O Circo de Artesáns cumpre o próximo ano 175 anos. “É a sociedade viva máis antiga de Galicia”, conta o xestor da área de Cultura, Manuel Miragaia. Na súa traxectoria, perdeu a súa maxestosa fachada, pero segue en San Andrés, procurando ser punto de encontro de moitas xeracións.

Tras a pandemia, como se atopa o Circo?

O Circo xa ten actividades, estamos normalizado máis ou menos o tema dos bailes. O Circo ten dúas almas, unha instrutiva e outra recreativa. O dos bailes xa funciona e con bastante éxito. En canto a actividades culturais, estamos facendo unha serie de conferencias de moito interese. Tamén haberá concertos e o historiador Suso Martínez fará unha representación de Eduardo Pondal.

Como organiza a programación?

Pensando en todos os públicos. Queremos facer actividades que poidan traer a bastante público. Outra cousa é que se consiga. Hai actividades interesantes e conferenciantes prestixiosos. Así teremos mais posibilidades de conseguir público. Abordamos temas que poden interesar a distintos tipos de persoas de distintas idades.

Cal é o obxectivo da institución?

O Circo quere seguir sendo un ateneo, como foi no pasado. É necesario que o Circo desenvolva moita actividade e que teña moita incidencia social. A cultura do ateneo é moi importante. Un ateneo é una asociación enfocada a un traballo de cultura e con persoas de todas as tendencias. Un espazo no que haxa tolerancia. Queremos persoas con distintos planteamentos que traballen en común. Ao longo da súa historia, no Circo houbo xente diversa capaz de entenderse. Neste momento é moi necesario iso. Non só na Coruña, na sociedade en xeral. A sociedade necesita máis cultura, máis ilustración e máis tolerancia. O Circo foi definido no pasado como ateneo de Galicia. A súa influencia cultural non ficaba só na Coruña, se espallaba por Galicia.

Perdeuse esa importancia nos últimos anos?

Houbo anos máis e menos brillantes. Pero é unha traxectoria de moitísimos anos, así que tentamos revitalizala e recuperar ese pasado tan brillante. Sobre todo aqueles primeiros 36 anos do século XX, foi a etapa máis esplendorosa. As persoas que coñecen a historia local e galega saben da importancia de Circo. As xeracións máis novas pode ser que non saiban como era. Pero aí está nos arquivos e nas hemerotecas.

Como chamar atención desas xeracións máis novas?

É un traballo difícil. Pero a intención esta aí. É fundamental implicar ás novas xeracións porque son o futuro da sociedade. O traballo é complicado. Moitas veces hai persoas que están desapegadas da cultura. Temos que conseguir que haxa un interese.

O Circo ten un tesouro, a súa biblioteca. O Concello anuncio que comezará a súa catalogación e creará un aula de estudo. É o camiño para que sexa un referente na cidade?

Si. É moi importante coidala. Queremos poñela en valor y en funcionamento, que agora non está. O noso obxectivo é que se poda acceder a ela e aos seus recursos. Temos libros que non existen en ningures. Ademais, a biblioteca ten arquivos antigos da sociedade e cidade da Coruña, fundamental para saber a súa historia. A idea é abrila á xente e facer unha aula de estudo. Os interesados poderán consultar libros, aínda que haberá algúns aos que só poderán acceder investigadores, porque teñen gran valor e poden estar deteriorados.