Como xurdiu a idea de facer este libro?

Foi un encargo de Galaxia logo que escribira un artigo para a revista Grial sobre a miña experiencia da entrada na Universidade de Santiago nos tempos convulsos do 1968. Ao cabo dun mes chamáronme para que escribira sobre a miña experiencia dende que tivera o primeiro contacto coa música ata os nosos días. Meteume un pouco de medo e dixen que o ía facer con moito coidado para non ferir susceptibilidades. O que máis me interesaba era que puidera quedar reflectida a imaxe dun tempo na que non era doado en absoluto cantar e publicar cousas en galego.

De neno aprendeu a tocar o piano, polo que tivo unha formación musical que non era habitual na canción popular.

Foi unha causalidade, porque unha veciña da familia, Acacia Valera, era profesora e concertista de piano. Como me gustaba cantar, dixo que me enviaran para que empezara a coñecer os segredos da música e así, con oito ou nove anos, comecei as clases de solfexo e piano. A profesora acompañábame todos os anos ao Conservatorio da Coruña a examinarme, pero todo quedou truncado cando empecei a ir ao instituto, aínda que rematei cuarto de piano, o que me permitiu coñecer de que vai a cousa e comentar estas cuestións cos arranxadores das miñas cancións.

A súa asistencia ao concerto da Nova Canción Galega foi o momento no que decidiu cantar en galego.

Non exactamente así. Cando cheguei a Santiago levaba unha canción, Meu amor, sacado dun libriño de Anne Marie Morris, A voz fuxitiva, xa que fora alumna do meu tío Xosé Rubia Barcia, que foi profesor universitario nos Estados Unidos. Tamén levaba outra baseada no poema A emigración, de Curros Enríquez, e unha terceira dedicada á morte de Federico García Lorca. Fun por curiosidade a ver o concerto da Nova Canción Galega e, para a miña sorpresa, consistiu nun recital no que un grupo de rapaces subía un por un ao escenario e cantaba cancións en galego baseadas en textos de poetas recoñecidos e algunha de composición propia. Un amigo invitoume a cantar nun festival que se fixo no colexio Santo Agostiño de Santiago e cantei esas tres canción, o que fixo que unha curmá de Xerardo Moscoso me dixera que falara con el porque o que eu facía parecíase moito ao que facía a Nova Canción Galega. Falei con el e xurdiu a posibilidade de que colaborase con Voces Ceibes en recitais, aínda que non fun membro de facto do grupo.

Nese momento tivo un papel fundamental a entrevista que mantivo con Benedicto.

Puido telo porque Xerardo me dixo que era o seu voceiro cando aínda non se chamaban Voces Ceibes. Falei con el e quedeime un pouco sorprendido porque me dixo que a Nova Canción Galega estaba feita para loitar contra a ditadura e quería saber o que eu pensaba, o que me fixo preguntarme se estaba diante dun comisario político. Eu non ía coa intención de ser admitido, senón en todo caso de colaborar naquela experiencia. Tiven como avalistas no grupo a Xerardo Moscoso e Vicente Araguas, que crían no que eu facía, o que supuxo que participara con eles en concertos e mesmo que fora con Benedicto a un festival dos pobos ibéricos que se celebrou en Alacante.

Pode dicirse que a súa aposta foi unha terceira vía entre a canción militante e a comercial?

Eu non pensaba meterme no mundo da canción comercial. Xurdiu como unha casualidade cando fixen un disco coa compañía Philips-Fonogram con temas tradicionais arranxados dun modo diferente para actualizalos. Aí apareceu o tema de Catro vellos mariñeiros, que por pouco me catapulta, xa que eu puxen o freo, ao mundo comercial e das salas de festas.

Cre que moita xente agora sabe que foi vostede quen popularizou esa canción?

