A Deputación da Coruña daralle valor durante o ano 2022 á figura do intelectual coruñés Francisco Tettamancy, “un dos grandes da nosa historia que como tal ten que ser lembrado”, suliñou onte a deputada de Normalización Lingüística, María Muíño. A homenaxe da institución provincial consistirá en diversas actividades dedicadas ao autor de Los martires de Carral e La revolución gallega de 1846, entre elas un concurso de murais para estudantes de Secundaria, a edición dun vídeo sobre a súa vida e obra e unha unidade didáctica.

Muíño, acompañada polo deputado de Patrimonio Xosé Lois Penas e a bisneta de Tettamancy, Charo Varela, lembrou ademáis que o monumento aos mártires de Carral, obra do arquitecto Juan Álvarez Mendoza, tense promovido para a súa declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) a través dunha iniciativa rexistrada pola deputada no Parlamento galego Mercedes Queixas, que tamén estivo onte no acto. Non faltaron tampouco colectivos como as asociacións culturais Alexandre Bóveda e Suárez Picallo, Abril de Lume e Ferro e os portavoces do grupos provinciais da Deputación.

A homenaxe a Francisco Tettamancy (A Coruña 1854-1921) prodúcese logo do 175 aniversario da revolta galeguista de 1846, un dos fitos históricos sobre os que escribiu o intelectual coruñés. Tettamancy foi tamén membro fundador da Real Academia Galega, traballador da Deputación da Coruña e membro correspondente da Real Academia das Belas Artes de San Fernando. Ademais dos seus traballos sobre a revolución galega de 1846, participou na xuntanza constituínte das Irmandades da Fala, e no seu legado se conta obra poética e numerosos estudos históricos sobre druidismo, celtismo e diversos elementos patrimoniais como a Torre de Hércules ou as Torres de Altamira de Brión.

“A figura de Francisco Tettamancy é necesaria, merecida e sempre insuficiente para compensar tantos anos de silencio en torno a un home clave e esencial da historia recente do noso país”, destacou o deputado Xosé Lois Penas na presentación da homenaxe.