Para a directora e guionista afincada na Coruña Ángeles Huerta, O corpo aberto é, como todos os proxectos que fai, “unha necesidade”. Xa o fora Esquece Monelos, o filme co que percorría, entre outros camiños, o deste río soterrado na cidade. Desta volta, é unha película de ficción, que adapta un texto de Xosé Luis Méndez Ferrín, o relato Lobosandaus, que é o que abre o libro Arraianos.

“Non ten nada que ver e ten todo que ver con Esquece Monelos, desde o momento en que a fago eu e que a dirixo eu”, comenta Ángeles Huerta, que define o xermolo desta película, que agora está en fase de filmación, coma un “relato gótico, folk, de terror, con tintes románticos”, aínda que asegura que tamén ten retallos “de política”, “porque a mirada é política”. Conta a historia de Miguel, un mestre de escola que chega en 1909 a un lugar na Raia entre Galicia e Portugal.

“Cando estaba con Esquece Monelos xa andaba teimando neste proxecto e empezamos no ano 2017 a desenvolvelo, que foi cando Esquece Monelos chegou ás salas. Eu lin este relato de Méndez Ferrín hai anos e desde aquel momento xa me atrapou e xa vin que había unha película nel”, recoñece Ángeles Huerta que estes días está a rodar nas vilas ourensás de Muíños, Lobeira e Calvos de Randín. Asume que quedou “atrapada” pola trama, mais tamén pola estética do relato, por ese mozo que chega a unha aldea do Xurés para “iluminala coa luz da razón” e que se atopa “con todo o contrario aos seus valores e ás súas crenzas”. Huerta sinala que é unha historia de “carne, de pel”, de planos curtos e de ánimas que se meten en corpos doutras persoas, de paixóns desenfreadas que van alén da morte e que adquiren unha dimensión impensable.

“O que a min me interesa é que é unha película de fronteiras, pero non como espazos de rodaxe, senón de saír dos límites. Todos estamos atravesados por certos límites que moitas veces son ilusorios, e a película fala desas delimitacións das nosas identidades. Non entra só o político senón tamén os límites entre o masculino e o feminino...”, relata Huerta.

Coma en Esquece Monelos, é o xeográfico o que desencadea a historia. No documental era a enchente do río o que abría a porta a falar de moitas outras correntes. Aquí é a Raia a que fai que a película encontre un lugar no que contar a historia. “Ás veces pensamos que esas fronteiras están nun lugar e non o están, están noutro ou non existen en absoluto”, reflexiona Huerta, que asegura que o tipo de cine que ela fai parte dunha “necesidade radical”, así que, o feito de que a pandemia adiase un ano todo o proxecto non foi motivo para aparcalo e deixalo esmorecer.

“Pásame coma con Esquece Monelos, cando me preguntaban por que a fixera, sempre respondía que non podía non facela e con esta, igual. A pandemia fíxome decatarme de que a película había que facela, cando e como fose, pero era unha necesidade, ao principio, individual, pero xa é unha necesidade colectiva, porque a rodaxe está a ser épica. Estamos a ter unhas condicións moi duras”, confesa Huerta. E con isto refírese non só á climatoloxía senón á esixencia da película, tanto técnica como artística. “A min iso é o que me emociona”, confesa, porque unha cousa que estaba só na súa cabeza, case coma unha obsesión, estase a convertir nun proxecto no que todos os que participan o están a dar todo para sacalo adiante.

Para levar á gran pantalla este relato de Méndez Ferrín, tanto Huerta coma o coguionista do filme, Daniel Domínguez, tiveron que darlle un pulo máis á historia e, co beneplácito do autor, permitíronse explorar outras posibilidades deste primeiro relato de Arraianos.

Ferrín está a ser moi xeneroso porque nos cedeu o relato e porque nos dixo que confiaba en nós para facer a película. Eu íalle contando por onde iamos levando o relato e dicíanos que fixeramos o que quixeramos. Porque a trama no relato morre nun punto que nós levamos máis alá, hai personaxes que non saen e outros que desenvolvemos moito máis”, adianta Huerta.

A película, que está protagonizada por Tamar Novas, está rodada en galego, aínda que tamén ten conversas en español e en portugués. E conta tamén coas interpretacións de María Vázquez, Federico Pérez, Elena Seijo, Miquel Insua e a portuguesa Victoria Guerra. A coruñesa Mercedes Peón é a encargada da banda sonora da longametraxe.

Agora, o equipo está na fase de rodaxe e quedan aínda moitos meses de traballo, así que, a produtora conta con estrear o filme a finais de verán e que chegue ás salas no outono. Huerta define este proceso coma un amor porque precisa implicación e porque fai que o paso do tempo se viva dun xeito diferente, precisamente por iso, porque hai “paixón”.