Dez cabezas pensan mellor ca unha. E se as colocas no escenario adecuado e fomentas o debate e o contraste de posturas, o proceso resulta, aínda, máis enriquecedor. O pazo de Mariñán foi centro neurálxico, estes días, dun xuntoiro singular, do que tomaron parte algúns dos escritores e xornalistas máis relevantes do panorama literario actual. O obxectivo, poñer en común as súas apreciacións sobre os postulantes ao premio Torrente Ballester. O intercambio, neste caso, frutificou en dous agraciados: María Cureses, pola súa novela Ni luz ni llanto, e Raúl Santos, por Cornucopia, nas categorías de castelán e galego respectivamente.

O proceso que levou á escolla foi diferente ao doutros certames literarios, nos que a decisión se vive dun xeito moito máis individualizado, e a posta en común ocupa un lugar secundario, cunha reunión breve nun despacho ao uso.

Neste caso, os integrantes dos xurados de ambas linguas conviviron en Mariñán durante unha tarde e unha noite, nas que puideron intercambiar impresións sobre as obras finalistas e o sistema literario. No pazo déronse cita grandes figuras da literatura que empezaron as súas carreiras, precisamente, cun premio Torrente Ballester, como Ignacio Martínez de Pisón, que se fixo co galardón hai agora 30 anos nunhas circunstancias sensiblemente distintas.

Deliberación do xurado en galego L.O.

“Cando eu o gañei, celebrouse un acto na Deputación. Aínda estaba vivo Torrente Ballester, o que lle daba máis presenza a cousa. É interesante decidilo así, encerrado nun sitio coma este”, conta Martínez de Pisón, que apura os seus últimos intres en Mariñán, un espazo digno, aos seus ollos, de se transformar en lugar de ambientación literaria. “A escaleira de pedra reflíctese sobre o auga da ría de Betanzos. Ten todos os elementos para pasar á historia como pazo con todos os tópicos. Foi unha experiencia bonita, nunca estivera durmindo nun pazo”, reflexiona.

A conversa intramuros, sinala, acompañou o encanto do enclave escollido. Xunta el, facían parte do xurado do premio en castelán a xornalista Lucía Taboada, a poeta e editora Dores Tembrás, o escritor Domingo Villar e a escritora Clara Escajedo, gañadora da última edición do certame. “Cando te pos a falar de libros, sabes cando empezas pero non cando rematas. E tempo, tivemos”, resume Martínez de Pisón.

Unha impresión parecida levou un dos xuíces da edición en lingua galega, o xornalista e escritor betanceiro Xesús Fraga, que vive un dos seus anos máis intensos tras alzarse vencedor do Premio Nacional de Narrativa pola súa novela Virtudes (e misterios). Fraga atópase agora gozando dun ano de excedencia xornalística e dedicándose plenamente á literatura e os seus compromisos, como o conclave de Mariñán, no que tivo a oportunidade de coñecer e intercambiar pareceres con colegas de gremio aos que tratara só en calidade de xornalista.

“Estivemos deliberando e falando bastante tempo, tanto das obras como dos temas máis prácticos da literatura: axentes, editores, promoción... as experiencias dos outros sempre son interesantes, aprendes e descobres libros novos”, aprecia Xesús Fraga. “Decidir é distinto cando tes os libros na mesa, podes falar, ir ás páxinas...”, explica. Fraga compartiu mesa coa xornalista e escritora Nazareth López, a xornalista Montse Dopico, a escritora María Marco e o gañador do Torrente Ballester en galego do ano pasado, Ricardo Losada.

Do retiro en Mariñán saíron dous escollidos entre máis de 500 obras presentadas. Cornucopia, do autor ribeirense Raúl Santos, inclinou a balanza ao representar “unha parodia moi ben construída, e cargada de ironía, sobre o papel do escritor e a literatura”. Ni luz ni llanto, da madrileña María Cureses, resultou victoriosa, pola súa banda, pola “riqueza expresiva da novela e a técnica narrativa coa que achega o tema da violencia contra a muller en Ciudad Juarez”.