a actuación policial. Por ser moi novos tiñan unha certa purgorrea, o de “agora ti vas fóra”, pero era unha enfermidade xeneralizada daquela. O outro freo é o seguinte: estamos falando do ano 75. Nese ano foi o que Volkswagen sacou o Golf, e os Sex Pistols debían estar xa ensaiando, se é que o fixeron algunha vez. Aquí, a Policía andaba a tiros coa xente, eran mundos moi distintos. Hoxe vas a calquera sitio de Europa e máis ou menos as pintas son iguais. A España de 1975 era máis parecida á Bolivia de 1975 que á Francia desa época. Eran mundos que coexistían no tempo pero que non tiñan nada que ver.

Usan máis de 50 fontes para construír a personalidade de Moncho Reboiras. Como articulan o relato?

A min levoume dez anos ata que me puxen e ata que Xurxo se meteu no proxecto. Falamos con moita xente, con algunhas persoas máis dunha vez. Manexamos moita documentación e tivemos que expurgar moito, porque era moi doloso xa só traducir o galego que se empregaba daquela. Nós queriamos facer un libro que tivera o rigor histórico e a amenidade do periodismo, pero que non fora un tocho. Contabamos con quen o coñeceu, e con quen aos 15 anos xa era compañeiro e ía ao instituto con el, e despois contamos coa xente que estaba no piso cando o mataron. Todo ese percorrido non é como averiguar a historia do empecinado, hai testigos directos. Por malas influencias dalgún historiador ameno, quería empatar un pouco máis a cousa persoal co asunto. Quería que cada persoa se encargara dunha época. Iso funcionaba co irmán ou con Pepe de Teis, pero despois xa había demasiadas voces. O curioso das voces é que non había apenas contradicións, independentemente de que cada un conta a feira segundo como lle vai nela.

Afondan tamén na etapa da que quizais se falou menos, eses comezos da organización na clandestinidade. Como exploran esa parte?

As aventuras son unha narración con ritmo cinematográfico, é unha persecución na que pegan tiros a alguén. O que intentamos facer é quitarlle esa épica que rodea a este tipo de asuntos. El non disparou ningún tiro cando o mataron. El escapaba, pegáronlle tres tiros, un deles practicamente fixo que se desangrara. El acubillouse alí no portal, os outros tiraron unha granada, e estiveron esperando tres horas sen atreverse a entrar. Eran cousas dramáticas, pero había cousas moi paveras. Se ves o paso do río Miño de Margarita Ledo morres da risa, se a cousa non fora tan grave. Pasar o río nunha balsa de praia tirando unha pedra atada a un cordel, para que os do outro lado a collan, e non daban chegado coa pedra ao outro lado do río. A corda empezou a choupar auga e afundíaselles. Xa dixeron, “bueno, ao carallo”, púxose en bañador, chegou de milagre, perdeu parte da roupa na travesía. Apareceu outro, deulle unha vara e díxolle: “vou buscar a roupa”. E a vara? “Porque hai culebras”. E aí estaba Margarita Ledo, coa vara e un bañador. Era todo moi precario. Os dous núcleos eran Vigo e Monforte. Denunciounos a policía por comprar mil folios na librería El buen Jesús, que dependía do bispado. Pasámolo moi ben escoitando á xente. Houbo algún moi reticente, que non quixo saír.

As circunstancias da súa morte son outro punto de debate. Falouse de accidente por disparos ao aire e tamén de suicidio. Vostedes afirman que lle deron caza.

Daquela, os disparos ao aire terían unha eficacia tremenda. Chantáronlle tres tiros na espalda, un rebote pode haber, pero tres, non. Os que estaban con el, Elvira Souto e Lois Ríos, din que non lle viran pistola, e non disparou sequera, non houbo enfrontamento ningún. Daquel comando, penso que ningún disparou un tiro nunca, agás Lito. O suicidio? Contan que se escoitou un disparo e se fixo o silencio, e el levaba xa tres horas morto. Morreu desangrado, porque unha bala lle afectou a unha arteria. Ademais, non tiña ningún tiro na cabeza: o informe policial di que si, pero a autopsia que non.