Ademais de participar en diferentes actividades, os nenos e nenas da Coruña poderán coñecer estes días a Papá Noel e aos Reis Magos. O barbudo do Polo Norte xa se atopa no poboado da María Pita, onde estará as xornadas de sábado e domingo, ademais do día 23 e 24 de decembro.

Papá Noel recibirá ás pequenas e pequenos que se acheguen ao poboado a entregar a súa carta en horario de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas. Estará acompañado de varios elfos que o axudarán. Estarán situados nas casas de madeira do poboado. Papá Noel tamén acudirá aos barrios. Hoxe estará, de 18.00 a 20.00 horas, nos centros cívicos de San Diego, Os Rosales, Mesoiro y Os Mallos. Desde mañá ata o día 23 visitará Monelos, Novoboandanza, Monte Alto, O Castrillón e Elviña.

Cando comece o novo ano será a quenda dos Reis Magos. A recepción será en María Pita os días 2, 3 e 4 de xaneiro en horario de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas.

Cabalgata de Reis

A Cabalgata dos Reis Magos volverá as rúas da cidade. A alcaldesa, Inés Rey, informou hai uns días que Melchor, Gaspar e Baltasar sairán o día 5 de xaneiro do barrio dos Mallos. O Concello ultima o resto do percorrido cos servizos municipais de Mobilidade e Seguridade Cidadá. A intención, segundo a alcaldesa, é que a cabalgata conclúa na praza de María Pita tras pasar por Ramón y Cajal,A Palloza, Linares Rivas, Sánchez Bregua, os Cantóns e a Mariña. Un plan que poderá seguir adiante se a situación sanitaria o permite. Os nenos e nenas da cidade e arredores poderán gozar dunha tarde moi máxica, chea de cor, caramelos e agasallos. O ano pasado, o coronavirus eliminou as grandes festas e, tamén, a tradicional cabalgata do día 5. Só un vehículo saíu ás rúas durante dez horas. A máis longa, pero tamén a máis veloz. Os tres Reis levaban música, pero sen os típicos caramelos que tanto gustan. Puideron saudar aos nenos antes de encher a súas casas de agasallos, pero desde o máis alto do bus. O que si fixeron é percorrer todos os barrios da cidade, para que ninguén quedase sen ver a Melchor, Gaspar e Baltasar.