Paula Otero (A Estrada, 1995) estudou Ciencias Biomédicas e actualmente fai un doutoramento no centro de investigación Cimus da Universidade de Santiago, no que investiga o xeito no que os virus causan certos tipos de cancro. Como divulgadora, leva un podcast no que achega a actividade do centro, e, xunto co químico Fran Varela, difunde contidos científicos por Twitch na canle Ciencia e tal. Hoxe participa ás 11.30 horas no Muncyt, coa directora de Observer Science Turism e a ilustradora científica Isa Loureiro no debate Divulgación, comunicación científica e xénero no Muncyt. Forma parte das xornadas A luz da ciencia.

Ve que hai menos mulleres entre as divulgadoras e espectadoras? Hai diferencias segundo as ramas?

Eu penso que as mulleres somos máis reacias, ou sentimos menos atracción, polas ramas máis de tecnoloxías e enxeñería, e aí é onde se nota: hai un sesgo á hora de facer divulgación e no consumo destas especialidades. Na miña carreira eramos moi maioritariamente mulleres, seguramente por ser biosanitaria. Agora, na tese, fago labores de bioinformática, na que hai máis análise de datos, e a día de hoxe a maioría dos que firman artigos disto son homes, aínda que está cambiando.

A que atribúe as preferencias?

Non sei cal é o motivo por que as mulleres reunimos esta enxeñería, pero xa se ve desde a etapa escolar. Hai estudos que reportan que xa en Primaria as rapazas tendemos a ir pola parte bio e deixamos un pouco as matemáticas. Igual é onde debemos centrar os nosos esforzos. E tirar de referentes: hai físicas e matemáticas moi boas e igual temos que ir ás escolas e ensinar que calquera persoa, independentemente do seu xénero, pode adicarse ás enxeñerías ou á Física.

A física Jocelyn Bell, a primeira en detectar os púlsares, afirmou a este diario que as diferencias viñan tamén de fóra da educación formal: os xoguetes para nenos son de construción, os de nenas bonecas.

Non reparara niso, pero ten toda a razón. Ás rapazas dánselles xoguetes de enfermería e medicina, e os homes máis Lego.

E hai diferencias entre a súa xeración e máis antigas?

Si. Agora comezamos unha nova era na que as mulleres nos animamos máis a meternos en certos ámbitos da ciencia que antes non se escollían con tanta asiduidade. Pero só hai que ver cantos catedráticos son homes na universidade e cantas son mulleres. Porén, no meu centro, no Cimus, somos maioritariamente mulleres, ou polo menos a cousa está igualada. Penso que cos anos isto vai cambiar, ou espero que cambie, porque as etapas iniciais xa está moi igualada a cousa, e hai que deixar que pase o tempo para ver como vai evolucionando. Pero tamén é certo que é moi difícil que evolucione se non se toman medidas ao respecto, como a lei Ángeles Alvariño [a modificación do decreto lexislativo 2/2015, que o Parlamento de Galicia aprobou o pasado mes de xullo], que se aprobou hai pouquiño. Para seguir progresando non poder estar en desigualdade a muller, que é a que asume a maternidade, e moitas veces asume o cargo dos coidados e a conciliación.

Que mellorou a lei?

Xurdiu como resposta a un movemento que en Galicia liderou María de la Fuente [científica de As Pontes que demandou ao Instituto Carlos III por discriminación á hora de acceder a unha praza]. Intenta que a maternidade non sexa un atranco para progresar na carreira científica: que o tempo de embarazo e lactancia non prexudique en concursos de méritos para proxectos científicos.

Como comezou Ciencia e tal e por que elixiron Twitch?

Eu xa estaba facendo o Cimus podcast para ensinar á poboación o que se fai no meu centro. A raíz diso Iván Varela propúxome crear unha nova iniciativa nesta plataforma máis novidosa. Foi grazas á labor que fixeran outras dúas iniciativas de divulgación en galego en Twitch, Balea Vermella e Ecos de Xigantes. A plataforma préstase moitísimo a interactuar coa xente: permíteche facer emisións en directo, hai un chat e moita facilidade para compartir contido multimedia. Tamén a utiliza moita xente nova: máis de cara aos videoxogos, pero estase abrindo a moitos outros campos. Estamos moi contentos coa acollida.

Que xente os adoita ver?

O perfil é bastante variado. Hai moita xente nova, non necesariamente investigadora. En todos os programas gústanos ter un convidado, e o perfil de espectador depende de quen veña. Tivemos hai pouco a un profesor de instituto, e ese día moitos dos seus alumnos estaban presentes. Cando falamos con investigadoras que están de estadía noutro país, vennos compañeiros seus...A nosa idea é que calquera persoa poida ver o programa, e intentamos darlle un aspecto non demasiado formal. Queremos ser rigorosos, pero alonxándonos o máximo posible de tecnicismos, para que calquera poida desfrutar dos contidos.

En que está traballando agora ?

Intentamos ver, desde o punto da xenómica, como os virus con capaces de causar cancro. Sábese desde hai moitos anos que o da hepatite B ou do papiloma humano están involucrados nas orixes do cancro de fígado ou de cérvix. Queremos ver como ocorre a nivel do ADN. Por exemplo, no da hepatite B vimos de publicar un artigo no que demostramos o mecanismo: o virus introduce o seu material xenético dentro das células do fígado, e iso fai que perdamos xenes que nos protexen contra o cancro. Queremos ver como aparece, como vai evolucionando, e como ocorre no caso da hepatite B.

A investigación podería servir para crear tratamentos preventivos?

Facemos ciencia básica, pero intentamos que a medio ou longo prazo axude ao paciente. No caso da hepatite B, vemos que as alteracións de ADN que provoca o virus están presentes moito antes de que se che diagnostique o cancro. A hepatite B é crónica, e o virus causa etapas de cirrose ou fibrose, pero hai períodos nos que parece que está inactivado ou non fai moito dano, e os pacientes non toma tratamento antiviral. Pero os nosos descubrimentos amosan que aínda que pareza que non está pasando nada si se está xestando un cancro. Isto podería abrir as portas a modificar a práctica clínica e ver se é necesario axustar as pautas de medicación, a medio prazo.