O escritor e músico Miguel Rodríguez Monteavaro estará durante todo este mes de decembro na Residencia Literaria 1863. É o primeiro autor que escribe en galego —farao na variante asturiana— nesta vivenda promovida pola creadora Yolanda Castaño, e tamén o primeiro que escribirá poesía, xa que desenvolverá o proxecto A luz, Orión e a nova luz, que lle valeu a Beca Asturies de Literatura asturiana en residencia, lanzada en colaboración coa Dirección Xeneral de Política Llingüística Principáu d’Asturies. A pesar de que esta conversa está transcrita en galego normativo, a fala de Monteavaro é da variante asturiana, polo que di llume, pantalois e di tar e non estar.

Vai desenvolver na Coruña A luz, Orión e a nova luz, como é este proxecto?

O proxecto ten tres partes: unha é un poemario, outra, que é visual, con vídeo e fotografía, e unha parte musical, para que todas xuntas formen un espectáculo que se poida mostrar ao público e levar a teatros. O que vou facer aquí é a primeira parte. Os textos van ir arredor dun poemario que se centra na vida do mito de Orión, que era un xigante que, en todas as historias, acaba fatal. Nunhas historias acaba con que un escorpión o mata e noutras con que o mata a frecha da súa amante. Acaba mal sempre. Polo medio sempre lle pegan, ten que buscar a cura para a súa cegueira... O que quero facer con todo iso é representar a vida dos rapaces de hoxe ou dos que non somos tan rapaces e temos trinta anos. Representar esa vida nese mito, que andamos vagando por un lado e por outro e que sempre nos pasan movidas e sempre intentamos buscar esa luz.

É o primeiro que escribe poesía e poesía en galego aquí...

Cheguei o día 1 de decembro e ese día non fixen nada, pero o día 2, vinme aquí neste salón onde estamos agora e xa case escribín medio libro, porque ter un espazo así para traballar, fóra de todo, que non teñas que preocuparte de nada... Iso é o primeiro mundo. É un luxo. É un orgullo ser o primeiro, pero seguro que non vou ser o último, seguro que vai chegar moita máis xente que faga poesía e de todo.

E esas notas rosas que ten pegadas no moble, de que son?

Eu teño unha parte de min que non é artística, que é académica. Traballo na Universidade de Oviedo e vou presentar a miña tese de doutoramento este mes e poñer as notas desa maneira axúdame moito. Podes lelas, se queres. Son as variantes da historia de Orión, hai un montón de mitos e de personaxes e póñoas así para orientarme un pouco, porque é o fío condutor de todo o libro.

A variante asturiana do galego, como se mantén a día de hoxe, ten moitos falantes e escritores?

Falantes seremos como uns 40.000 e pode haber como uns vinte ou trinta que o escriban. Non é tan pouco. Hai moita variedade e tamén no xeito de escribir porque existen dúas normativas, a que mira cara á normativa galega e a que o fai cara á asturiana.

En que se diferencian?

Basicamente, a asturiana ten apóstrofos e y e a outra, non. Algunha cousa máis, pero non se diferencian tanto. É unha forma de falar que está moi viva.

A música tradicional axudou a que se conservase esta fala?

Hai moi poucos cantares tradicionales recollidos na nosa zona, na Eo-Navia que sexan en galego, hai moi poucos, non sei por que. Eu fago traballo de campo de recollida de cantares e as jotas e romances van sempre en castelán, as moliñeiras e gallegadas si que mesturan, hai coplas nas que se mestura. Pero non é como nas rías Baixas, que os informantes cantan as cancións en galego, alí non hai tanto diso.

Cando espera que estea rematado o proxecto e que se poida xa amosar?

Espero que este mes de residencia teña unha gran parte dese poemario, conto con que antes do verán estea feita a parte da imaxe, e a música, antes de que remate o ano, para poder presentalo.

Cambiou a idea do proxecto ao chegar a aquí?

Claro! Unha cousa é o que pensas na túa casa e outra cousa o que sae cando sentas escribir no ordenador. Desde que puxen esas notas no moble, xa cambiei a estrutura.

E as imaxes tamén serán tomadas na Coruña ou serán doutros lugares?

Hai de todo. Da parte fotográfica vanse encargar a miña parella e o meu irmán, que son fotógrafos afeccionados de nivel alto, da parte do vídeo aínda non podo dar nomes, porque non os teño confirmados.

Gustaríalle presentar despois este proxecto na cidade?

No Rosalía sería ideal, pero hai que ter os pés no chan, polo de agora, o Rosalía é un pouco grande para min.

E que relación ten coa cidade?

É a primeira vez que vivo no centro dunha cidade grande. Gústame moito que sexa unha cidade tan viva e que teña tendas que non sexan xentrificadas, tamén as hai, pero hai un supermercado aquí detrás, que no centro de Oviedo non o hai. E gústame participar da vida na cidade, tiña entradas para Othello, por exemplo, pero suspendeuse. Ademais, con Yolanda Castaño é todo moi fácil, que coñece a moita xente e eu tampouco teño problema para liarme por aí.

Este é o proxecto máis completo que se fai na variante asturiana do galego?

O primeiro que eu fago si, e penso que no galego de Asturias, tamén. A min gústame moito facer este tipo de cousas, como teño a faceta musical e teño moi preto a artistas plásticos... E como me costa moi pouco liarme coa xent , coñezo a moita xente moi capaz de axudar en proxectos grandes. Á vez, apetéceme moito, porque todo o que fixen até o de agora é dentro do mundo musical ou dentro do poético, e apetéceme moito xuntalo.