Foi o tema que me lanzou a ser coñecido nos catro puntos cardinais da nosa terra. Ao cabo do tempo apareceu un señor que dixo ser o autor e quixen respectalo ao máximo, porque eu recollín a canción dunha gravación de Edigsa en Barcelona dun dúo ao estilo folk, María e Xavier, e na que figuraba como tradicional. Vin que aquilo podía, con outro tratamento e cunha orquestra, facerse popular e realmente foi unha explosión de popularidade, aínda que a min interesábame máis o que eu compuña e os poetas aos que musicaba.

As súas primeiras gravacións foron en Barcelona durante o auxe da Nova Cançó Catalana. Como lle influiu?

A Nova Canción Galega naceu mirándose no espello da Nova Cançó. A discográfica Edigsa estaba moi arraigada no nacionalismo catalán e no 1967 Manuel María gravou con ela un disco con poemas ditos coa súa propia voz. Hoxe non teño dúbida ningunha de que o feito de que algúns cantantes galegos graváramos con Edigsa aconteceu polos contactos con houbo entre o nacionalismo galego aínda incipiente —a través de Manuel María, Méndez Ferrín ou Bautista Álvarez— e o catalán, que xa estaba moi arraigado.

Un dos problemas daqueles anos era a censura.

Iso era tremendo. Cando falo cos meus fillos disto, dá a sensación de que estamos falando do Pleistoceno. Como era posible que para facer un acto público os organizadores tiveran que facer unha memoria e enviala ao Goberno Civil, onde había un censor que se dedicaba a decidir se era programable ou non? Había que mandar todos os textos das cancións e esperar que volveran co cuño de denegado ou permitido. Nun recital meu con Xerardo Moscoso nos Dominicos da Coruña levei unha sanción de 5.000 pesetas daquelas, que non era pouco, por cantar o poema A emigración, de Curros Enríquez, que non estaba permitido, baixo o título de Cántiga. O censor observou que o título non concordaba co texto e ordenou unha sanción que os meus país pagaron estoicamente. Hai que ter en conta tamén que naquela época cantar cousas que non era habitual que se cantaran nesta lingua supuña un compromiso e prohibicións.

Mesmo tivo que soportar incidentes como o do Tenis Club de Ferrol, que aínda lle comentan hoxe.

A culpa foi miña por meterme na boca do lobo. Era a semana na que lle puxeran a bomba a Carrero Blanco e que no Tenis Club había moita xente da Armada e da dereita máis dereita que se poida imaxinar. Malia a miña advertencia á directiva sobre a música que eu facía, dixéronme que non había problema porque os tempos estaban cambiando, pero cando no recital cantei o himno galego por suxerencia dalgúns dos asistentes, outras querían que cantase o himno español. Como dixen que non tiña letra, dixeron que cantara o Cara al sol e foi cando se montou o balbordo, do que tiveron que sacarme pola parte de atrás do local.

Conta no libro a oportunidade que houbo de que cantara cancións de Andrés do Barro producidas por Juan Pardo.

O máis curioso do asunto é que isto se estaba artellando sen que eu tivera idea. Daquela Andrés xa non estaba en condicións de retomar a súa carreira con solvencia e falouse de que eu interpretase algunhas das súas cancións, ao que Juan Pardo dixo que si, igual que Andrés, pero a súa dona negouse e convenceuno, e a cousa quedou aí.

Como ve o caso de Tanxugueiras? Semella que aínda hai xente que non admite que se cante nunha lingua que non sexa o castelán.

Véxoo con ilusión. Hai que ter claro que o concepto de España nace en Castela cun sentido unitario, pero os tempos cambian e o catalán, o éuscaro e o galego son oficiais. Que problema habería en Eurovisión en que unha rapazas representasen a España cantando en galego? Os que protestaron por esta posibilidade son os que antes berraban que Galicia é España. A canción ganadora, cun texto cheo de sexismo, é o que nos representa? Eu boto de menos cantautores que aposten por unha canción en galego. Hai autores galegos que triunfan a nivel nacional e que só cantan algunha canción en galego, pero Serrat fixo ao revés, primeiro cantou en catalán e logo en castelán. Por iso o fenómeno de Tanxugueiras é moi importante, xa que van poder andar por España adiante demostrando que en Galicia se poden facer as cousas en galego con moita dignidade.