O actor, guionista e monologuista Federico Pérez leva dúas décadas no mundo da interpretación, e é un asiduo das series feitas en Galicia: desde Era visto!, que protagonizou catro anos, a O Show dos Tonechos, Padre Casares ou Néboa. Hoxe actúa ás 21.00 horas no Auditorio do centro Ágora xunto con Santi Romay coa obra O Montacargas. Adaptan unha peza do premio Nobel británico Harold Pinter, The Dumb Waiter, estreada en 1960 e cunha premisa simple: dous homes agardan nunha habitación ás ordes que lles chegarán a través dun montacargas.

Foron Romay e máis vostede os que traduciron a obra do inglés.

Chegamos á obra pola ansia de Evaristo Calvo, o director da obra, que é unha eminencia no teatro en Galicia. Viña de traballar con outros autores, como Shakespeare, pero quería tirar polo lado do teatro realista, ou, entre comillas “absurdo” [termos que se atribúen á obra dramática de Pinter]. Santi tamén é coñecedor deste autor. Eu estaba máis verde, coñecíao polo premio Nobel pero non tiña a referencia da obra.

Buscaron unha tradución literal ou cambiaron o texto?

Fomos directos ao orixinal de Pinter en inglés, con algunhas referencias a algunhas traducións, como unha versión arxentina. Logo fómoslle dando a nosa volta galega, pero non hai ningún tipo de adaptación aos tempos que corren. Está ubicada onde a ambienta el: fálase de Birmingham, desa Inglaterra máis ou menos profunda, industrial. Somos Ben e Gus, non Manolo e José: é ambientación é pinteriana pura e dura.

Os adxectivos de realista e absurdo, que se atribúen ao teatro de Pinter, semellarían contraditorios.

O absurdo fai referencia ao absurda que pode chegar a ser a nosa existencia, e o empeño en cambiala. Pinter falaba máis de teatro realista, de cousas que che poden pasar sexas quen sexas e esteas onde esteas. A túa vida non depende de ti e está todo fóra do teu control, por moito que nos empeñemos.

Como son os seus personaxes e como se aproximaron a eles?

Ben e Gus son dous tipos cuxo cometido non se coñece cando comeza a obra e están agardando nun cuarto, cada un nunha cama. Están esperando a que pase algo, e pouco a pouco iremos vindo que agardan a recibir ordes para facer un traballo, que non sabemos moi ben cal é. Paréceme un punto de partida realmente interesante para amosar o que quería Pinter: que unha vida é esperar, non se sabe moi ben a que, pero é esperar. E hai xeitos de esperar diferentes. Un pode ser máis impaciente, inquieto ou vehemente, non lle dá chegado a hora, como Gus, o personaxe de Santiago.

E o seu, Ben?

É máis tranquilo, sereno. Xa viviu isto máis veces e sabe que por moito que se poña as cousas non van cambiar. A experiencia dálle un certo pouso, aínda que pode ser aparente: ao final o teatro, como a vida mesma, é interpretar. Eu penso que é unha metáfora do que é a vida: esperar sen saber moi ben o que esperas.

Cal é o papel do humor?

O humor é subxectivo, pero para nós na obra haino, e moitísimo: de feito, pasámolo moi ben montándoa. É un humor que non é branco nin convencional, nin algo que dea para estar escarallando da risa a hora que dura o espectáculo. Pero ten un pouso, moi próximo á retranca galega, de moita ironía e algo de humor negro.

Pinter apela na súa obra a sentimentos de desacougo, de ocasionar medo ao espectador coa incerteza.

A obra transmite a sensación de estar á expectativa, de: “A ver que pasa”. Ese, non medo, pero incerteza de como vai acabar. Esperta no espectador impaciencia e desacougo, polo non saber o que vai pasar. Iso, na vida, algúns levámolo dunha maneira e outros doutra. Con iso tamén xoga Pinter, dicíndolle ao espectador: “Non sabes como vai acabar? Bueno, pois ninguén o sabe, así que intenta saír o menos mal parado posible”. É o que a obra nos suxire a nós.

Todo é nunha mesma habitación, e non hai música. Como están pensados a escenografía e o son?

Tanto o espazo físico como o espazo sonoro son dous personaxes máis da obra. O físico é o cuarto pinteriano no que se desenvolven moitas das obras do autor. Algo tan simple pode ser o mundo enteiro, pode pasar unha vida por aí, e a Pinter axúdalle a dar esa atmosfera case agobiante por momentos, de non ter escapatoria: non saber que pode entrar aí, que pode saír de aí, se se pode saír. É o cuarto como sinónimo do mundo. Este é o taboleiro, e tes que xogar co que hai: este é o campo de xogo onde se desenvolve a túa loita pola vida. E o espazo sonoro, que non ten música propiamente dita, si que inclúe unha serie de efectos e sons que veñen a darlle un debuxo máis completo ao espazo físico.

Vostede formouse en Filoloxía Galega, e traballou como asesor lingüístico en Mareas Vivas e Terra de Miranda antes de pasar a ser guionista e actor. Ese trasfondo axúdalle á hora de escribir e interpretar?

Por descontado, iso sempre me axudou. Eu penso que para un actor ou unha actriz unha parte moi importante é o dominio, ou polo menos as aptitudes necesarias, para desenvolverse nun idioma, neste caso o galego. Sempre me tirou o tema interpretativo, aínda que non teño formación específica. A miña formación empezou especialmente en Mareas Vivas, rodeado de grandes talentos do panorama galego. Foi a mellor escola para empezar, e sempre estarei moi agradecido.