Nesta primeira ponte de decembro, ocorre algo polo que ninguén tería apostado hai un par de anos. A Coruña ten un dos seus principais atractivos turísticos nunha antiga nave do peirao de Batería. A exposición de fotografías de Peter Lindbergh, impulsada por Marta Ortega, non só está a espertar un grande interese. Tamén pon de manifesto que moitas das cousas que levamos dicindo desde a Marea Atlántica, os movementos veciñais e diversos colectivos son certas.

Sen mover un papel, cun mínimo desembolso, e con vontade de facelo, pódense abrir os peiraos de novo á cidade. Para exhibir 150 obras de Lindbergh á beira do mar non foi necesario desafectar os terreos, non tiveron que cambiar de titularidade, non se asinou ningún acordo complexo. Non se construíu ningún edificio fastuoso, rehabilitouse o que había. Nin o presidente da Autoridade Portuaria nin o de Puertos del Estado lle pediron a Marta Ortega 20 millóns de euros para comezar a falar. Iso só o fai co Concello da Coruña.

O uso do dominio público portuario, desde logo, non está limitado ás exposicións artísticas, por moi meritorias que sexan. Podemos pensar no espazo público, no traballo no mar e sobre o mar, na investigación, no emprego... O proceso será o mesmo: ter vontade.

O único obstáculo real é a inmensa débeda, con intereses próximos á usura, que pesa sobre a Autoridade Portuaria, e que Puertos del Estado non quere condonar, como xa fixo en Valencia. O resto son escusas, política pequena e repetición do vello truco de sempre: os beneficios do ladrillo por diante de todo o demais.

O traballo de Lindbergh como fotógrafo trascendeu o mundo da moda e obtivo o recoñecemento universal polo seu valor artístico. Oxalá esta mostra que acolle agora o peirao de Batería trascenda tamén, e sirva como exemplo de que podemos gañar o porto.