O primeiro brote que tivo Antonio Tizón foi aos 21 anos, era 1982, estaba en Madrid, estudando xornalismo e non se lembra de nada, só de que lle pediu ao psiquiatra permiso para que lle deixase ver na televisión o escrutinio das eleccións xerais que gañou Felipe González. Daquela estaba internado polo que foi o seu primeiro e máis grave brote psicótico que tivo na vida. Non lembra nada máis, nada do Mundial, nada de Naranjito. O tratamento —con electroshocks incluídos e con medicacións que non lle fixeron ben— deixoulle lagoas que xa nunca máis conseguiu encher.

Logo de moitos anos de terapia, de ir pasando duns doutores a outros, conta Antonio Tizón, que conseguiu entenderse e coñecerse moi ben, tanto como para detectar enseguida cando está a entrar en fase maníaca e cando na de depresión, porque así é el e o seu trastorno bipolar, unha característica que xa tiñan os seus antergos e que, daquela, eran considerados “raros”.

Agora que a enfermidade mental empeza a perder os estigmas que a acompañaron durante séculos, Tizón presenta o seu novo proxecto audiovisual, Non hai espellos nos manicomios. Biografía dunha superación, o luns, 13 de decembro, no Fórum Metropolitano, a partir das 19.00 horas. Para asistir a este acto cómpre inscribirse no correo ozagaiteiraoscastros2@gmail.com.

Neste proxecto, Tizón compón un diario sobre a súa enfermidade a través de fotografías do seu álbum familiar, de poemas de verso libre e romances —porque conta con Miro Casabella para lle poñer música e voz, aínda que o luns non poderá asistir ao acto—, coa pintura de Mari Quinteiro e coa colaboración de Antón Ramos, na imaxe e o son. Biográfico é tamén o documental que proxectará no Fórum, xa que Tizón repasa nesta peza audiovisual a súa vida e a súa convivencia coa enfermidade, como foron aqueles máis de trinta meses nos que non dixo nin unha palabra ou como sente que non se cansa por moito que camiñe e sabe entón que está a piques de ter un brote, ou como de importante é que os enfermos mentais aprendan a coñecerse para evitar deixar a medicación cando se atopan nas etapas de euforia.

Na presentación deste proxecto audiovisual contará coa presenza de Henrique Sanfiz, que é director de Radio Fene Radiofusión, a cadea na que se grava o podcast do seu libro Os incurábeis; con Aser Álvarez, director de Arraianos Producións, co que Tizón fixo este proxecto, e tamén con Juan Carlos Díaz del Valle, que é psiquiatra e que se encargará de refutar algunhas das crenzas que existen ou existiron sobre os enfermos mentais. Tamén haberá no acto un representante da Asociación Pro Enfermos Mentais (Apem).

Sobre o título do proxecto, este escritor polivalente aclara que si, que é certo, que “non hai espellos nos manicomios” porque poderían supoñer un perigo para os internos, como “tampouco hai cintos nin cordóns de zapatos”. Tizón, ademais, puntualiza que “en pleno brote”, unha persoa enferma non está a ver a realidade e, por iso, non é recomendable que teña diante un espello, pode “pensar que o queren matar” ou que a imaxe que lle está a devolver non é a súa.

Sobre o impacto da pandemia nas enfermidades mentais, Tizón cre que foi nas “persoas normais”, nas que nunca foran diagnosticadas, nas que máis impactou, porque as que estaban en tratamento seguiron con el, aínda que, co paso do tempo, pensa tamén que esa rutina rota de súpeto e a falta de acceso á terapia impactou forte no seu colectivo.

Para avanzar e para “normalizar” a enfermidade mental, para borrar estigmas e para desterrar ideas como que os enfermos son violentos ou perigosos é polo que fai este proxecto, polo que conta a súa vida, atravesada pola bipolaridade. Pensa que facer accesible a enfermidade mental ao público, ben sexa a través das súas novelas policiacas, ou dos seus poemas e vivencias, é unha porta aberta a un mundo mellor, máis comprensivo e máis coñecedor das enfermidades mentais e das súas complexidades.