A artista e videojockey Marta Verde creará mañá pola tarde material visual en directo para acompañar aos DJ Jus Kno’ e Koroiev no peche do recital do festival de música electrónica Fanzine Fest, na sala O Túnel. Hoxe haberá unha actuación gratuíta a partir das 18.00 horas na Fundación Luis Seoane.

Como será a actuación?

Non teño moita estrutura. Vou a acompañar a dous DJ que non coñezo de nada, e vai ser bastante improvisado, algo que me gusta moito.

Que ferramentas emprega?

Levo moitos anos traballando neste campo, e sempre o fixen con programación e arquivos de vídeo. Nestes últimos anos estou traballando tamén de xeito analóxico, con sintetizadores. Mestúroo esta dimensión coa parte dixital.

Creao todo no sitio?

Os instrumentos cos que traballo non empregan ningunha imaxe de base. O sintetizador principal vai creando distintos gráficos, outros módulos os poden modificar, e con técnicas de retroalimentación podo ir engadindo outras capas. Vou creando a imaxe reaccionando á música, non hai plan (ri).

Fixo Belas Artes, e logo comezou a facer visuais para o proyecto Trépia, de música folclórica.

Teño que darlle as gracias aos amigos de Trépia porque me meteron nisto por casualidade. Eu vivía en Pontevedra e nos últimos anos da facultade tiven clases de vídeo, e me molaba. Dixéronme que querían traballar con vídeo en directo e foi a primeira vez que escoitei que iso se podía facer. Empecei a fochicar e vin que era por onde quería tirar. E que tiña que aprender a programar e crear as miñas ferramentas.

Agora traballa con software que fixo vostede mesma?

Vou desenvolvendo pequenos programas que fan diferentes tipos de gráficos. Tamén programo análise de audio: as diferencias da música van afectando aos gráficos que saen. E hai sempre unha compoñente bastante importante de factor humano. Estou manexando o programa en directo, e segundo teña o día vou improvisando, e sempre sae diferente.

O videojockey está vencellado sobre todo á música electrónica.

Dentro da música electrónica hai moitos campos: techno, house, temas máis experimentais... A min gústame máis o lado experimental. Pero tamén comecei co proxecto Trépia, que era folk electrónico, teño feito performances con frautistas, incluso cun pianista unha vez en Málaga... Gústame mudar de músico, porque tamén supón un reto.

Agora tamén é profesora.

Levo seis ou oito anos. Comecei a dar pequenos obradoiros en festivais, e logo estiven na Politécnica, en La Bau de Barcelona... Cando rematei a carreira non pensaba dedicarme á docencia, pero gústame estar en contacto cos estudantes. Fun compaxinando o traballo artístico para empresas ou axencias de publicidade, pero a docencia dáme de volta algo máis interesante. Agora traballo niso en Valencia, full-time.

Que facía para empresas?

Traballaba en programación, para instalacións interactivas, feiras, eventos, festivais...É un traballo creativo, pero tamén tes máis directrices.