Definición: s. m. Moda ou tendencia baseada en ter (ou manter) animais con fins recreativos ou sentimentais no seo do fogar ou na contorna inmediata dunha persoa, sen que estes animais satisfagan necesidades como a alimentación, suplemento de materias primas (coiro, lá, etc.), transporte ou deportes. NOTA: esta verba non figura (aínda) no dicionario da RAG.

Palabras e expresións relacionadas: Mascota, con dobre acepción no dicionario da RAG, na que a segunda é “Animal de compañía”. Peluchismo, similar a mascotismo pero cunha connotación máis frívola ou “cursi”. Mascoteirismo, o mesmo que mascotismo, pero con maior énfase nos propietarios e propietarias de mascotas (mascoteir@s).

Cal é a súa importancia no ámbito do naturalismo?: as palabras mascotismo e peluchismo son empregadas de xeito crecente en análises sociolóxicas e, especialmente, socio-ambientais e naturalistas. A subliñar, os sectores beneficiarios da tenza de mascotas (tendas, perruquerías caninas, veterinarios…) apenas usan a palabra mascotismo e nunca a de peluchismo.

Por que está en voga esta palabra?: mascotismo aparece recurrentemente en redes sociais e en blogues, case sempre cando son tratados temas vencellados coa conservación da natureza. Eis aquí algúns exemplos: a) a recente moda de ter nos fogares animais denominados “exóticos” (iguanas, tartarugas, ofidios, mapaches, etc.), que implican frecuentes escapes que comprometen á fauna e flora nativa; b) o crecente volume de recursos naturais destinados á alimentación, saúde e protección das mascotas, conlevando a miúdo problemas ambientais; e c) especialmente, as innumerables infraccións da lexislación vixente (ver addenda), sendo grave o caso de cans ceibos (sen a regulamentaria correa) que molestan ou mesmo matan ás aves silvestres que descansan, se alimentan ou crían. Estas molestias acontecen mesmo en zonas protexidas, estragando a miúdo a cría de aves ameazadas, como a píllara das dunas (Charadrius alexandrinus).

Addenda: hai lexislación que se incumpre diariamente por parte de donos e donas incívicos de mascotas: por exemplo, o Decreto 153/1998 do 2 de abril (Lei 1/1993 do 13 de abril sobre protección de animais domésticos e salvaxes en catividade); o Decreto 37/2014, do 27 de marzo, polo que se declaran zonas especiais de conservación os lugares de importancia comunitaria de Galicia e se aproba o Plan Director da Rede Natura 2000 de Galicia (Artigo 61. Uso público e actividades deportivas; apartado 3.e.5ª.); e a Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia (Art. 88. Garantía de conservación das especies), entre outras.