O proxecto Bibliodiversidade, que o Centro de Estudos de Xénero e Feministas da Universidade da Coruña desenvolve en colaboración co Concello, explora as posibilidades que posúe a Literatura infantil e xuvenil na tarefa de educar en diversidade afectivo sexual. A investigadora Ana Amigo coordinou, a pasada semana, unhas xornadas na Facultade de Educación para ilustrar sobre o proxecto, nas que tamén participaron, entre outras, a ideadora do proxecto, Renée DePalma Ungaro, a escritora Marilar Aleixandre ou a vicerreitora de Igualdade, Cristina López.

En que consiste o proxecto Bibliodiversidade?

O que fixemos neste proxecto, que conta coa axuda do Concello da Coruña foi, basicamente, facer oito mesas de debate durante un mes, nas que participaron activistas, docentes e bibliotecarias. Nesas mesas analizamos 18 libros, 6 de Infantil, 6 do primeiro iclo de Primaria, 4 do segundo ciclo e dous de último ciclo. Fomos sacando unha serie de conclusións sobre eses libros. O que estamos a facer agora é unha guía de boas prácticas empregando como base os debates xurdidos nas mesas de traballo, para que o profesorado poda abordar este tipo de literatura na aula de maneira crítica. Atopamos que, moitas veces, non teñen a formación ou a confianza suficiente para abordar estas temáticas.

Que debates xurdiron a raíz do proxecto con respecto á literatura da diversidade?

Saíron moitísimos. Falouse da necesidade dunha abordaxe interseccional; moitas veces percibimos que un libro aborda a representación do colectivo LGBT máis, por exemplo, ten imaxes de contido racista. Ás veces, abórdase o acoso a membros do colectivo a través de insultos machistas, como pode ser “nena”. Por que nena é un insulto? Non hai esa crítica nalgúns dos contos. Logo hai outros cunha perspectiva interseccional marabillosa, que practicamente non hai nin que preparalos para levalos ás aulas.

Insisten nas carencias de formación que presenta a este respecto o profesorado encargado de levar estes contidos ás aulas. Que formación precisan os e as docentes?

É complexo. Se esiximos formación, a xente, como non a ten, ten medo de levar o tema a aula, e acabas invisibilizándoo. Iso non é bo. É importante visibilizar o feito de que, na actualidade, as carreiras de Educación infantil e Primaria non hai materias que contemplen isto. A única que había cando eu fixen a recollida de datos da miña tese era unha optativa na Universidade de Santiago de Compostela. Teño un amigo, Xandre Garrido, que fixo un traballo de Fin de Máster relacionado co que fixen eu na tese, pero falando de másters de formación de profesorado. Ningún deles ten ningunha materia relacionada con este tema. Ao final, vivimos un pouco nesa intersección de se é precisa ou non a formación, porque, por un lado, non se está dando. O idóneo sería que as docentes soubesen do que están a falar nas aulas e incluso que persoas cruzadas por esas experiencias fosen ás aulas, pero a realidade é que a formación non existe. É problemático caer nesa esixencia de formación cara as docentes, porque ao final teñen tanto medo a facelo mal que moitas veces non fan nada.

Ana Amigo xunto a vicerreitora de Igualdade, Cristina López, e a ideadora do proxecto, Renée DePalma Ungaro VICTOR ECHAVE

Ás veces, que estes contidos entren nas aulas ou non depende da boa vontade do mestre ou mestra.

Si, ademais, iso nótase nas formacións. Ao ser optativas, quen vai é xente que xa está sensibilizada previamente.

Van as demandas da sociedade adiantadas ao currículo nestes temas?

Das demandas da sociedade e tamén da propia Lei. A lei 2/2014 esixe que haxa formación nos másteres de profesorado. Xa non é que vaia detrás das demandas da sociedade, senón da propia lexislación.

Que títulos que traten o tema da diversidade recomenda?

En galego está Daniela e as mozas pirata, para tema de ruptura de estereotipos. Para tratar temas de identidade está Sirenas, que é unha marabilla a nivel estético, as ilustracións son moi boas. Hai un cómic que se chama La sociedad de los dragones del té, que ten máis partes, que é unha marabilla, porque trata todo tipo de diversidade, partindo da propia diversidade corporal das protagonistas. Para rapazada maior, La hija del huracán pareceume marabilloso, ten moi en conta a interseccionalidade, de feito a protagonista é unha rapaza racializada que fai moito fincapé no discurso decolonial, e iso paréceme interesante para estar plantexado nun libro orientado a crianzas de 12 ou 13 anos.

Hai unha colaboración estreita no proxecto coas bibliotecas municipais. Como se artella?

As bibliotecas municipais tiñan proxectos previos como As municipais entenden ou o club de lectura Queeruña. Falamos con elas, foi todo moi orgánico, estaban moi abertas á colaboración, estaban moi interesadas. Elas plantexan que as bibliotecas son un espazo de encontro e socialización, todo tipo de persoas ten que ter acceso a ese espazo e verse representadas. A colaboración foi impecable e sentímonos moi acollidas en todo momento.