A programación deste Nadal deseñada polo Goberno de Inés Rey vai máis aló das visitas de Papá Noel e os Reis Magos, dos obradoiros infantís e das panxoliñas. O PRESCO Cultural contribúe a axudar a artistas locais coa celebración de 66 actuacións nos barrios da cidade. Unha iniciativa moi completa, con concertos e espectáculos gratuítos para todos os públicos. Comezou o pasado día 10 de decembro e concluirá o día 27, luns.

Espectáculo infantil en Tabacos. // L. O. B. C. [A Coruña]

Hoxe, 18 de decembro

Un dos días grandes do PRESCO con oito actuacións. Os máis pequenos da casa poderán gozar con Meiga da Fonte (12.00 horas) na praza do Ventorrillo. Pola tarde, Matogrande será o escenario do show Detective Gemola (17.00 horas) e Superharte (17.30 horas) animará ao Barrio das Flores. Non faltará a música, por suposto. Black, na praza da Constitución, e Dúbida Dúo, na praza Torrente Ballester, farán bailar ao público ás 13.00 horas. A compañía Kirenia Danza presentará Instante Gradual (17.00 horas) na Fonte dos Surfistas. E, como en toda boa festa, tamén haberá humor con A-Liada Impro (18.00 horas) na praza Padre Busto e Gari Garrido, que fará un monólogo no Barrio das Flores ás 20.30 horas.

Concerto no exterior do Pazo da Ópera. // L.O.

Mañá, 19 de decembro

Os máis madrugadores teñen actuación ás 11.00 horas nos Mallos, con Duende Sico, especialistas en animación infantil. Katarsis Teatro representará Malas Palabras, para nenos e nenas, na praza de María Pita a partir das 12.30 horas. Two Faces (13.00 horas) tocará no paseo das Pontes en sesión vermú, igual que Las Antonias, que terán o seu escenario en Matogrande. A artista Silvia Penide fará un repaso aos seus temas na praza de Monforte, tamén ás 13.00 horas. A programación segue pola tarde coa música de Francho Trío (17.00 horas), en María Pita, e Richi Casas e Fran Barcia (19.00 horas) en Durmideiras, onde tamén haberá danza con Laboratorio Escénico (17.00 horas). Cocer e cantar (17.00 horas) e Castrapo (18.30 horas) son as obras que se poderán ver en praza da Tolerancia e praza de Galicia.Finaliza o día coas risas de Carmen Méndez, Ledicia Sola e Marta Doviro ás 19.30 horas en María Pita.

Pedro Brandariz, na praza do Humor. // L. O.

Xoves 23 de decembro

Marita Martínez será a encargada de poñer o toque de humor a esta xornada co seu monólogo. Comezará ás 20.00 horas na praza de María Pita.

Venres 24 de decembro

O día comeza co concerto infantil de Pablo Díaz (12.00 horas) na praza do Humor. Quen prefira o teatro, a mesma hora hai actuación de Danthea na praza da Tolerencia. Adelaida Pittaluga tamén actuará para o público máis pequeno, na praza de María Pita ás 13.00 horas. Nunca falta o humor de Pedro Brandariz. Esta vez estará na praza do Ventorrillo a partir das cinco da tarde. A de Noiteboa será unha tarde de moita música con tres concertos en diferentes barrios da cidade. Todos ás 17.00 horas. Na praza de María Pita estará Almas de Cántaro. Grupo Fuá tocará na praza Luis Seoane e Dixie Kings fará mover o esqueleto aos veciños de Matogrande.

Sábado 25 de decembro

E chegou o Nadal. Despois de abrir os agasallos de Papá Noel, calquera pode desfrutar co concerto de Fran Amil (12.00 horas) na praza de Vigo. Pola tarde, ás cinco, Martín Camiña presenta o seu espectáculo Feixes de Ilusión no campo de Marte. Pulpiño Viascón levará a súa música aos Mallos (17.00 horas). A partir das 19.30 horas é o turno do humor con izquierdo Sisters, na praza de María Pita, e Oswaldo Digón, que presenta Outra movida no campo de Marte.

Domingo 26 de decembro

O Mago Bruneti fará maxia no Barrio das Flores ás 11.30 horas. Os concertos de Almas de Contrabando, na praza de Vigo, Irmandades do Falo, na praza de María Pita, e Mar de Fondo, no Barrio das Flores, animarán a mañá. Turma Caipira tocará na praza de Lugo ás 17.00 horas. Rosa e azul, para pequenos, chegará á praza Elíptica. Pepo Suevos e Víctor Grande, ás 19.30 horas, levan os seus chistes a praza de Lugo e Novo Mesoiro.

Luns 27 de decembro

A maxia de Joshua ten unha cita en María Pita (12.30 horas). Pola tarde, ás 19.00 horas, a música de Arredores no mesmo lugar.

>> Os Reis Magos sairán dos Mallos o día 5 de xaneiro

A Cabalgata dos Reis Magos volverá as rúas da cidade. A alcaldesa, Inés Rey, informou hai uns días que Melchor, Gaspar e Baltasar sairán o día 5 de xaneiro do barrio dos Mallos. O Concello ultima o resto do percorrido cos servizos municipais de Mobilidade e Seguridade Cidadá. A intención, segundo a alcaldesa, é que a cabalgata conclúa na praza de María Pita tras pasar por Ramón y Cajal,A Palloza, Linares Rivas, Sánchez Bregua, os Cantóns e a Mariña. Un plan que poderá seguir adiante se a sitaución sanitaria o permite. Os nenos e nenas da cidade e arredores poderán gozar dunha tarde moi máxica, chea de cor, caramelos e agasallos. O ano pasado, o coronavirus eliminou as grandes festas e, tamén, a tradicional cabalgata do día 5. Só un vehículo saíu ás rúas durante dez horas. A máis longa, pero tamén a máis veloz. Os tres Reis levaban música, pero sen os típicos caramelos que tanto gustan. Puideron saudar aos nenos antes de encher a súas casas de agasallos, pero desde o máis alto do bus. O que si fixeron é percorrer todos os barrios da cidade, para que ninguén quedase sen ver a Melchor, Gaspar e Baltasar.