O Othello de Shakespeare representouse por primeira vez hai case 420 anos, e a trama é coñecida. O personaxe que dá nome á obra, un capitán moro ao servizo de Venecia na guerra contra os turcos, vese manipulado polo ladino Iago ata crer que a súa esposa Desdémona o engana, e acabala matando. A compañía Voadora revisitará o clásico este venres ás 20.30 horas no teatro Rosalía de Castro, cunha adaptación na que segundo explica a súa directora, Marta Pazos, buscan “contar a historia desde a perspectiva dos personaxes non privilexiados”.

Porque, pese ao nome do texto, para Pazos Othello é un “falso protagonista”, e o verdadeiro é Iago: “home, branco, de mediana idade” e que se guía por unha “masculinidade tóxica”. Na versión de Voadora, escrita polo dramaturgo Fernando Epelde, respectase o texto de Shakespeare, pero engadindo monólogos “que abren ao público a intimidade dos personaxes femininos, Desdémona e Emilia [a esposa de Iago]”; a voz da primeira, muller e vítima da violencia do seu esposo, “vertebra” agora a narración, cando no orixinal a súa morte é unha “acotación”.

Pero Pazos non cre que Desdémona sexa unha personaxe pouco desenvolvida no texto orixinal, e considera que Shakespeare a fai transcender do papel de mera vítima. “Eu vexo unha personaxe feminina moi evolucionada”, considera, en comparación con outras pezas do teatro da época. En O soño dunha noite de verán, tamén do dramaturgo inglés, Hermia fuxe co seu amante porque a súa familia é contraria á relación, e Shakespeare “fai diso toda a historia da personaxe”. En cambio, cando comeza Othello Desdémona xa casou co moro, “pasando por riba do pai e das tradicións, o que é unha idea moi moderna”. Pese a que a personaxe é máis nova que Othello, “ela é máis madura e rotunda”, aínda que se vexa atrapada “nunha rede que non ve vir”.

En canto ao famoso monólogo de Emilia na obra orixinal, sinala que “parece sacado dunha manifestación do 8-M”. Falando do adulterio feminino, Emilia sinala que “Eu creo que é culpa dos maridos / se as mulleres caen” e critica aos maridos que as enganan, ameazan e impiden ir a onde queiran, sinalando que “os esposos deben saber / que as súas mulleres teñen sentidos como eles”. “Son personaxes moi evolucionadas para a tradición isabelina, moi maduras” defende a directora da obra, que considera que estes textos son “un teatro universal e atemporal”.

E Othello, pese a que se convirte en asasino, tamén é unha vítima dos prexuízos dos demais e dos seus propios. “Sufre unha grande islamofobia no texto orixinal” explica Pazos “e está cegado por unha masculinidade tóxica”. Para a directora, o interesante non é “xulgar” aos personaxes, senón explorar e intentar explicar “por que Othello cae nesa manipulación, despoxado do seu xuízo”. Ou por que Iago “ten complexo de inferioridade”, derivado tamén dunha concepción patolóxica da masculinidade, que o leva a desexar a caída de Othello.

E, tamén, ver “que paralelismos hai coas relacións que se producen na nosa sociedade”, xa que aínda que “agora son moitísimo máis diversas” hai temas “que se plantexaban na época de Shakespeare e que non evolucionaron case nada”. Outro punto de actualidade son as fake news, das que “a grande representación é Iago”. “É unha das razón pola que escollemos a obra” reflexiona Pazos “vivimos na grande época das mentiras. É moi difícil contrastar, enseguida cremos o que lemos, sabendo que pode estar moi facilmente manipulado”.

Na obra participan só seis intérpretes (Joaquín Abella, Ángel Burgos, Ana Esmith, Chumo Mata, Mari Paz Sayago e Hugo Torres), co que fan de máis dun personaxe. Foi un dos grandes retos para os actores xunto con respectar a coreografía e a situación no escenario. “Foi moi intenso porque é un espectáculo moi técnico” sinala Pazos, que ten “un xeito de facer a posta en escena como se foran un cadro, co que os actores deben pararse sempre no sitio, hai luz que os persegue”. Outro dos puntos importantes foi a cor e á iluminación. “O vestiario dos homes é todo negro, lembrando á auga dos canais venecianos pola noite” exemplifica.