A Real Academia Galega (RAG) presentou onte a primeira tradución ao galego de La tribuna, a terceira novela de Pardo Bazán. Publicada en 1883, esta obra está considerada a primeira incursión naturalista nas letras hispanas e a primeira tamén en reflectir a vida da clase obreira feminina, neste caso as cigarreiras da Coruña. A versión en galego, realizada por Valeria Pereiras, é froito da colaboración do Concello da Coruña e da Fundación Luzes, e coa súa presentación pónselle o ramo á celebración do centenario do pasamento da escritora (A Coruña, 1851-Madrid, 1921).

O volume foi presentado nun acto no que interviñeron a alcaldesa da Coruña, Inés Rey; o presidente da Fundación Luzes, Manuel Bragado; a tradutora e tamén autora das notas do libro, Valeria Pereiras; a académica Marilar Aleixandre, directora de La Tribuna. Cadernos de estudos de Casa-Museo Emilia Pardo Bazán; e o académico Manuel Rivas, codirector da revista Luzes e autor do epílogo que pecha a edición.

Marilar Aleixandre dixo que La tribuna é a novela que “dá voz ás cigarreiras, ás mulleres que nese tempo cobraban a metade do salario dos homes, unha fenda que aínda non se fechou de todo”.

A edición constitúe unha achega que “entretece o Ano Emilia Pardo Bazán e o Ano Xela Arias pois, como afirmaba a autora protagonista do Día das Letras Galegas 2021, o galego é unha lingua de cultura que pode producir literatura e ensaio e, asemade, acoller textos traducidos doutra lingua”, engadiu.

Pola súa banda, Manuel Rivas dixo que a A tribuna é a súa obra máis universal “por ese carácter anticipatorio, pioneiro que ten de entrelazar a emancipación social e feminina”, engadiu o académico Manuel Rivas, que fala no epílogo que asina dun “libro insólito” dunha autora cuxa condición foi a de “vivir en incesante metamorfose”.